Galenglish ou galespanglish? Na procura dun termo para o contacto entre linguas en territorios anglófonos

Desfile da Casa de Galicia de Unidad Galega de Nova York no día da Hispanidade, 1958 ©

 

Texto publicado no número 245 de Grial

 

Polo bos e polo sogüei, por parquear e por chequear, 
pola ticha e polo guachimán, polo chis e polo queique, 
comán!, comán! 
ghariope!, enighau!, revolución rosaliana. 
Nova York, novos poemas (CLAUDIO RODRÍGUEZ FER)

O fenómeno lingüístico derivado do contacto entre o galego e o inglés non se abordou en profundidade ata o momento, malia existir referencias da súa existencia dende, polo menos, o primeiro terzo do século XX, da man de Castelao

O contacto entre linguas nun mesmo territorio orixina diversos fenómenos que, dende hai tempo, están sendo definidos e redefinidos pola sociolingüística. Pretendemos, pois, abordar a casuística derivada do contacto da lingua galega e da inglesa tendo en conta a existencia de diversos núcleos de inmigrantes galegos asentados nos Estados Unidos, e co obxectivo de:

  • Reflexionar sobre a situación lingüística das comunidades galegas nos Estados Unidos.
  • Achegar os exemplos lingüísticos observados resultantes do contacto entre as devanditas linguas.
  • Identificar os fenómenos lingüísticos recollidos.
  • Clasificar, nos diferentes planos da lingua, as realizacións escoitadas.
  • Reflexionar sobre o termo idóneo para referirse ao mencionado contacto lingüístico.
  • Propoñer posibles liñas para investigacións futuras.

 

O fenómeno lingüístico derivado do contacto entre o galego e o inglés non se abordou en profundidade ata o momento, malia existir referencias da súa existencia dende, polo menos, o primeiro terzo do século XX, da man de Castelao. En Cadernos (1938-1948): Escolma (Castelao, 1993) hai un capítulo titulado “Cousas dos Estados Unidos” onde conta a súa experiencia alí (de 1938 e 1940) “Vivín n-unha granxa americana, fogar protestante da secta metodista” (Castelao, 1993, 13). Tras esta estadía, Castelao anotou algúns usos lingüísticos froito do contacto entre o galego e o inglés e recolleu oitenta e seis expresións da que chama “linguaxe dos galegos de Norte-América” (Castelao, 1993: 17-19), a maioría delas no plano léxico (“os bisnes son así”) e fonético (“cando chegamos o Unai Estai”) estando, en ocasións, ambos planos solapados. Xa cunha menor presenza, aparecen usos pertencentes ao nivel morfosintáctico (“o meu home jelpéame” < “To help” = ‘axudar’); “Ti estás rait” < “You are right” = ‘tes razón’).

Emigrantes a Nova York dende A Coruña en 1957. Foto: Alberto Martí. Consello da Cultura Galega ©

Baseándose neste documento do rianxeiro, Claudio Rodríguez Fer compuxo algunhas estrofas (como a que encabeza este artigo) empregando termos desa lingua dos galegos asentados nos Estados Unidos, inseridos no poemario Nova York, novos poemas

Baseándose neste documento do rianxeiro, Claudio Rodríguez Fer compuxo algunhas estrofas (como a que encabeza este artigo) empregando termos desa lingua dos galegos asentados nos Estados Unidos, inseridos no poemario Nova York, novos poemas, en que se alude ó referido contacto de linguas:

Dende as fiestras que limparan inmigrantes galegos a / centos de metros de altura da súa terra, Nova York é unha / utopía existente, como a música muda, o galenglish, a / soidade e a revolución rosaliana. (Rodríguez Fer, 2002: 102)

