O deseño que parece que non se ve pero está. Esta filosofía da profesión é a que comparten os tres estudios de deseño galegos que foron galardoados este ano nos premios Laus e Delta da asociación FAD (Foment de les Arts i del Disseny) de Barcelona, dous dos premios de deseño máis prestixiosos a nivel estatal. O traballo dos veteranos Cenlitros e Desescribir e do estudio Novagarda foi recoñecido nas categorías de gráfica do entorno, editorial, dixital e deseño industrial.
A cooperativa Cenlitros funciona desde hai dezaoito anos, cando non había demasiada oferta neste campo en Galicia. Medrou a partir da inquietude e curiosidade dos seus membros fundadores, Ricardo Tubío e Xabier Rilo, que teñen formacións heteroxéneas. Por iso desde o comezo buscaron ser “moi transversais” e dedícanse tanto ao deseño gráfico como ao de produto ou espazos. “Por unha cuestión de saúde mental gústanos facer cousas diferentes”, conta Tubío.
Esa transversalidade, din, é a súa fortaleza e mais a súa debilidade, pois para algúns proxectos precisan dun período de aprendizaxe que non lles permite traballar ao ritmo que impón hoxe o sistema capitalista. Porén, son veteranos nestes premios de deseño e recoñecidos dentro e fóra da Península polos seus traballos, que enfocan sempre como un reto. O último, un gran barco de cartón para a exposición Unha vida viquinga que está ata xaneiro na Cidade da Cultura.
“O deseño non é arte, como deseñador recibes un encargo e tes unha misión que cumprir. Non hai que perder de vista os obxectivos do deseño, pero tampouco se pode reducir todo a unha cuestión de rendibilidade porque así tamén se acaba desvirtuando a profesión; hai que tela en conta e metela na ecuación, mais non pode ter toda a prioridade”, aclara Ricardo Tubío.
"O deseño non é arte, como deseñador recibes un encargo e tes unha misión que cumprir. Non hai que perder de vista os obxectivos do deseño, pero tampouco se pode reducir todo a unha cuestión de rendibilidade porque así tamén se acaba desvirtuando a profesión"
A diferencia está na utilidade, o compoñente de utilidade e función de practicidade do deseño ten sempre un obxectivo marcado polo encargo inicial, que pode abarcar desde a maneira de comunicar algo ao feito de construílo. Ademais, a finalidade dos deseñadores non é perpetuarse como autores, senón deseñar algo coa expresividade de quen realiza o encargo. “Ti es a ferramenta, non es alguén que se expresa a título individual. Iso é o que a xente ás veces confunde”, apunta Ricardo Tubío.
“Hoxe en día o deseño quizá perdeu entidade e peso na sociedade, véxoo moi subordinado ao marketing e iso prodúceme certa tristeza porque ás veces non tes a suficiente independencia como para desenvolver a túa profesión, xa que hai moita xente opinando. Non sei como vai evolucionar o deseño dentro da sociedade, e nisto temos parte de culpa os deseñadores e deseñadoras, que quizá non estamos a ser quen de trasladar o valor do que facemos e o valor do deseño como transformador da sociedade na que vivimos”, razoa o deseñador da cooperativa Cenlitros, á que se incorporou nos últimos tempos a deseñadora Zeltia Iglesias.
O contexto é o que determina a forma na que o estudio Cenlitros resolve a sinalización na Cooperativa de vivendas Alto Residencial, pola que recibiu un premio Laus de prata este ano. “Ese deseño é como é porque parte dun edificio en particular no que o material predominante é unha chapa perforada que ten como buracos circulares. Ese linguaxe, como un lenzo branco con pequenos círculos, serve de guía no edificio; e nós servímonos desa textura dos círculos para que toda a sinalización interior estivera resolta tamén con esa linguaxe. Como xa tiñamos esa trama de puntos, optamos por resaltar nela letras e números. Pensamos nunha tipografía feita toda con puntos e buscamos un elemento comercial –neste caso unhas tapas de goma que levan algunhas cadeiras por abaixo para que non marquen o chan– e o introducimos na malla de puntos para construír eses pictogramas. Non fondo, é moi sinxelo”, describe Tubío.
