A xustiza volve ver indicios de que a CRTVG vulnera o dereito á folga do persoal na vixésima xornada de paros

Concentración ás portas da sede da CRTVG na vixésima xornada de folga CC-BY-SA Praza.gal

"Esta decisión xudicial evidencia a existencia das prácticas ilícitas para reprimir ás folguistas", salienta o comité de folga da CRTVG despois de que a xustiza obrigue o ente público a repoñer un traballador na súa quenda de traballo e no posto como produtor do Termómetro, o programa da TVG que vén sendo afectado polos paros 

A xuíza do Xulgado do Social número 2 de Santiago de Compostela atopou indicios abondo da vulneración do dereito fundamental á folga dun produtor do programa O Termómetro, e traballador da CRTVG, e ditou este mércores un auto no que atende as medidas cautelares solicitadas polo seu avogado. Isto supón que este profesional, que recibira unha orde cunha modificación substancial das súas condicións de traballo –como sucedeu hai uns meses con traslados forzosos doutros traballadores que tamén levaron os seus casos á xustiza– para pasar da quenda da mañá á da tarde, agora pode volver exercer nesta quenda e recuperar o seu posto xa que a xuíza ordena á CRTVG que repoña ao traballador de xeito inmediato.

O comité de folga da CRTVG explica que houbo outro traballador, neste caso un técnico de realización, que tamén foi trasladado. Ambos movementos son considerados como unha “represalia” por secundar a folga que este mércores chegou á súa vixésima xornada, impedindo de novo a emisión do Termómetro na TVG e cunha numerosa concentración ás portas da sede da Corporación de Radio e Televisión de Galicia en San Marcos, na parroquia compostelá de Bando, na que participaron a xornalista Tereixa Navaza e o secretario xeral da CIG, Paulo Carril.

Auto no que a xuíza ve "indicios de vulneración de dereitos fundamentais" na CRTVG CC-BY-SA Praza Pública

Vinte días de paros desde o 7 de outubro que este mércores sumaron máis persoal en apoio dos dous traballadores cun expediente disciplinario en curso por “falta moi grave”. “Practicamente todo o equipo técnico do Termómetro está na concentración”, celebrou a presidenta do Comité Intercentros da CRTVG, Raquel Lema, que relatou como na tarde deste martes varios cargos do ente público participaron nunha proba para comprobar se era viable emitir o programa O Termómetro sen contar cos profesionais de iluminación. Un intento máis para tratar de frear os cortes de emisión que está a provocar a folga. “Imos saír nos libros de Historia por facer televisión a escuras”, dixo Lema, megáfono en man.

"Non perdemos a esperanza de que se abra un diálogo coa dirección da CRTVG porque esta situación é insostible"

“Esta decisión xudicial evidencia a existencia das prácticas ilícitas para reprimir ás folguistas”, salienta o comité a raíz do auto xudicial. O xuízo do produtor está previsto para febreiro, dende o comité de folga incidiron en que se a sentenza é favorable, como parece estimarse pola resolución da xuíza, sería a cuarta ocasión na que os medios públicos de Galicia son condenados por vulnerar o dereito á folga. “Mantemos a calma e a alegría", resumiu un traballador este mércores, “que sigan que nós aquí estaremos". 

Non perdemos a esperanza de que se abra un diálogo coa dirección da CRTVG porque esta situación é insostible, e lonxe de amainar está indo a máis porque cada vez vulneran máis dereitos”, defende Raquel Lema. As traballadoras mobilizadas seguirán reclamando que se recupere a franxa de produción propia das mañás da TVG, que ocupou durante case trinta anos o espazo A Revista. “Temos moi pouco tempo de produción propia e seguiremos reclamando que volva este espazo das mañás, non só para recuperar a carga de traballo, senón porque se perdemos o control sobre os programas que son claramente informativos a manipulación está aínda máis servida”, aseverou a presidenta do organismo de representacion das traballadoras.

Tereixa Navaza na concentración en San Marcos CC-BY-SA Comité Intercentros CRTVG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.