Ao final do poema ao que pertencen os versos anteriores, titulado “Revolución rosaliana en Nova York”, aparece un “Vocabulario galenglish”, onde se indica o significado dalgúns dos termos que Castelao recolleu nos EUA, e que empregou o escritor lucense para a compoñer os seus versos:

bos > bus (‘autobús’) sogüei > subway (‘metro’)

parquear > to park (‘aparcar’) chequear > to check (‘revisar’) ticha > teacher (‘mestra’) guachimán > watchman (‘garda’) chis > cheese (‘queixo’)

queique > cake (‘rosca’) comán > come on! (‘anda!’)

ghariope! > hurry up! (‘apura!’) enighau! > anyhow! (‘xa está!’) (Rodríguez Fer, 2002: 104)

En xeral en Internet “galenglish” aparece usado principalmente para referirse á cantante coruñesa Hydn que foi finalista para representar a España na edición de Eurovisión de 2023, cunha canción cuxa letra mestura as dúas linguas

Malia estarmos ante un contacto de linguas documentado dende hai case un século, ata o momento non se abordou en profundidade, non existindo apenas literatura sobre o tema, aínda que o Diccionario de voces de uso actual recolle o termo “galenglish” na edición do ano 2003, indicado a seguinte acepción:

Xerga que ten como base o galego mesturado con palabras inglesas. Os patróns teñen tamén os seus propios códigos por radiofonía, para orientarse á procura da pesca. Ás veces escóitase falar galenglish: “Ata tomorrou, machiño”, óese dicir a Modesto. “Jut Bai, coleguiña”, responde Puchadiñas. E cantar: “Estou en stand by, esperando polo meu love”. El País Semanal 185), 4-IX-94, 20a. (Alvar, 2003: 516).

Porén, alén desta referencia, nos buscadores académicos, como Dialnet e SciELO, non aparece resultado ningún tras buscar os seguintes termos: *galenglish, *gallenglish, *galinglish. Por outra banda, xa nunha busca máis xenérica, a busca dos termos “galenglish” e “gallenglish” en Google, dá como resultado algunhas mencións, que sintetizamos deseguido.

De maneira puntual, aparece a alusión da novela titulada Marea morta, de Ana Lojo Chan, que trata sobre unha moza criada en Edimburgo que veranea en Galicia. Porén, en xeral, en Internet “galenglish” aparece usado principalmente para referirse á cantante coruñesa Hydn que foi finalista para representar a España na edición de Eurovisión de 2023, cunha canción cuxa letra mestura as dúas linguas, con exemplos como os seguintes, da canción “Drowning Fire”: “Coma un lume burnin through my lungs”, e “Maybe I adore a forma de afogar”.

En síntese, o contacto entre o galego e o inglés deu lugar a unha serie de realizacións lingüísticas que permanecen dende hai décadas, mais aínda non se consolidou un termo para aludir a este fenómeno.

Deseguido, recóllense as realizacións que se documentaron nas estadías mencionadas no Estado de Nova York, clasificándoas nos diversos planos da lingua.

A 14th Street de Nova York, entre os barrios de Chelsea e West Village, estaba a Little Spain, onde moitos galegos emigrados se foron asentando ©

Fonético

A adición dun -e final (“e” paragóxico) é habitual nos vulgarismos do galego, e actúa tamén no plano morfolóxico na medida en que contribúe a adaptar un verbo inglés ao paradigma verbal da desta lingua, con resultados como luncheare

Os aspectos máis salientables teñen que ver coa inexistencia na lingua de estrato de determinados fonemas. Isto deriva, por exemplo, en dificultades para pronunciar:

  • Vogais longas, ausentes no sistema vocálico galego. Porén, é un aspecto moi relevante en inglés, pois serve para diferenciar algunhas palabras ( “sheet” con /i:/ significa ‘folla de papel’ ou ‘saba’, e “shit” con /i/ significa ‘merda’).
  • Vogais que non existen en galego, como o schwa, /ə/, moi habitual no inglés; ou o fonema /æ/ (que se pronuncia como un “a”, pero poñendo a boca coa posición dun “e”).
  • O “s líquido”, sendo o máis habitual a adición dun “e” a principio de palabra (“Son espanish”).
  • Varias consoantes seguidas (“Mira para o llipis”GPS).
  • Consoantes finais, tanto de sílaba como de palabra, que son estrañas na fonética galega. Neste caso é habitual ou elidilas ou proceder a engadir unha vogal (“Queres un sangüiche?” elisión do -dinterconsonántico da primeira sílaba e adición dun -e na final).

