A exposición 'Tesouros Reis. Obras mestras do Terra Sancta Museum' xunta no museo Centro Gaiás ata o 4 de agosto valiosas doazóns artísticas realizadas durante 500 anos por monarcas de toda Europa á Basílica do Santo Sepulcro
Durante uns 500 anos, monarquías católicas de toda Europa financiaron a Basílica do Santo Sepulcro de Xerusalén. Pero tamén manifestaban a súa devoción e o seu poderío mediante suntuosas doazóns artísticas a este templo, de profunda significación relixiosa e espiritual, mais tamén punto esencial para proxectar naquel tempo o poder de reis e príncipes.
Todas aquelas doazóns compoñen un conxunto tan extraordinario como pouco coñecido. É o tesouro artístico do Terra Sancta Museum de Xerusalén. Dende a chegada da Orde Franciscana a a Palestina foi custodiado polos frades durante máis de 800 anos e en raras ocasións puideron ser visto polo gran público, aínda menos fóra de Terra Santa. Isto é o que é posible contemplar este verán, ata o 4 de agosto, no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura.
A exposición internacional Tesouros reais. Obras mestras do Terra Sancta Museum ten como eixo central unha significativa parte dese tesouro artístico. A estrela de prata que sinala o lugar do nacemento de Xesús, doada pola raíña María Amalia de Saxonia no século XVIII, roupaxes litúrxicos tecidos con fío de ouro e perlas de seda enviadas por Fernando VI e Bárbara de Bragança, o tesouro do rei de Nápoles, o báculo de Luís XIV, o Rei Sol... Son só algunhas mostras dos valiosos obxectos expostos en Compostela.
Cálices, ourivería, códices ou diversos ornamentos procedentes de Xerusalén compleméntanse na estadía galega da exposición con pezas senlleiras de institucións galegas. O Museo da Terra Santa do compostelán convento de San Francisco ou o Museo das Peregrinacións colaboran tamén nunha mostras que tamén conta con achegas do Museo Calouste Gulbenkian, de Lisboa.
Destas colaboracións fan posible contemplar tamén obxectos que amosan a vida cotiá nos tempos de Xesucristo, caso dunha lucerna de arxila datada entre o ano 37 antes de Cristo e o 35 despois de Cristo, pertencente ao convento compostelán. Tamén saen á luz obras habitualmente pechadas tras os muros da clausura, como un retrato de San Francisco custodiado na Igrexa conventual da orde das Madres Capuchinas de Oleiros.
Cálices, ourivería, códices ou diversos ornamentos procedentes de Xerusalén compleméntanse na estadía galega da exposición con pezas senlleiras de institucións galegas e do Museo Calouste Gulbenkian de Lisboa
Entre as pezas significativas da exposición destaca tamén unha maqueta da Basílica do Santo Sepulcro realizada por frei Bartolomé de las Heras, xefe dos talleres de carpintaría do convento de San Salvador de Xerusalén. Ou un manuscrito cos acordos entre Francia e o Imperio Otomán no século XVII.
Tras pasar polo Gaiás está previsto que este conxunto artístico, que xa pasou polo Palacio de Versalles (2013) e polo devandito museo lisboeta o pasado ano, teña aínda outros dous destinos internacionais, un en Europa e outro nos Estados Unidos. A continuación regresarán a Xerusalén para ser o núcleo da colección histórica do novo Terra Sancta Museum, o cal converte a mostra nunha oportunidade aínda máis única.
Ao longo da exposición pódense contemplas un total de 108 pezas distribuídas en tres seccións e varias subseccións nun percorrido que principia abordando o peso simbólico da cidade de Xerusalén e a fundación da Basílica do Santo Sepulcro na época do emperador Constantino e continúa percorrendo as doazóns das grandes casas reais europeas á Terra Santa.
O comisariado científico da exposición está a cargo do historiador da arte Jacques Charles-Gaffiot e mais de André das Neves Afonso, conservador das coleccións de Ourivería e Xoiaría do Museu Calouste Gulbenkian. Esperanza Gigirey Liste, directora do Museo das Peregrinacións e de Santiago, e mais Juan Manuel Buján, Ministro provincial da orde dos franciscanos en Santiago, exercen o comisariado executivo local.