O outro proxecto premiado para Cenlitros segue esta mesma filosofía. Trátase dunha lámpada deseñada para unha empresa con sede no Milladoiro, A_Emotional Light, con gran peso internacional. As lámpadas Parga recibiron un Delta de bronce, así como un premio pola publicación norteamericana Interior Desing, e xa foron deseñadas para non deixar a ninguén indiferente. “Nós somos rurais, medramos no rural e está nas nosas cabezas. Á hora de propoñer unha lámpada quixemos facela en pedra. De entrada soa como un pouco ilóxico porque a pedra non parece o material máis apropiado polo peso e a dificultade de traballar con ela, pero traballamos a partir da dificultade aparente e fomos creando a linguaxe da lámpada precisamente de ir sacando todo o que non necesitabamos. O resultado son tres pezas que varían en altura e proporción feitas en granito, a pedra do país”, di o co-fundador de Cenlitros.
“Cando algo resulta tan integrado que parece que ninguén fixo nada, pero está, é porque realmente foi pensando para aí, pois non resulta estridente nin alleo. Esa é a proba de lume do deseño. Detrás hai moito traballo, un exercicio de restar e sintetizar ata quedar coa esencia. Nós sempre dicimos que o deseño é un proceso no que comezas cun montón de posibilidades, de vías por explorar, materiais por empregar ou mesmo cores; dalgunha maneira intentas pór orde en todo iso e vas eliminando aquilo que consideras que non é exactamente o que necesitas, ata que quedas cunha única solución”, asegura Ricardo Tubío.
“O deseño, canto máis desapercibido pasa, aínda que estea aí porque serve para comunicar ou posicionar algo, pero cando prescinde dos ornamentos innecesarios e se centra nun exercicio de sobriedade e equilibrio, para min é cando ten un bo resultado. Cando consegues unha harmonía visual entre todos os elementos, ese ‘non ten nada, pero que ben está’, é iso”, valora o deseñador Al Carballido.
Al Carballido e Iago Barreiro fan agora cinco anos co estudio Novagarda, no que se centran na identidade visual, o deseño editorial e o formato web. Carballido ten familia galega e decidiu instalarse aquí despois de traballar varios anos en Madrid e Barreiro optou por regresar a Galicia desde o seu exilio laboral en Barcelona. “Non viñamos con ningunha inercia e iso permitiunos crear un ecosistema propio. Se queriamos quedar aquí tiñamos que apostar por isto”, salienta Carballido.
Novagarda recibiu un Laus de bronce polo deseño da web da investigadora, creadora e xestora cultural Sabela Mendoza. Un traballo que comezou por empaparse da sensibilidade de Mendoza e cun proceso de investigación sobre as súas diferentes ocupacións. “O bonito disto é entrar en conversa directa coa persoa que che fai un encargo e ser quen de facer unha interpretación do seu universo, que sen ser o que ela tiña na cabeza, estea totalmente identificada. Isto é marabilloso, o mellor que che pode pasar como deseñador”, asevera Al Carballido.
En Novagarda están centrados en proxectos que cualifican como dun “calado cultural importante”. Especializados na creación de identidades e linguaxes visuais, defenden que o soporte non define o deseño, que se fundamenta nun proceso de observación e pensamento. “Entendemos o deseño como unha disciplina humanista. A pantalla é un medio máis, igual que antes podía facer só un cartel, pois agora tamén hai que facer unha web porque todo se ve nunha pantalla. Pero o que condiciona o concepto non é o soporte”, di Carballido.
"Entendemos o deseño como unha disciplina humanista. A pantalla é un medio máis"
“Unha porcentaxe alta da xente que acode a nós cre que necesita unha web porque hai que estar en internet, pero como hai que estar en internet? Hai que darlle unha volta ás narrativas dixitais, hai cantidade de cousas que poden pasar nunha pantalla. Nós temos que levar á xente ao noso terreo, para así poder dicirlles nós que tipo de web precisan por como son e o que fan, e por como se ten que visualizar iso. Unha web hoxe esixe ter moi claro que estás mostrando e como, pois ás veces só tes trinta segundos para que unha persoa se forme unha opinión sobre ti ou sobre o que fas a través desa web”, debulla Carballido.
Para Al Carballido o deseño ten que ser unha ferramenta prioritaria no desenvolvemento cultural dunha sociedade: “Somos deseño galego non só porque traballamos desde aquí, pois un dos problemas históricos foi a visión de que se tiñas talento tiñas que marchar fóra. Iso está cambiando porque hai xente que apostou por crear desde Galicia, facer deseño galego e defender que o que fai é deseño galego. Nós tamén facemos deseño galego porque o facemos desde aquí, influenciados polo que nos rodea, a contorna sociocultural e a lingua que falamos. Todo iso nutre o deseño que realizamos”.