 

Morfolóxico

A referida adición dun -e final (“e” paragóxico) é habitual nos vulgarismos do galego, e actúa tamén no plano morfolóxico na medida en que contribúe a adaptar un verbo inglés ao paradigma verbal da desta lingua, con resultados como luncheare (< “to lunch” = comer) ou matcheare (< “to match” = ‘combinar roupa’).

No concernente ao paradigma nominal, é frecuente atoparse con substantivos formados por unha raíz inglesa e un sufixo galego (habitualmente derivativo ou apreciativo), con termos como “beigliños” (< “bagel” = ‘un tipo de pan’) ou “tomeitiños” (< “tomato” = ‘tomates’). Este fenómeno de adición de -iño tamén se observou en algúns antropónimos.

Sintáctico

No concernente ao paradigma nominal, é frecuente atoparse con substantivos formados por unha raíz inglesa e un sufixo galego (habitualmente derivativo ou apreciativo), con termos como “tomeitiños” 

No que atinxe a este nivel, observouse un menor número de realizacións que mesturasen ambas as linguas, quizais por tratarse dun plano menos permeable ás interferencias. A realización lingüística máis complexa que se observou foi a que resultou de intentar adaptar ao galego a construción inglesa “To have + something + participio pasado”, estrutura pasiva que se emprega para indicar que alguén (que o emisor non pretende mencionar) fixo un traballo para alguén, por exemplo: “I have my car repaired” = ‘Arranxáronme o coche’. En varias ocasións puideron escoitarse estruturas similares, como: “Mira que guapa estás coas túas neiliñas done” = ‘Uñas pintadas nun local de estética’.

Este mesmo exemplo, onde se emprega o posesivo para referirse a unha parte do corpo, serve así mesmo para mostrar que o fenómeno de converxencia tamén se produce na oralidade da comunidade galega nos Estados Unidos; concepto que o sociolingüista e catedrático español Francisco Moreno Fernández define da seguinte maneira:

O concepto de “converxencia” converteuse en obxecto preferente dos estudos sobre as linguas en contacto e refírese principalmente ás transferencias de estruturas gramaticais dunha lingua a outra cando o resultado de tal proceso non é agramatical: consiste nunha aproximación de determinados elementos da gramática da lingua B á gramática da lingua A (Clyne, 2003: 117-142). A converxencia diferénciase do préstamo en que aquí non se dá unha adaptación dos trazos doutra lingua, senón a xeneralización ou a intensificación duns esquemas que xa existen no sistema da lingua receptora (Morais, 1986). 

Ademais, no caso da converxencia, non é necesario que se transfiran unidades formais, nin tampouco que se transfira ningún elemento estraño: unha converxencia pode afectar, por exemplo, á orde de palabras, aumentando a frecuencia dunha orde determinada, ou pode consistir en seleccionar e favorecer unha serie de formas autóctonas que coincidan coa da lingua influente (por exemplo, o uso da pasiva, en detrimento da pasiva reflexa, en español, por influencia do inglés) (Moreno Fernández, 2009, 256).

