Grandes concertos, cabezudos, espectáculos pirotécnicos, circo, danza, alboradas, obradoiros e actividades para as crianzas. Do 20 ao 31 de xullo Santiago celebra as Festas do Apóstolo con Bratzantifa, Ángel Stanich, Lucía Aldao, The Rapants, The Original Wailers e Sarah Mccoy, entre outros artistas
Ana Rodríguez, Rosario Rodríguez, Montse Rivera, Felisa Segade, Patricia Segade e Mercedes Rodríguez, as cantareiras e pandereteiras de Leilía, en plena xira de despedida dos escenarios tras máis de tres décadas, serán as encargadas de ler o pregón que dará comezo ás Festas do Apóstolo en Santiago de Compostela o xoves 20 de xullo. Festexos que contarán con moita música e as actuacións de Lucía Aldao, The Rapants, Bratzantifa, Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre, Ángel Stanich, The Original Wailers e Sarah Mccoy, entre outros.
A cidade, cun equipo de goberno a estrear como resultado das eleccións do 28M e a súa primeira alcaldesa na Historia, acollerá grandes concertos, cabezudos, espectáculos pirotécnicos, circo, danza, alboradas, obradoiros e actividades para as crianzas. Haberá dous Puntos Lila de información e acompañamento sobre violencias sexuais, a disposición de todas as persoas que se acheguen á cidade ou participen nas festas. A caseta lila da Alameda estará aberta todos os días e o Punto Lila do parque de Galeras funcionará cando haxa actividades alí.
Entre o 20 e o 31 de xullo Compostela está de celebración polo Apóstolo, que este ano incluirá un acto institucional organizado desde o Concello no Día Nacional de Galicia. Polo seu "arraigo na cidade" e como "parte do patrimonio musical, e polo tanto cultural, de Compostela" Leilía darán o pregón das festas o xoves 20 ás dez da noite. Montse Rivera, pandeireteira do grupo Leilía presente na presentación da programación no Pazo de Raxoi xunto á edil de Festas Pilar Lueiro, confirmou que están "encantadas" coa proposta aínda que senten "a vértixe de responsabilidade".
Volven os concertos no parque de Galeras coas actuacións de Sila Lúa, Anxo Araújo e L.A., entre outros artistas
Como pioneiras na recolleita e posta en valor da tradición oral e musical galega, Montse Rivera explicou que este é un "recoñecemento á nosa traxectoria pero tamén á tradición oral do noso país, a todas as persoas, a maior parte mulleres, que gardaron na súa memoria esas coplas, cantigas e melodías, e que viviron o esquecemento e o menospreo".
O Obradoiro e a Quintana acollerán os concertos de The Original Wailers (xoves 20), Sarah Mccoy (venres 21), Ángel Stanich (domingo 23), Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre (luns 24), Cimafunk (martes 25), Tito Ramírez (mércores 26), Verónica Codesal (domingo 30), Xurxo Fernandes (domingo 30) e Bratzantifa con Pongo (luns 31).
Na praza da Quintana tamén haberá dúas citas tradicionais nestas datas: o concerto da Banda Municipal, nesta ocasión acompañada pola Europeiska Orkiestra, que será o xoves 27; e o concerto da Real Filharmonía de Galicia, baixo a dirección de Baldur Brönnimann, o venres 28.
Os Fogos do Apóstolo volverán encher o ceo de cores as noites do 24 e do 31 de xullo
Haberá máis concertos no parque de Galeras, por onde pasarán artistas como L.A. (sábado 22), Lucía Aldao (domingo 23), Anxo Araújo (luns 24), Seso Durán (25 xullo), Catuxa Salom (mércores 26), The Rapants ( venres 28 ), Sila Lúa (sábado 29) e Apart (domingo 30).
Segundo salientou Pilar Lueiro hai "unha grande presenza de danza" no programa das Festas do Apóstolo, con figuras como Óscar Cobos, o espectáculo de Endaterra da Asociación Cultural Xacarandaina, as Xornadas do Folclore ou a proposta de Danza Itinerante.
Non faltarán o XLV Torneo de chave, o día do Traxe Galego, o Día do Padrón, o TRAD FEST –que se desenvolverá ao longo do domingo 30 no parque de Bonaval–, as orquestras na Alameda ou as atraccións, que estarán na Alameda ata o 31 de xullo. Tampouco faltan á cita as tradicionais alboradas, a comparsa de cabezudos que percorrerá as rúas da cidade histórica na mañá do Día do Apóstolo e os Fogos do Apóstolo, as noites do 24 e do 31, dos que se coñecerán máis detalles nos vindeiros días. .con máis detalle".