O Concello de Santiago lanza un acto institucional polo Día Nacional tras unha década de ausencia da Xunta

Goretti Sanmartín, alcaldesa de Santiago, e Francisco Prieto, novo arcebispo, este 3 de xullo no balcón do Pazo de Raxoi © Concello de Santiago

O 25 de xullo de 2022, primeiro Día Nacional de Galicia con Alfonso Rueda na presidencia da Xunta, o único acto propio Goberno galego como tal ligado á festa foi, en sentido estrito, a difusión dun vídeo no que o xefe do Executivo felicitaba a xornada e, entre referencias ao Xacobeo, animaba a celebrala. A continuación, Rueda e o resto do Goberno secundaron os actos da Casa Real na Catedral de Santiago, coa súa habitual ofrenda ao Apóstolo. 

No día previo, o 24 de xullo, a Xunta entregara as Medallas de Galicia. Durante lustros, este acto veu sendo o máis semellante a unha celebración oficial do Día Nacional por parte da Xunta. Pero, tras a súa cancelación en 2013 por mor do accidente de Angrois, o gabinete daquela presidido por Alberto Núñez Feijóo decidiu trasladar a entrega á véspera do 25 de xullo, aniversario da catástrofe, aínda que parte das vítimas do sinistro lle pediran especificamente que non o fixese.

Bandeira galega e do orgullo LGBTIQ+, no Pazo de Raxoi, o pasado 28 de xuño Día do Orgullo e aniversario da aprobación do primeiro Estatuto galego CC-BY-NC-SA Praza.gal

En 2021, no que acabaría sendo o derradeiro Día Nacional de Galicia con Feijóo na presidencia, a Xunta si entregou as Medallas o día 25. Fíxoo nun acto que quedara, en boa medida, esvaído pola ampla presenza de autoridades do Estado aquel día en Galicia, co rei Felipe VI á cabeza co gallo do Xacobeo. En calquera caso, e á espera do que a Xunta decida para este 2023, transcorreu xa practicamente unha década dende que a Xunta está practicamente ausente no Día Nacional de Galicia, cuxa denominación oficial obvia para esquivar a condición nacional galega que o Goberno preautonómico quixo enfatizar ao aprobala.

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, confirma que exercerá de "anfitrioa" das autoridades que acudan á ofrenda da Casa Real ao Apóstolo na Catedral, "como é tradición" e con independencia de que non acuda á Eucaristía "atendendo á condición de Estado laico"

Con este pano de fondo, o novo goberno municipal de Santiago encabezado polo BNG en coalición con Compostela Aberta, vén de decidir mudar o escenario institucional do Día Nacional ou, cando menos, tentalo cun acto institucional de seu. Así o confirmou este pasado luns a alcaldesa, Goretti Sanmartín. Tratarase, avanza, "dun acto propio no que honrar a veciñanza compostelá dentro do día grande da festa da cidade que é, á vez, Día Nacional de Galicia e Día do Apóstolo". "Estarán, por suposto, convidadas todas as institucións", engadiu.

Nese acto, avanza Sanmartín, o Concello compostelán buscará "recoñecer o labor ou a traxectoria de persoas e entidades que destacan en diversos ámbitos". Así, coida, será posible "ampliar as celebracións a máis sectores", ademais das "autoridades xa convidadas habitualmente" e que nesa xornada adoitan acudir ao Pazo de Raxoi, sede do consistorio, tras participaren na ofrenda da Casa Real ao Apóstolo na Catedral.

Neste sentido, e tras a súa primeira xuntanza institucional co novo arcebispo, Francisco Prieto, Sanmartín confirma que "como é tradición, o Concello continuará exercendo ese labor protocolario" e xa o comunicou á Casa Real. Ela mesma, ratifica, exercerá "como alcaldesa en todas as funcións de benvida e recepción" ao Concello "como anfitrioa". Nesa xornada "a miña participación centrarase nos actos institucionais", ratificou Sanmartín, quen "como representante da cidade e atendendo á condición de Estado laico", non acudirá á Eucaristía da devandita ofrenda da Casa Real.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.