En varias ocasións puideron escoitarse estruturas como: “Mira que guapa estás coas túas neiliñas done” = ‘Uñas pintadas nun local de estética’

Mostras de converxencia observáronse en expresións como “Cortei o meu peliño”, “Xa acabou os seus exames” ou en “Retireime o ano pasado”. Nos dous primeiros casos, o uso do determinante posesivo non resulta agramatical en ningunha das oracións, mais non é o frecuente en galego. Porén, en inglés, o posesivo é habitual para referirse ás partes do corpo ou aos exames. Xa no terceiro exemplo, o verbo “retirar” (en inglés “to retire”) non é o máis habitual en galego para indicar que se deixou de exercer unha profesión, senón que o mais común é empregar “xubilar”. Estamos, pois, ante intensificacións das formas do inglés que non dan resultados agramaticais na lingua galega.

Castelao con Guerra da Cal (cuarto pola dereita), e outros amigos exiliados en Nova York ©

Léxico

Os galegos asentados nos Estados Unidos adoitan ser galegofalantes, mais estudaron o castelán nas escolas dunha sociedade diglósica. Este substrato lingüístico, ao entrar en contacto co inglés, dá lugar a unha serie de realizacións na fala que xa Castelao documentou en 1930

Neste último nivel da lingua é onde se fixeron máis observacións, por ser o máis permeable a usos novidosos. En xeral, observouse o uso de préstamos léxicos en campos semánticos asociados a vida cotiá (aos que tamén pertencen a maioría de exemplos proporcionados por Castelao).

Deseguido indícanse algúns deles na táboa (subliñamos os que xa foron documentados por Castelao en “Cousas dos Estados Unidos”).

Resulta interesante indicar que, ademais do uso de termos e expresións léxicas alleas ao galego, observouse o uso de palabras existentes nesa lingua, pero cun significado diferente. É o caso de “aplicación” no senso de “solicitude” (< “to apply” = ‘solicitar’) en vez de no senso que ten en galego de ‘utilidade’. Segundo se recolle no manual Principios de sociolingüística y sociología del lenguaje, este fenómeno denomínase “calco” e, dentro deste, unha “extensión” pois “as extensións, que serían os préstamos (calcos) semánticos, amplían o significado da unidade léxica que xa existe na lingua B (jugar la guitarra < fr. jouer ‘tocar’; aplicación < ing. application ‘solicitud’; asistente < assistant ‘ayudante’)” (Moreno Fernández, 2009: 257).

Por último, consideramos relevante apuntar que foron moitas as expresións documentadas que pertencen ao español de América, debido ao contacto entre os galegos e esta comunidade, por proximidade idiomática (e mesmo cultural). Son algunhas mostras as seguintes, con termos que o DLE atribúe ao español de América: “El maneja moi ben o carro” (“manejar” = ‘conducir’ e “carro”= ‘coche’), “Chamoume ao celular” (“celular” = ‘teléfono móbil’) ou a expresión “Ese home é pato” (pato co significado de ‘homosexual’. No DLE, a acepción terceira de “pato” indica: “Ant., Nic. y Ven. Hombre afeminado”).

En consecuencia, tanto polas interferencias lingüísticas do español de América que se observaron, como polas do español peninsular (moi habituais debido á formación monolingüe en castelán dos emigrantes, pola situación sociopolítica vivida no país de orixe), considérase que a presenza da lingua de Cervantes na fala dos galegos de Nova York é suficiente como para poder falar de “galespanglish”.

 

Táboa. Uso de préstamos escoitados no léxico cotián

Alimentación“Cuquiñas” (< “cookies” = ‘galletas’), “queique” (< “cake” = ‘torta’), “tomeitiños” (< “tomato” = ‘tomate’), “ómele” (< “omelet” = ‘tortilla’), “pai” (< “pie”, que en inglés significa ‘pastel ou torta’, pero que se emprega tamén para referirse á empanada), “eslai” (< “slice” = ‘rebanda’)
Fogar“Yardiña” (< “yard” = ‘eira’), “fenza” (< “fence” = ‘cerca’), “fen” (< “fan”, = ‘ventilador’), “tivi” (< “TV” = ‘televisor’)
Traballo / Educación“Tracka” (< “track” = ‘hipódromo’) “bosboi” (< “busboy” = ‘axudante de camareiro’), “colich” (< “college” = ‘universidade’), “bil” (< “bill” = ‘factura’), “correr un negocio” (< “to run a business” = ‘dirixir un negocio’), “ticha” (< “teacher” = ‘profesora’)
Outros“Comán!” (< “came on” = ‘vamos!’), “jariope!” (< “hurry up!” = ‘apura!’), “luces” (< “street ligths” = ‘semáforo’’), “ben parecido” (< “good looking” = ‘guapo/a’), “nais” < “nice” = ‘bonito/a’) , “parquear” (< “to park” = ‘aparcar’)

