A folga indefinida na CRTVG avanza e volve cortar a emisión en directo da Televisión de Galicia. O comité de folga salienta que a dirección do ente público "non amosa vontade ningunha" de atender as súas reclamacións
Xa son sete as xornadas de folga entre as traballadoras e traballadores dos medios de comunicación públicos de Galicia e o comité de folga salienta que a dirección da Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) “non amosa vontade ningunha” de atender as súas reclamacións, que –explican– pretenden “poñerlle freo á externalización de contidos e á manipulación informativa” tanto na Radio Galega como na TVG.
Sen sinais de negociación á vista, a sétima xornada de paros deste luns volveu impedir o normal funcionamento na Televisión de Galicia, que non puido comezar a emisión á hora programada do ‘Termómetro’, o programa matinal encargado a unha produtora externa que substitúe á ‘Revista’, un espazo que se viña desenvolvendo polo persoal dos servizos informativos da Corporación e ao que agora se destinan 16.000 euros diarios, segundo incide a representación do persoal.
As traballadoras e traballadores da CRTVG concentráronse ás portas das instalacións de San Marcos, nos paros convocados en días alternos entre as 11.30 e as 13 horas de maneira indefinida, mais este luns tamén levaron as súas reivindicacións ata a sede da Xunta en San Caetano, coincidindo coa reunión semanal do Goberno galego. O comité de folga asegura que se concentraron ás portas do edificio administrativo da Xunta para “expulsar os males da CRTVG”, uns “males enquistados no tempo” provocados –ironizan– pola “ausencia de diálogo” da dirección do ente público co seu persoal.
O comité reitera que a externalización da produción "é a punta do iceberg dun proceso de privatización" dos medios públicos
Con esta acción, na liña da denuncia da “morte da CRTVG” que escenificaron o pasado venres diante do Parlamento, o comité de folga reitéralle ao director xeral dos medios públicos, Alfonso Sánchez Izquierdo, “que devolva ao ente a produción dun programa –‘O Termómetro’– ata agora informativo, que se permitiu externalizar sorteando a propia Lei de Medios actualmente en vigor, para darlle de comer a empresas ‘afíns”.
Desde o comité de folga reiteran que a externalización da produción “é a punta do iceberg dun proceso de privatización” que consideran que tornará nunha acción “sen cancelas” de aprobarse no Parlamento a nova lei de medios que presentou a finais de xullo o goberno de Alfonso Rueda, unha vez máis –inciden– “sen marxe para a negociación”.
Este martes comeza a recollida de sinaturas para lograr que a ILP 'Liberemos a Galega' chegue a debatirse no Parlamento. Haberá puntos para achegarse a apoiar a iniciativa por todo o país
Os sindicatos que conforman o comité de folga, que constitúen o 85% da representación do persoal, apuntan que o anteproxecto de lei de medios exposto pola Xunta “desprotexe a produción propia, abre as portas á completa externalización dos contidos –incluso os informativos– e senta as bases para a absoluta manipulación da televisión e radio públicas”. De feito, afirman que a CRTVG quedaría, ao abeiro da nova lei, “abertamente ao servizo do Goberno do PP”.
Recollida de sinaturas para "liberar" a CRTVG
Paralelamente á folga na CRTVG, a Plataforma Por una CRTVG ao Servizo do Pobo avanza no seu obxectivo para que a ILP (iniciativa lexislativa popular) Liberemos a Galega chegue a debaterse no Parlamento. Este martes, 22 de outubro, instalará mesas nas rúas de cidades e vilas galegas para iniciar a recollida das sinaturas necesarias.
O acto co que arrinca a suma de apoios terá lugar en Santiago de Compostela, ás cinco da tarde, diante do antigo Café Derby, onde estarán as portavoces da plataforma, as xornalistas Tereixa Navaza e Manuel Pampín. Con esta iniciativa, reclaman que se garanta por lei a independencia dos medios de comunicación públicos do país.
Ademais de en Santiago, haberá posibilidade de asinar para apoiar a ILP este martes en:
- A Coruña: Obelisco, 17h
- Ferrol: Praza de Armas, 17h
- Carballo: Esquina rúa Coruña coa rúa Desiderio Varela, 17h
- Ribeira: Praza Pablo Neruda, 17h
- Lugo: Rúa da Raiña, 17.30h
- Viveiro: Praza Maior. 18h
- Ribadeo: Catro rúas, 18h
- Monforte: Cardenal, 17 h
- Ourense: Rúa do Paseo, 17h.
- O Barco de Valdeorras: Praza do Concello, 17 h
- O Carballiño: Rúa Curros Enríquez, 18h
- Pontevedra: Praza da Peregrina, 17h
- Verín: Praza do Concello, 17h
- Vilagarcía: Praza de Galiza, 17h
- Vigo: Fronte ao Mercado do Calvario, 17h