Transmitir o contido dos libros
Cibrán Rico e Suso Vázquez, fundadores do estudio de deseño Desescribir, céntranse no deseño editorial. Crearon tamén a editorial Fabulatorio, que funciona como banco de probas de todo o que fan en Desescribir, ou ao revés. Levan presentándose aos premios Laus desde 2012, din que ao comezo facíano con certa inxenuidade, tampouco tiñan especial interese nos galardóns en si, pero agora contan co valor engadido de que o seu traballo vén sendo recoñecido ao longo dos anos.
Este ano recibiron tres Laus de bronce . Un ao mellor deseño de libro por Orixe ou cando a marea baixa, de Ana Paes, que editaron en Fabulatorio; e outros dous premios para Cuentos Mestizos , de Mercedes Azpilicueta, un encargo da Fundación María José Jove que destacou como mellor deseño de libro e mellor portada. “O deseño editorial en Galicia é algo do que podemos estar orgullosos como país, hai exemplos moi vizosos dos que aprendemos moito”, salienta Suso Vázquez, quen explica que no libro da artista arxentina Mercedes Azpilicueta, que fala moito do traballo feminino, decidiron que as letras do título foran bordadas con fío. “Só iso xa te sitúa no tipo de libro que vas ver no interior”, explica.
A casualidade quixo que, buscando un taller no que puideran bordar a capa do libro, atoparon un no Milladoiro creado por mulleres emigradas da Arxentina. “Non foi buscado, pero son desas serendipias que son bonitas. Dúas mulleres arxentinas coma ela acabaron facendo a cuberta do libro de Mercedes. Sentímonos honrados por poder traballar desta maneira, centrándonos en ver de que forma podemos transmitir mellor o contido dun libro”, engade o deseñador de Desescribir.
Como Fabulatorio veñen de editar o seu primeiro libro destinado en principio para crianzas, pois se trata dun exemplar que complementa a aprendizaxe dos números, mais tamén esconde outras posibilidades que poden implicar tamén ao público adulto. Números conta coas ilustracións de Álvaro Valiño e as traducións de Gabriel Álvarez e Alma López, xa que está en galego, inglés, castelán, alemán, francés, italiano, chino, xaponés e coreano.
"O deseño ten unha gran virtude porque é industria, pois incide nos procesos, forma parte dun sector da economía e claramente está metido na cadea económica; pero tamén é cultura porque ten unha linguaxe propia e incorpora patrimonio e historia no seu traballo"
Están a traballar no libro do catálogo da exposición Galicia Deseñada, unha mostra ao redor do deseño de logotipos, marcas, símbolos e identidades gráficas na historia gráfica de Galicia que organizaron xunto a Marcos Dopico en 2022. Levan uns cinco anos con este proxecto do catálogo, que están a piques de rematar. Ambos recoñecen que o momento actual implica unha aceleración na que é case imposible poder dedicarlle o tempo necesario aos traballos, pero tratan de fuxir desas lóxicas mercantís centrándose no resultado.
“Cremos que debemos adicarlle tempo aos nosos proxectos pola nosa propia responsabilidade, polo compromiso que adquirimos cos nosos clientes e tamén polo compromiso que temos coa sociedade como destinataria final deses deseños. Ao final, é a sociedade quen se atopa con ese obxecto ben feito e, sen dúbida, entendemos que se contaxia esa maneira de bo facer. Temos a esperanza de facer ben as cousas con humildade e axuda”, destaca Cibrán Rico.
“O deseño ten unha gran virtude porque é industria, pois incide nos procesos, forma parte dun sector da economía e claramente está metido na cadea económica; pero tamén é cultura porque ten unha linguaxe propia e incorpora patrimonio e historia no seu traballo. Esa dobre cara é importante, por iso moitos países de Europa teñen destacadas políticas sobre o deseño, pois hai unha tendencia global que o pon en valor”, incide Suso Vázquez.
Suso Vázquez e Cibrán Rico din que Fabulatorio traballa cando Desescribir descansa: “O que nos move é que o libro quede o mellor posible”. Son conscientes de que as cousas collen valor a longo prazo e que, ás veces, os públicos tamén hai que crealos. En todo caso, celebran que os libros nos que traballan poidan andar por todo o mundo, desde bibliotecas de universidades dos Estados Unidos a librarías en Tokio.