As conmemoracións polo cuadraxésimo aniversario da autonomía galega están a ter, durante todo este 2021, un perfil público baixo. Especialmente pola banda do Goberno galego, que ata agora se limitou a organizar unha discretísima exposición, sen outras accións divulgativas ou simbólicas.
Ata agora, o groso dos actos celebrados están chegando pola banda do Parlamento, que en vésperas da xornada en que se farán 40 anos da súa constitución, o 19 de decembro, vén de incorporar á súa imaxe corporativa un motivo alusivo ao aniversario. Inaugura, ademais, a exposición comisariada polo historiador Ramón Villares baixo o título O poder da palabra. 40 anos do Parlamento de Galicia.1981-2021 para dar conta da propia historia da institución.
Para o presidente do Parlamento, Miguel Santalices, esta exposición é organizada nun contexto no que persiste un "grave déficit de coñecementos históricos" que "arrastra a sociedade galega". Esa, mantén, é a razón pola que a mostra foi concibida como "amena, didáctica e absolutamente rigorosa". A exposición está aberta no Pazo do Hórreo ata o vindeiro marzo, e despois virará en itinerante.
O presidente do Parlamento evoca a memoria das vítimas da ditadura, o Consello de Galiza e o galeguismo histórico na inauguración da mostra 'O poder da palabra', primeiro acto polo aniversario do lexislativo, que celebrará tamén cun pleno solemne este 19 de decembro, cando se fan 40 anos da súa primeira constitución
Paneis informativos, documentos orixinais e publicacións destes anos conforman un percorrido histórico que, evocou Santalices, vai alén do Estatuto de 1981. Neste sentido, lembra, en novembro de 1944 "constituíse en Montevideo o Consello de Galiza como depositario da lexitimidade democrática deturpada pola ditadura e arelando un horizonte de democracia e autonomía" para o país.
Para o xefe do lexislativo, "case oitenta anos despois da data fundacional do Consello de Galiza, a experiencia destes corenta anos de democracia e autonomía permítennos facer balance e afirmar alto e claro: misión cumprida", afirma. Ao seu xuízo, é posible facelo por "termos dotado Galicia dunha democracia avanzada e de institucións sólidas que exercen o noso autogoberno dende unha óptica inclusiva". Tamén, di, por "traballarmos cada día ao servizo da xente na terra dos bos e xenerosos; na Galicia nai e señora da que, nun día coma hoxe, agora e sempre, nos sentimos lexitimamente orgullosos", evocou.
A Galicia que accedeu á autonomía en 1981 tras frustrada pola ditadura en 1936, continuou Santalices, "está en débeda" cos galeguistas exiliados como Castelao, mais tamén "co exilio interior de Ramón Piñeiro ou Otero Pedrayo" e coas "vítimas" da ditadura e o "sufrimento e enteireza das súas familias". Ao cabo, "coa totalidade de galegos e galegas que sobrelevaron con dignidade a longa noite de pedra que rmatou con éxito na alborada democrática que deu paso -dixo- á Constitución e ao Estatuto".
A exposición, composta por 24 paneis, un vídeo e 17 vitrinas con documentación, está comisariada por Villares e conta coa colaboración do grupo de investigación Histagra da Universidade de Santiago. A súa inauguración chega poucos días antes de que, o propio 19 de decembro, o Parlamento celebre o seu aniversario cun pleno solemne no que intervirán o propio Santalices, os tres grupos parlamentarios (PP, BNG e PSdeG) e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que tamén participou na inauguración da mostra.