De Catuxa Salom a Natalia Lacunza, un mes de 'atardeceres no Gaiás' para bailar "sen fronteiras"

Público asistente a un dos concertos de 'Atardecer no Gaiás' © Cidade da Cultura

En agosto será a quenda de Catuxa Salom, KYR4, Bejo, Lontreira, Faíscas e Xa'lum, Parquesvr, Júlia Colom, MOURA, Ben l'Oncle Soul ou Natalia Lacunza. Rap, tradi, folktrónica, rock, pop... Que o solpor nos atope bailando

Algúns dos lugares máis fermosos para asistir aos solpores do verán están en Galicia. Pero non só no litoral, senón tamén en espazos como o monte Gaiás e a Cidade da Cultura, cuxa Praza Central se converteu xa nun lugar referencial para gozar da música en directo, especialmente dende a posta en marcha do ciclo Atardecer no Gaiás, que nesta edición 2023 programou 18 concertos de balde. Os xoves e venres de xullo puidemos ver a Rocío Saiz, Biznaga, Dulzaro, San Salvador ou Jéssica Pina. E en agosto será a quenda de Catuxa Salom, KYR4, Bejo, Lontreira, Faíscas e Xa'lum, Parquesvr, Júlia Colom, MOURA, Ben l'Oncle Soul ou Natalia Lacunza. Rap, tradi, folktrónica, rock, pop... De aquí, de fóra e de todas partes. 

Todos os concertos son de balde e comezan ás 21 horas. Para todas as actuacións do Atardecer no Gaiás haberá servizo de autobús urbano ao remate de cada actuación e unha alternativa no espazo da Cidade da Cultura no caso de choiva. A programación completa pode consultarse aquí. Que o solpor nos atope bailando.

Atardecer no Gaiás, que rexistrou ao longo do mes de xullo un grande éxito de asistencia grazas a unhas actuacións de enorme calidade e emoción, nun escenario único, continúa a súa programación este xoves 3 de agosto coa artista galega de raíces arxentinas Catuxa Salom, unha das grandes revelacións dos últimos meses na música do país. O venres 4 será a quenda da coruñesa KYR4, unha das grandes promesas do rap español.

Concerto de San Salvador o pasado 21 de xullo no 'Atardecer no Gaiás' © Cidade da Cultura

Todos os concertos son de balde e comezan ás 21 horas

A segunda semana continuará o rap co canario Bejo o xoves 10, mentres que o venres 11 escoitaremos os sons sinestésicos e electrónicos dos arousáns Lontreira. O xoves 17 poderemos descubrir as bandas gañadoras do certame Xuventude Crea na súa modalidade de Música: o dúo Faíscas, formado por Lara Álvarez, de Redondela, e o vigués Brais Fernández, e o proxecto Xa'lum, da solista coruñesa Iria Vilas. O venres 18 Parquesvr non deixarán indiferentes a ninguén coa súa proposta inclasificable de rock e letras inzadas de ironía e humor.

O ciclo continuará o xoves 24 cos sons tradicionais de Júlia Colom, que chega dende as Illas Baleares mesturando composicións propias e pezas de orixe popular. Un día despois, os galegos MOURA ofrecerán unha proposta que viaxa entre a tradición e o rock progresivo e que se converteu nunha das sensacións dos últimos anos na escena estatal.

A edición 2023 do Atardecer no Gaiás pecharase na derradeira semana do mes de agosto con dous concertos de primeirísimo nivel: o R&B do francés Ben l'Oncle Soul e a actuación de Natalia Lacunza, unha das propostas máis interesantes do pop estatal

A edición 2023 do Atardecer no Gaiás pecharase na derradeira semana do mes de agosto con dous concertos de primeirísimo nivel: por unha banda, o R&B vangardista coas raíces do soul espiritual do francés Ben l'Oncle Soul, o mércores 30. E, pola outra, a actuación de Natalia Lacunza, que hai tempo que deixou atrás Operación Triunfo para converterse nunha das propostas máis interesantes do pop estatal.

A música "sen fronteiras" de Catuxa Salom

Antes, xa este xoves, teremos a oportunidade de ver unha das sensacións da música galega deste ano 2023, Catuxa Salom, da que vimos escoitando cancións como 'Chicharras', 'Nunha aldea' ou 'Mulleres piratas' nas que se mestura con total naturalidade o folclore latinoamericano, a tradición galega e os sons electrónicos. A súa música -chamémoslle folctrónica, para quen necesite poñer etiquetas- é un punto de unión de moitas cousas que responde á súa propia traxectoria persoal.

