O comité intercentros da CRTVG confirmou que convoca para o vindeiro día 19 de decembro unha concentración diante do Parlamento de Galicia. Será ás 10 da mañá cando o persoal mobilizado dos medios públicos galegos traslade as súas protestas á Cámara galega aproveitando o debate dos orzamentos e coincidindo coa xornada de folga de 24 horas convocada tamén para ese día.
Persoal da CRTVG concentrarase ás 10 da mañá ante o Parlamento e sairá en manifestación ás 12 polas rúas de Compostela
Tal e como adiantara Praza.gal, a mobilización diante do Parlamento rematará ás 12 do mediodía, hora na que comezará unha manifestación polas rúas de Compostela "para facer visible á cidadanía os problemas que sofren os medios públicos galegos e facer partícipes a todas aquelas persoas que desexen prestar o seu apoio as reivindicación das traballadoras e traballadores da CRTVG".
A marcha sairá do Parlamento de Galicia, e percorrerá a rúa do Hórreo ata a Praza de Galicia, República do Salvador e Doutor Teixeiro para rematar na Praza Roxa. Alí, sobre as 13:30 horas, terá lugar a lectura dun manifesto, tal e como destaca o comité nun comunicado feito público este luns.
Profesionais dos medios públicos reclaman "maior carga de traballo, co incremento da produción de programas e a recuperación de servizos como os directos dos informativos, agora privatizados"
Baixo o lema Non ao desmantelamento, non a manipulación, non á represión, as traballadoras e traballadores da Corporación queren amosar "o seu compromiso coa defensa do servizo público da Radio e Televisión de Galicia", así como facer públicas as reivindicacións que levaron a convocatoria de mobilizacións e de paros parciais que comezaron no mes de novembro e que foron secundados por unha ampla maioría do persoal, obrigando mesmo a modificar a programación habitual da TVG algunha xornada.
O comité lembra que o persoal mobilizado reclama "unha maior carga de traballo para a CRTVG co incremento da produción de programas e a recuperación de servizos como os directos dos informativos, que están en mans dunha empresa privada". Entre as demandas están tamén "garantir o emprego e rematar cos contratos mercantís e fraudulentos que aínda están a provocar litixios nos xulgados" e "eliminar a manipulación informativa partidista que se fai da CRTVG dende o goberno da Xunta".
O persoal pide "eliminar a manipulación informativa partidista que se fai da CRTVG dende o goberno da Xunta"
O comité insiste na necesidade de "crear un Consello de Informativos que canalice as protestas profesionais dos e das xornalistas", cumprindo así tamén a Lei de Medios aprobada pero sen aplicarse, ou "poñer fin á represión que sofren moitas traballadoras e traballadores ao amosar as súas opinións libremente non coincidentes coa dirección da Corporación", en referencia aos expedientes abertos aos xornalistas Beatriz Moyano e a Carlos Jiménez nos últimos meses.
O persoal mobilizado esixe tamén "a negociación efectiva dun Plan de Igualdade que ofreza as mulleres traballadoras da Radio e Televisión galegas un trato igualitario e as mesmas oportunidades laborais dentro do desenvolvemento da súa carreira profesional".
Estas mobilizacións, ao abeiro das xornadas de folga convocadas hai semanas, únense ás dos venres negros, que se levan a cabo desde hai máis de medio ano na sede central e nas delegacións da CRTVG.