A bata cruzada ou mandilón é unha prenda de roupa moi habitual entre as mulleres galegas, unha prenda de traballo que en ocasións se converte en todo un elemento identitario. Hai uns anos o documental "Bata por fóra, muller por dentro", obra de Claudia Brenlla, afondou na importancia dos mandilóns cruzados, subliñando a súa significación nos traballos non remunerados realizados polas mulleres galegas, tanto dentro da casa coma fóra.
Naquel filme, a autora contactara cunha fábrica de batas de Pontevedra, entrevistara a mulleres que a usaban a diario e mesmo a Petra Buchegger, unha artista plástica austríaca que emprega as telas das batas como materia prima para as súas obras. "Bata por fóra, muller por dentro quere ser unha oda, un tributo á beleza, á valentía, á simpatía e á capacidade de traballo das nosas nais e avoas”, dicía Claudia Brenlla no momento da súa estrea.
A EASD levou a cabo "unha reinterpretación do mandil cruzado, unha prenda icónica, recoñecible e funcional que forma parte do día a día dos fogares galegos"
Recentemente a Escola de Arte e Superior de Deseño (EASD) Mestre Mateo de Santiago de Compostela decidiu levar a cabo "unha reinterpretación do mandil cruzado, unha prenda icónica, recoñecible e funcional que forma parte do día a día dos fogares galegos". Os alumnos e alumnas do grao de Deseño Moda traballaron con tecidos proporcionados por IKEA, que colabora no proxecto, que foi coordinado polas profesoras Sandra García, María Broz e Noemí Patricia Vázquez.
De aí saíron 30 deseños de batas, que foron presentadas o pasado sábado na sede coruñesa da tenda sueca, onde permanecerán expostas os vindeiros días. As batas acompáñanse dunha mostra de fotografías, tamén realizadas por alumnado da escola, que amosan igualmente as prendas de roupa, vestidas por un grupo de modelos en distintas localizacións. A EASD Mestre Mateo e IKEA veñen colaborando dende o ano 2016.
Velaquí podes ver o documental "Bata por fóra, muller por dentro"