Programación da edición 2023 de 'Atardecer no Gaiás' © Cidade da Cultura

Antes, xa este xoves, teremos a oportunidade de ver unha das sensacións da música galega deste ano 2023, Catuxa Salom, da que vimos escoitando cancións como 'Chicharras', 'Nunha aldea' ou 'Mulleres piratas' nas que se mestura con total naturalidade o folclore latinoamericano, a tradición galega e os sons electrónicos

Catalina Salom naceu en Vilagarcía de Arousa en 1989 de pai e nai arxentina. Na súa casa medrou escoitando a Mercedes Sosa ou a Violeta Parra e moi nova comezou a realizar as súas propias composicións. Estudou Socioloxía na Universidade Complutense e teatro na escola de interpretación Juan Carlos Corazza e viviu en Madrid durante máis de dez anos. 

Porén, un día, coincidindo coa pandemia de COVID, decidiu mudar radicalmente o seu escenario e trasladouse case a cegas a unha aldea da Pontenova, alugando cunhas amigas unha casa que só viran a través dun anuncio en Internet. Alí comezou a compoñer cancións moi distintas, cambiando o country e o blues que adoitaba tocar en Madrid por temas nas que o folclore galego ou arxentino gañaban peso. Así naceron cancións como 'Chicharras' ou 'Nunha aldea' coas que se deu a coñecer.

"Eu tento sempre compoñer dende o que me rodea e as historias que me suceden e por iso non é o mesmo compoñer unha canción nun ático en Madrid -que tamén sería unha canción marabillosa- que compoñer nunha aldea nunha casa de pedra que ten séculos de historia. E despois tamén inflúe moito a etapa vital na que esteas nese momento. Cambia todo", destaca en conversa con Praza.gal.

Catuxa Salom © Catuxa Salom

"Creo que non hai moitos límites cerebrais entre uns estilos e outros, para min é natural mesturalos e pasar de un a outro. A música non ten fronteiras"

Nestas cancións amosa todas as súas influencias, moi variadas e distintas entre si, dando lugar a unha música moi rica e difícil de etiquetar. "Sempre tento buscar a miña verdade máis auténtica, sexa a través do blues, que foron as primeiras composicións que empecei a facer con 14 ou 15 anos, sexa o que fago agora", destaca Catuxa Salom, que recoñece a importancia que segue exercendo a súa ascendencia arxentina. 

"Os meus pais son arxentinos os dous e eu mamei moito do folclore latinoamericano e iso influíume moito", comenta, engadindo que "despois viaxei moito, por moitos países distintos e estiven en contacto con moitas músicas". "Creo que non hai moitos límites cerebrais entre uns estilos e outros, para min é natural mesturalos e pasar de un a outro. A música non ten fronteiras", engade.

Catuxa Salom está a preparar a saída do seu primeiro álbum, un disco que vai lanzarse a través de singles, pero no que "hai detrás un traballo conceptual e unha investigación previa que une todas elas", destaca

Catuxa Salom está a preparar a saída do seu primeiro álbum, un disco que vai lanzarse a través de singles, pero no que "hai detrás un traballo conceptual e unha investigación previa que une todas elas", destaca. A artista anticipa que aínda que o disco aínda vai tardar un tempo en ver a luz "neste concerto do Gaiás si que vou tocar moitas delas en primicia". 

Así que a actuación será un bo momento para descubrilas e escoitalas por primeira vez. "E para min unha oportunidade para ver a recepción", destaca. "A min gústame moito isto: tocar unha canción nova nun concerto e ver a reacción da xente, pensando 'non coñeces a canción, pero gústache, estás bailándoa'", di. "Sexa un escenario ou outro, un sitio máis pequeno ou máis grande, encántame ver como chego á xente coas miñas cancións, ver a transformación das súas caras", explica.

A artista anticipa que aínda que o disco aínda vai tardar un tempo en ver a luz "neste concerto do Gaiás si que vou tocar moitas delas en primicia"

E como é o proceso de composición de Catuxa Salom? A artista explica que funciono cun método no que, para compor música o que fai é primeiro afastarse da propia música. "Por exemplo, pinto un cadro, a pesar de que non sei pintar. E penso: se esta canción tivese cores, que cores sería? Fago o cadro e despois póñome diante do ordenador no que produzo a música a tentar converter esa pintura nunha canción". "Tento afastarme da música para facer música, non pensar en que acorde quero poñer en cada momento e tentar activar partes do cerebro ás que non chegaría se compuxese de forma tradicional", di.

"Despois inflúe moito o que escoitas", engade. "Se esa semana estiven escoitando sen parar a Nathy Peluso, iso nótase no que compoño. Ou se estiven escoitando a Amy Winehouse ou a Lia Kali, pois o mesmo", di.

O concerto do Gaiás deste xoves será unha excelente para gozar da música de Catuxa Salom, pero ao longo dos meses de agosto e setembro haberá novas oportunidades para descubrila. Por exemplo, en Melide o 12 de agosto, en Pantón o 18 de agosto no Festival Trece Roeis ou o 19 de agosto en Allariz. En setembro estará no Festiletras e no festival Osa do Mar de Burela (2 de setembro) ou no festival Costeira sonora de Cenlle (23 de setembro).

Catuxa Salom © Catuxa Salom

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.