Do cinema ao aire libre ao teatro. Da música en espazos patrimoniais á maxia, o circo ou os contacontos. Das exposicións ás visitas guiadas por recantos do país. E así, ata 2.500 iniciativas baixo o lema 'A cultura de Galicia é un CulturON'
Do cinema ao aire libre ao teatro. Da música en espazos patrimoniais á maxia, o circo ou os contacontos. Das exposicións ás visitas guiadas por recantos do país. E así, ata 2.500 iniciativas baixo o lema A cultura de Galicia é un CulturON, toda unha axenda cultural para o verán galego deste 2023.
O obxectivo deste programa é que "cada día, en cada recuncho, se poida gozar dalgunha proposta cultural". Co impulso da Consellería de Cultura chegan accións como 60 exposicións cunhas 200 actividades asociadas, dende as visitas con persoas expertas aos obradoiros infantís e xuvenís en museos.
É o caso, por exemplo, da exposición Luz na Terra. Seminario de Estudos Galegos: unha institución de alta cultura, unha das grandes mostras do ano que, comisariada por Ramón Villares, conmemora na Cidade da Cultura o centenario da institución. A través de fotografías, publicacións, manuscritos, bosquexos de debuxos, e mesmo a súa acta fundacional, a exposición convídanos a coñecer máis do SEG.
Tamén está no Gaiás unha das exposicións conmemorativas polo trixésimo aniversario do Centro Galego de Arte Contemporánea: Traballo en equipo. 30 anos do CGAC. No propio CGAC atoparemos un itinerario expositivo artellado entre a planta baixa e o soto, con pezas da colección e algunhas outras en préstamo, mentres que no Museo Centro Gaiás se amosan obras de gran formato centradas en temas como a ecoloxía, o feminismo, o poscolonialismo ou a arquitectura.
De Santiago podemos viaxar cara á Coruña para descubrir A Coruña no tempo. A mostra coruñesa desta serie impulsada pola Xunta nas sete cidades convida a descubrir a historia e identidade da urbe herculina. Afonda, explican, "no seu papel decisivo na cultura urbana galega".
Música, artes escénicas, cinema
A programación deste verán tamén nos leva ao mundo da música, das artes escénicas e do cinema. Por exemplo, con máis de 400 concertos nun mundo de festivais por todo o país ou ata 300 funcións teatrais. Neste eido encádranse accións coma o programa Territorio Cultura, que programa case medio cento de espectáculos en concellos rurais, ou o circuíto de artes escénicas Cultura no Camiño, que chega a 88 concellos.
O teatro e a danza do circuíto afeccionado Fegatea, con 80 representacións, está tamén nun programa estival no que atopamos tamén a música e o baile tradicionais de Danza 3, con Xacarandaina, O Fiadeiro e Cantigas e Agarimos en máis dunha decena de concellos.
Os filmes deste verán corren a cargo de Redecinema, con ata 18 películas galegas noutros tantos concellos Cuñados, Malencolía, A Galiña Turuleca, A illa das mentiras, Engurras, Eroski-paraíso, Jacinto e O que arde. É unha programación que complementa os ciclos e semanas de cinema e as actividades da Federación de Cineclubs de Galicia apoiadas por Cultura.
Lingua e libros
O verán tamén é bo momento para darlle á lingua e así o demostran os máis de 60 pases que programa Falaredes, dependente de Política Lingüística, con actividades como Os Bolechas deportistas viaxan no tempo, que visitará 15 concellos co obxectivo de fomentar o uso da lingua galega no deporte e os hábitos de vida saudables entre a rapazada. Tamén impulsa o 'scape room' O circo do silencio, unha sala de fuxida ambientada nunha carpa de circo instalada na rúa para resolver un misterio en equipo.
A lingua é falada, pero tamén é lida nas bibliotecas públicas, con máis de 800 actividades do programa Ler conta moito con contacontos, monicreques, actividades musicais ou audiovisuais. Ademais das bibliotecas tradicionais están as móbiles, as da Furgoteca que recupera o espírito dos bibliobuses nunha vintena de concellos das provincias de Lugo e Ourense, incluíndo ademais actividade como obradoiros de alfabetización dixital, escape rooms literarias, contacontos ou actividades vinculadas á escritura creativa e ilustración.
As feiras do libro da Coruña, Viveiro, Foz e Monforte ou as visitas divulgativas a espazos patrimoniais con intervencións recentes son outras das opcións dunha axenda que, calcula a Xunta, mobiliza en total uns 4 millóns de euros. As datas e horarios de cada actividade están dispoñibles no sitio web da Consellería de Cultura.