Conclusións

En base ás observacións feitas, pódese afirmar que, de facto, o contacto prodúcese entre o galego, o inglés e o castelán (en ocasións con voces de América do Sur), feito polo que se propón o termo “galespanglish” para denominar o referido fenómeno lingüístico

Os galegos asentados nos Estados Unidos adoitan ser galegofalantes, mais estudaron o castelán nas escolas dunha sociedade diglósica. Este substrato lingüístico, ao entrar en contacto co inglés, dá lugar a unha serie de realizacións na fala que xa Castelao documentou en 1930. Polo tanto, estamos ante un fenómeno que conta con, polo menos, un século de vida, mais que foi pouco estudado.

No que se refire aos planos da lingua, as interferencias prodúcense en todos os niveis, sendo o léxico e o fonético os que rexistran unha maior incidencia.

En base ás observacións feitas, pódese afirmar que, de facto, o contacto prodúcese entre o galego, o inglés e o castelán (en ocasións con voces de América do Sur), feito polo que se propón o termo “galespanglish” para denominar o referido fenómeno lingüístico.

Fin de ano na Casa de Galicia de Nova York © Casa de Galicia de Nova York

Investigacións futuras

Cómpre ter en conta que este escrito xurdiu dunha observación non sistemática da fala de familias galegas en Nova York sendo, en consecuencia, as súas únicas pretensións alentar e servir de base a investigacións futuras sobre o “galespanglish”

Tendo en conta o exposto, considérase relevante continuar estudando o “galespanglish” pola súa prolongación no tempo, polo menos ao longo dun século. Quizais, o primordial consistiría en afondar neste fenómeno mediante o emprego dunha metodoloxía cuantitativa (con mostraxes e con técnicas diversas como: entrevistas, conversas dirixidas, conversas semidirixidas…) e aplicándoa en diferentes territorios anglofalantes con asentamentos de galegos.

Cómpre ter en conta que este escrito xurdiu dunha observación non sistemática da fala de familias galegas en Nova York sendo, en consecuencia, as súas únicas pretensións alentar e servir de base a investigacións futuras sobre o “galespanglish”

 

Bibliografía 

  • Alvar Ezquerra, M. (2003). Nuevo diccionario de voces de uso actual. Madrid: Arco Libros. 
  • Castelao, A. D. (1993) Cadernos (1938-1948): Escolma. Vigo: Fundación Penzol. Vigo: Editorial Galaxia. 
  • Blas Arroyo, J. L. (2005). Sociolingüística del español. Madrid: Cátedra. 
  • Moreno Fernández, F. (2009). Principios de sociolingüística y sociología del lenguaje. Barcelona: Ariel.
  • Rodríguez Fer, C. (2002). Nova York, novos poemas/ New York, New Poemas. Sofía: Small Station Press. 
     

Webgrafía

EL ESPAÑOL: https://www.elespanol.com/quincemil/articulos/vivir/la-gallega-hydn-que-canta-en-gallenglish-entre-los-12-favoritos-para-el-benidorm-fest Última consulta: 16-III-2024. 
Secretaría Xeral da Emigración da Xunta de Galicia: https://emigracion.xunta.gal/es/actualidad/noticia/homenaje-castelao-nueva-york-75-aniversario-su-estadia-la-ciudad. Última consulta: 16-III-2024

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.