Traballadoras e traballadores en folga na Corporación de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) convocan a toda a cidadanía galega a participar nunha gran manifestación en defensa dos medios públicos o domingo 1 de decembro.
As asembleas de persoal da CRTVG ratificaron este martes a continuidade da folga que este mércores chega ás dezasete xornadas. Desde esta semana, os paros amplíanse das 11.30 ata as 13.45 horas para impedir a emisión do programa O Termómetro, a enésima externalización da produción que provocou o inicio desta folga que xa é indefinida.
O 8 de setembro de 2018, tras dezaseis semanas de mobilización dos venres negros do colectivo Defende A Galega, unha manifestación masiva tinguiu da mesma cor as rúas de Santiago. Daquela xa se escoitaron berros que dicían "non á manipulación", "aquí está, aquí se ve, o xornalismo galego en pé", "non pode ser, teñen a galega ao servizo do PP" ou "non nos mires, únete, a tele e a radio de todas é". Desde a sede da Corporación en San Marcos ata a Praza das Praterías traballadoras da CRTVG e mais da delegación en Galicia de RTVE reclamaron a fin das inxerencias políticas no seu labor xornalístico.
A mobilización convocada para o 1 de decembro polo Comité Intercentros da CRTVG procurará unha vez máis "a implicación da sociedade na tarefa de rescate da radiotelevisión pública". Esta vez no contexto da primeira folga indefinida do persoal dos medios de comunicación públicos e coa negativa da dirección da Corporación a abrir un diálogo que permita reconducir o conflito, segundo incide a representación das traballadoras. Os detalles da manifestación faranse públicos nos vindeiros días.
A situación continúa a ser moi tensa para as traballadoras do ente público, o comité de folga informa de que "as persoas con contratos de alta dirección ao mando da CRTVG afondan nas manobras represivas para intentar conseguir desactivar a folga recorrendo ao abuso de poder e a sementar o medo". Neste senso, o comité denuncia a inacción da dirección de recursos humanos ante as "diversas advertencias" que lle fixeron chegar por escrito nos días pasados.