A exposición Unha vida viquinga pódese visitar de balde na Cidade da Cultura dende este venres e ata o 5 de xaneiro. Inclúe unha gran diversidade e obxectos históricos e arqueolóxicos que a converten nunha das maiores exposicións sobre esta cultura organizadas no Estado nas últimas décadas
Houbo un tempo no que o litoral galego e mesmo vilas interiores como Compostela tremían ante a ameaza das incursións viquingas. Un tempo no que as embarcacións escandinavas dominaban os mares. Porén, os viquingos eran moito máis que os "bárbaros violentos" ao que os reduciu o estereotipo histórico. Este 12 de xullo inaugúrase na Cidade da Cultura unha das maiores exposicións sobre cultura viquinga organizadas no Estado nas últimas décadas.
Unha vida viquinga, que se poderá visitar con entrada de balde no Museo Centro Gaiás dende a tarde deste venres ata o 5 de xaneiro, achega unha visión máis rica sobre esta cultura, aborda, a partir de evidencias actuais, aspectos novidosos como a participación das mulleres xunto aos homes nas campañas militares e a mestura deste pobo con culturas de puntos tan distantes como o sur de Europa e o norte de África coas que estableceron contactos comerciais, entre outros vínculos.
Os viquingos eran moito máis que os "bárbaros violentos" ao que os reduciu o estereotipo histórico
A través dunha gran diversidade e obxectos históricos e arqueolóxicos, a exposición afonda na cultura nórdica durante a Idade Viquinga (da segunda metade do século VIII á segunda metade do século XI). Comisariada pola doutora Irene García Losquiño, a mostra conta coa colaboración dalgunhas das autoridades internacionais máis respectadas neste campo e inclúe pezas arqueolóxicas únicas prestadas por ata 13 institucións e coleccións cedentes de obra, entre eles museos nacionais de Historia e Arqueoloxía de Suecia, Dinamarca, Francia e España.
O relato da mostra estrutúrase arredor da vida dunha persoa na Idade Viquinga: desde o seu nacemento, infancia, xuventude e madurez, ata despois da súa morte, permitindo coñecer esta civilización desde unha perspectiva variada e moi humana
O relato da mostra estrutúrase arredor da vida dunha persoa na Idade Viquinga: desde o seu nacemento, infancia, xuventude e madurez, ata despois da súa morte, permitindo coñecer esta civilización desde unha perspectiva variada e moi humana, nun enfoque innovador que combina eventos de diferentes décadas e séculos dentro do límite temporal de “unha vida”.
A exposición achégase tamén ás incursións escandinavas en Galicia entre os séculos IX e XII, afondando no seu impacto na nosa historia e amosando pezas que axudarán a entender como esta civilización se espallou polo continente europeo, e máis alá das súas fronteiras, e deixou tamén a súa pegada en Galicia, en forma vestixios no noso patrimonio material e inmaterial, por exemplo en zonas como a ría de Arousa, a ribeira do Ulla ou a Mariña lucense.
A exposición achégase tamén ás incursións escandinavas en Galicia entre os séculos IX e XII con exemplos tanto de contacto violento continuado, como de asentamento a medio prazo en forma de campamentos, ou lugares onde se forxaron relacións de tipo comercial
En Galicia atopamos exemplos tanto de contacto violento continuado, como de asentamento a medio prazo en forma de campamentos, ou lugares onde se forxaron firmes alianzas e relacións de tipo comercial. Afondar nesta civilización significa tamén afondar no noso pasado e coñecer mellor unha parte da nosa historia. A forza da expansión viquinga chegou ás costas galegas co mesmo ímpeto co que impactou noutros lugares do mundo, e malia non ser un territorio masivamente asentado por viquingos, varios séculos de visitas continuadas deixaron a súa pegada.
Ata o domingo 4 de agosto a mostra coincidirá con outra exposición histórica que esta a ter unha gran resposta de público, Tesouros reais. Obras mestas do Terra Sancta Museum.
A comisaria, Irene García Losquiño, é investigadora da Universidade de Santiago e unha das maiores especialistas de España en cultura viquinga. Xunto a ela, o proxecto vén avalado por un comité científico internacional con algunhas das autoridades máis respectadas neste campo, como o catedrático de Arqueoloxía da Universidade de Uppsala, Neil Price; a tamén profesora da Universidade de Uppsala, Charlotte Hendenstierna-Jonson; ou a catedrática de Arqueoloxía Medieval da University of Highlands and Islands, Alexandra Sanmark.