A Red Española de Asociaciones de Diseño celebra un encontro do eido do deseño sobre as prioridades do sector, que quere axudar na recuperación económica
A Red Española de Asociaciones de Diseño (READ) está a celebrar en Santiago de Compostela o 9ENAD, o encontro de deseño máis importante no Estado, que este ano ten como eixe principal o lema 'Identidad y Territorio' porque unha das principais preocupacións do sector cara ao futuro céntrase en "como producimos e como deseñamos". "O deseño é moi transversal e ten que estar presente nas empresas", avanza Uqui Permui, presidenta de READ e unha das fundadoras de DAG, a Asociación Galega de Deseño.
O 9ENAD reúne a máis dun centenar de participantes entre representantes de organismos públicos e privados, profesionais, estudantes, empresas, institucións e tecido asociativo do deseño no Estado. "A intención deste encontro é pactar entre a comunidade do deseño cales son as cousas que queremos primar no ano que vén, que prioridades temos e como queremos enfocar o traballo", explica Permui. Ademais da cita profesional, o Centro Galego de Arte Contemporánea acolle a mostra From Spain With Design (FSWD) ata o 30 de xaneiro de 2022.
"Moitas empresas pequenas non empregan o deseño como ferramenta de mellora", di Uqui Permui
"Deseñamos desde o local para o global. Somos moitas diversidades e temos unha dinámica de traballo desde cada territorio sobre o que somos e a nosa cultura, pero ao mesmo tempo tamén traballamos cara a fóra. Un traballo de Euskadi ou de Galicia pode estar en China, obviamente", sinala Uqui Permui. Sobre ese campo de xogo global está o principal reclamo deste encontro profesional: a creación dunha estratexia estatal de deseño.
Ata que punto as empresas galegas perciben o deseño como algo necesario? "Un dos nosos problemas aquí é que hai moita pyme, moita empresa pequena, o cal nos complica as cousas porque non están traballando cos deseñadores. É dicir, non empregan o deseño como ferramenta de mellora. Como moito, poden precisar o deseño dunha páxina web, que moitas veces acaba en mans de informáticos", expón a presidenta de READ.
Desde READ trasladan que "as empresas que empregan o deseño teñen un nivel de desenvolvemento maior"
Uqui Permui traslada que os estudos que manexan na Red Española de Asociaciones de Diseño, que coinciden nas conclusións con outras análises a nivel europeo, apuntan que "as empresas que empregan o deseño teñen un nivel de desenvolvemento e unha capacidade de crecemento maior que as empresas que non o usan".
"O que nós pretendemos é axudar ás empresas a que a recuperación despois da pandemia da COVID sexa máis rápida, ou que a sexa menos dañina. Como? Pois desde o deseño de servizos á axuda para seren máis eficaces nos procesos. Precisamos que haxa un cambio de perspectiva e que o deseño non se vexa só como deseño gráfico ou de produto. Pretendemos ampliar a outros sectores o ámbito do deseño para colaborar en que as empresas sexan máis produtivas, sostibles e eficaces, tamén desde unha perspectiva de xénero", salienta.
"Temos que crear unha plataforma que nos permita abordar todas as necesidades do sector"
As profesionais do deseño poñen a "urxencia" nesa estratexia estatal de deseño que serviría de base para o resto de reivindicacións e melloras que se tratan no encontro de Compostela como a internacionalización do deseño feito no Estado, a súa posición e evolución.
Así, o 9ENAD posibilita unha nova xuntanza entre deseñadores e representantes da Administración pública para camiñar cara á creación desa ferramenta que lles permita tanto ás empresas como ás institucións públicas contar con deseñadores dunha maneira máis doada. "Temos que crear unha plataforma que nos permita abordar todas as necesidades do sector do deseño", destaca Uqui Permui.
"A perspectiva de xénero ten que estar plasmada igual que o está a sostenibilidade ou a internacionalización"
E neste reto do sector tamén se encaixa a prioridade do grupo Gráficas En Negro, que colle o seu nome da iniciativa En Negro Contra As Violencias que agromou en Santiago en 2015 e conta coa participación tanto de deseñadoras como de deseñadores. "A perspectiva de xénero ten que estar plasmada igual que o está a sostenibilidade ou a internacionalización. É unha cuestión que temos que poñer enriba da mesa e procurar que se traballa desde unha perspectiva feminista. O exemplo é o propio congreso que estamos celebrando, no que a maioría somos mulleres porque hai moitas mulleres deseñadoras e temos que visibilizalas", asegura Uqui Permui.