Dúas traballadoras da CRTVG en folga recibiron este luns a notificación da apertura dun expediente "por falta moi grave" a causa dun presunto "incidente" que coincidiu co comezo dos paros que veñen impedindo a emisión do programa O Termómetro na TVG
Dúas traballadoras da Corporación de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) en folga, ambas da rama da iluminación, e unha delas cun contrato temporal e precario, recibiron este luns a notificación da apertura dun expediente disciplinario “por falta moi grave” a causa dun presunto “incidente” que tivo lugar o pasado venres 15 de novembro ás 11.30 horas, coincidindo co inicio dos paros que se veñen producindo dende o 7 de outubro nos medios públicos tras a cancelación do programa dependente do departamento de informativos A Revista e a contratación dunha produtora externa para a emisión dun contido análogo baixo o nome de O Termómetro nas mañás da TVG.
Segundo denuncia o comité de folga, o director de Recursos Humanos da CRTVG, Víctor Tubío Villar, enviou unha comunicación a estas traballadoras informándoas da recepción dun parte de incidencia emitido polo subdirector xeral de Medios, Agustín Deus Sixto, que traslada uns incidentes que “afectaron á produción do citado programa [O Termómetro], que non se puido emitir e obrigou a realizar uns axustes de emisión desde o control de continuidade con programación alternativa”.
“O incidente foi o exercicio do dereito á folga, nas mesmas condicións nas que sempre se practicou na CRTVG e de maneira análoga a como o exerceron outros compañeiros e compañeiras folguistas nos numerosos paros que precederon ao deste venres”, manifesta o comité de folga, que considera “gravísimo” o “novo chanzo represivo” da dirección da Corporación, quen ademais consideran que se basea “nunha farsa tecnicamente insostible” coa apertura destes expedientes.
O comité de folga denuncia que "o único obxectivo" da CRTVG é "reprimir e amedrentar ao persoal para facer decaer, pola vía do terror empresarial, o libre exercicio do dereito á folga"
“A dirección pretende acusar ao persoal afectado de ‘fraude, deslealdade, abuso de confianza’ ou ‘abuso de autoridade’, cando todas as categorías técnicas implicadas nos paros que desde o 7 de outubro abortaron 19 veces a emisión de O Termómetro operaron de xeito análogo ás profesionais agora seleccionadas como cabezas de turco”, incide o comité de folga nun comunicado emitido no serán deste luns, no que afirman que “o único obxectivo” da CRTVG é “reprimir e amedrentar ao persoal para facer decaer, pola vía do terror empresarial, o libre exercicio do dereito á folga”.
Para os sindicatos convocantes da mobilización –CUT, CIG, CCOO e UGT– non resulta casual que unha das traballadoras expedientadas sexa muller e teña un contrato que cualifican como moi precario. O comité de folga fai un chamado á solidariedade de todo o persoal, e en especial ás categorías de iluminación, control de cámara, son e operadores de cámara ou cámaras de primeira “a reaxir a esta intolerable ameaza”, que estiman ten por obxectivo ademais de impedir o exercicio do dereito fundamental á folga, forzar a emisión do programa externalizado O Termómetro.
Manifestación o 30 de novembro
A manifestación para o “rescate” dos medios de comunicación públicos prevista para o 1 de decembro pasa a celebrarse o sábado, 30 de novembro, en Santiago de Compostela. A mobilización na que se pide a implicación do conxunto da cidadanía sairá ás 12 da mañá da Praza Roxa para rematar na Praza das Praterías.
Haberá unha manifestacion o sábado 30 en Santiago e avanzan un paro de 24 horas para o 13 de decembro
A maiores desta mobilización, o comité de folga convoca paros na quenda da fin de semana para o mesmo sábado de oito da mañá a tres e media, e mais para o primeiro domingo de decembro dende as catro e media da tarde ata a medianoite. Durante o mes de decembro, os paros do persoal en folga manteranse en días alternos, luns, mércores e venres de 11:15 ata 13:45h ata o venres 13 de decembro, cando o comité avanza que se “incrementará a presión” cunha convocatoria de folga de 24 horas, que afectará xa a todas as quendas.
Ese 13 de decembro finaliza a emisión dos 65 programas de O Termómetro contratados por un millón corenta mil euros. A partir dese día, explica o comité, “a folga quedará en suspenso ata que a dirección da CRTVG decida que fai coa produción externa”. Dende o comité fan fincapé en que “confían” na posibilidade de establecer un diálogo coa dirección da Corporación “que permita atopar unha solución e comezar o ano 2025 coa desconvocatoria do conflito”.