Músicas de vangarda para un verán na cidade: o Atardecer no Gaiás chega a máis de 11.000 persoas

Unha das actuacións do ciclo Atardecer no Gaiás este verán na Cidade da Cultura © Cidade da Cultura

Electropop, tradi, trap, rock, folk, post-punk, soul... Natalia Lacunza, Lontreira, Ben l'Oncle Soul, Mariagrep, Biznaga, Catuxa Salom, Juancho Marqués e San Salvador, entre outros artistas, descubriron este verán a especial sonoridade do Atardecer no Gaiás na Cidade da Cultura

11.705 persoas subiron este verán ata a Cidade da Cultura para asistir aos concertos do ciclo Atardecer no Gaiás, consolidado escaparate de propostas eclécticas e na vangarda para quen gosta da música en directo. Electropop, tradi, trap, rock, folk, pop, post-punk, soul... Artistas e bandas galegas, estatais e internacionais puideron descubrir a especial sonoridade deste escenario no alto de Santiago.

“Non teño palabras para o acollemento que está a ter a miña música”, manifesta Catuxa Salom, que debullou no Atardecer no Gaiás a música de Nunha aldea, un EP que recolle os novos ritmos que adoptou tras regresar a vivir en Galicia a causa da pandemia. “A pesar do frío que fixo o día que tocamos e de que sexa un espazo tan amplo, si que se sente moita calor do público. Sentímonos moi arroupadas”, conta sobre o seu paso polo escenario da praza da Cidade da Cultura.

Concerto de Moura no Atardecer no Gaiás este agosto © Cidade da Cultura

“Non é tan habitual ter un ciclo cunha programación diversa e con perspectiva de xénero”, dicía Rocío Saíz a Praza.gal a comezos do mes de xullo, cando aínda non sabía que o seu concerto tería que aprazarse polo intenso vento que comezou soprar a última hora. A da madrileña foi a única actuación que non se puido celebrar –e xa traballan en atopar outro oco para que regrese– porque este verán a organización estaba preparada para reubicar o escenario se a climatoloxía non acompañaba, como sucedeu a tarde do directo de Lontreira, o trío galego de electropop formado por Adriana Cores, Iván Barral e Héctor Rodríguez, que actuou na galería de servizos; ou con Jéssica Pina, que finalmente cantou no auditorio do edificio Fontán a causa da choiva.

"Foi unha experiencia moi positiva, pero mentres cantaba sentín moitos nervios por ver tanta xente coñecida entre o público", conta Mariagrep

O hip hop de Juancho Marqués abriu o 6 de xullo os concertos que todos os xoves e venres destes dous meses de verán poñen música aos solpores dos días máis longos do ano. Dulzaro, Biznaga, Mariagrep, San Salvador, Madalena Gamalho e Jéssica Pina completan o cartel do primeiro mes de Atardecer no Gaiás. “Foi unha experiencia moi positiva, pero mentres cantaba sentín moitos nervios por ver tanta xente coñecida entre o público: familia, amigos e moitas persoas que non vía desde o colexio. O concerto fíxose moi acolledor porque o público ergueuse e achegouse o escenario”, lembra Mariagrep.

Para esta compostelá un dos puntos fortes deste ciclo de concertos é que “pon ao mesmo nivel de importancia que un día vaia Natalia Lacunza, que é unha artista máis consolidada e que vai levar moitísima xente, a que outro día vaia eu, que obviamente son moito máis pequena; pero está moi ben que todos os artistas estamos no mesmo espazo”. Mariagrep, que xa subira ao escenario do Gaiás para cantar nas actuacións de Dani e Kimberley Tell, destaca que é unha boa forma de chegar a novos públicos porque “hai xente que vai só polo espazo” e atópase coa música.

Mariagrep no Atardecer no Gaiás este xullo © Cidade da Cultura

Son os directos a mellor toma de contacto dos artistas co público e Mariagrep ten para iso tres proxectos á vez: o seu en solitario, para o que está a preparar novas cancións tras debutar co álbum Si un Día (2021); o trío de picadiscos e performance Cool Nenas con Kimberley Tell e Dani; e o de Grande Amore, co que colabora nos seus concertos. “Estou aprendendo un montón porque son cousas moi diferentes e hai que ter case unha personalidade diferente en cada un”, asegura a artista.

"A xente mobilízase e crea bo ambiente porque tes un concerto gratuíto nun sitio fantástico", di Catuxa Salom

“A nivel de concertos este está a ser o mellor ano da miña vida –confesa Catuxa Salom tras o seu paso pola Cidade da Cultura–. Estou moi orgullosa e agradecida de poder compartir a miña música”. Para esta artista nada en Vilagarcía de Arousa o EP Nunha aldea supón “unha forma de vivir” máis alá das cancións. No seu regreso a Galicia está a practicas as ideas de protección e conservación do planeta nas que cree, comezando por ter unha horta para o seu consumo. 

Para Salom é importante “deslocalizar” o ocio e a música dos grandes espazos masificados, por iso celebra “que ese espazo ao aire libre na Cidade da Cultura se empregue para concertos”. “Vai bastante público, a xente mobilízase e crea bo ambiente porque tes un concerto gratuíto nun sitio fantástico. É unha aposta arriscada que está a funcionar moi ben”, destaca. 

Actuación de Catuxa Salom no Atardecer este agosto © Cidade da Cultura

Catuxa Salom abriu os concertos do Atardecer no Gaiás do mes de agosto, no que tamén estiveron a coruñesa Elia Galdo, coñecida como KYR4, unha das grandes promesas do rap; o canario Bejo; Lontreira; as gañadoras do premio Xuventude Crea na categoría de música Faíscas, formado por Lara Álvarez e Brais Fernández, e Xa'lum, de Iria Vilas; os rockeirosmadrileños Parquesvr; a intérprete de Mallorca Júlia Colom; a banda galega Moura, formada por Diego Veiga, Hugo Santeiro, Fernando Vilaboy, Luis Casanova, Pedro Alberte e Belém Tajes; o músico e compositor francés Ben l'Oncle Soul; e a artista pop Natalia Lacunza, que iniciou a súa carreira en Operación Triunfo, e foi a encargada de despedir o ciclo este xoves.

"Tocar na Cidade da Cultura no momento do solpor é algo máxico e que encaixa moito coa nosa música", salienta Diego Veiga, de Moura 

“Creo que se abusa moito da frase ‘marco incomparable’, pero a verdade é que tocar na Cidade da Cultura no momento do solpor é algo máxico e que encaixa moito coa nosa música. A nosa música esixe deixarse levar, que é o que facemos nós sobre o escenario. A nosa música non é poñer unha canción detrás de outra: é un fluír ao longo do concerto”, debullou Diego Veiga, voz e unha das guitarras de Moura, en conversa con Praza.gal antes da actuación.

A roda da música segue xirando e chegarán novas cancións destas artistas, como a que publicará o vindeiro 7 de setembro Catuxa Salom, unha mestura de idiomas e ritmos cunha mensaxe moi clara sobre a preocupación pola escaseza de auga, o seu uso responsable e as medidas contra o cambio climático que urxe aplicar. Unha canción que apela á soberanía do pobo sen deixar de conectar coas cadeiras, co corpo, para incitar ao baile. Comeza a conta atrás para que volva o Atardecer no Gaiás...

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.