Juancho Marqués e Rocío Saiz inician este xoves e venres o ciclo de concertos con acceso libre e de balde Atardecer no Gaiás, polo que pasarán nos meses de xullo e agosto artistas como Mariagrep, Biznaga, Jéssica Pina ou San Salvador
“O Atardecer no Gaiás é un agasallo”, di Rocío Saiz ao outro lado do teléfono. O seu nome soa estes días despois de que un dos seus concertos fora interrompido bruscamente cando quitou a camisola. Non é a primeira vez que ten problemas por combinar a música co activismo LGBTI sobre un escenario, pero insiste en que a situación “empeorou”. “Sempre fun un pouco cagada aos escenarios, pero antes non tiñamos este medo”, afirma. Por iso celebra o seu paso pola Cidade da Cultura este venres: “Non é tan habitual ter un ciclo cunha programación diversa e con perspectiva de xénero, é un agasallo estar aquí”.
A madrileña actúa na primeira semana do ciclo de concertos con acceso libre e de balde que desde hai trece anos programa a Cidade da Cultura para os solpores de xullo e agosto a partir das 21 horas. Unha edición que comeza este xoves co concerto de Juancho Marqués, un artista que rachou cos límites do hip hop e se converteu en referente da música urbana, que presentará os temas do seu último álbum, Paraíso 39, editado hai menos de dous meses por Taste the Floor Records.
O cartel para os concertos do Atardecer no Gaiás deste mes de xullo complétase con artistas como a galega Mariagrep, que prepara o seu segundo álbum tras Si un día mentres segue presentando o EP Detox (Raso Estudio), con cancións destacadas como La playa. Culleres, pandeiretas, pandeiros, botellas de anís... Dulzaro bebe do folclore de Castela e León e reinventa os sons tradicionais coa axuda de sintetizadores. Estará na praza da Cidade da Cultura o xoves 13. Ao día seguinte subirán ao escenario Biznaga, premio MIN da música independente ao mellor disco de rock con Bremen No Existe (Montgrí, 2022), volve a Galicia cos seus dous himnos: Domingo especialmente triste, unha canción na que colabora Isa de Triángulo de Amor Bizarro, e Contra mi generación.
"A xente cre que porque te dediques a algo artístico, ten a potestade de insultarte ou humillarte", lamenta Rocío Saiz
Rocío Saiz confesa que tras máis dunha década na música profesional aínda a etiquetan como emerxente. Participou de grupos como Las Chillers e comezou a súa carreira en solitario con Amor amargo (Primavera Labels), un álbum producido por Pau Paredes. “Eu sei que son unha privilexiada, pero vivo na precariedade máis absoluta. Agora nos festivais parece que ou cobras 40.000 euros ou 1.500, non hai case nada no medio”, conta. Aínda que sempre se enfrontou a insultos como resposta as súas reivindicacións en escena, agora máis claro que “falta pedagoxía nas casas” e que a xente saiba “que ninguén quere quitarlle dereitos a ninguén”.
“Saín chorando de moitísimos concertos. A xente cre que porque te dediques a algo artístico, ten a potestade de insultarte ou humillarte. Sempre me din o de que ao ser unha figura pública estás exposta a iso, pero non hai xustificación para non tratarnos con respecto. Isto é como no colexio, sempre van a polo máis débil, e toda esa xente que se pon a insultarte en grupo cando van sos pola rúa non te din nada. O problema é cando se xuntan ou insultan detrás dun nome anónimo en Twitter. Son uns covardes”, asegura Saiz.
Saiz está en plena xira mentres prepara o seu segundo disco, que conta con sacar para outubro. “Agora vou tocar os novos singles, o último acaba de saír e paréceme todo un himno, chámase No, e é unha colaboración con HUMO&OXIDO”, destaca, para adiantar que no álbum que vén haberá moitos sons dos oitenta. Mentres, incide, “empeza a loita” porque “non van polas miñas tetas, van por todo”.
Para todos os concertos do Atardecer no Gaiás haberá servizo de autobús urbano ao remate de cada actuación e unha alternativa no espazo da Cidade da Cultura no caso de choiva. A trompetista portuguesa Jéssica Pina, natural de Alcácer do Sal, que vén de ser convidada por Madonna para unirse á súa xira mundial MADAME X, presentará o EP Vento Novo o venres 28 de xullo, pechando o primeiro mes de concertos.
Tamén estarán o día 21 as seis voces do grupo San Salvador e a súa polifonía salvaxe e punk que son a sensación do tradi europeo. O xoves 27 será a quenda da galega Madalena Gamalho, que debuta en solitario con Invento, un traballo con influencias pop, rock e funk dunha artista en conexión permanente co mundo lusófono e que tamén forma parte da banda jazz folk Laroá.
A programación completa pode consultarse aquí.