A montaxe de música e baile tradicional, apoiada pola Deputación da Coruña, a Xunta e as asociacións dos concellos polos que pasan o Camiño Norte e o de Fisterra, está dirixida por Quique Peón e inclúe corpo de baile, coro e instrumentistas
Xacarandaina levará o seu espectáculo de música e baile tradicional Endaterra ao Coliseo da Coruña o vindeiro 7 de maio. O espectáculo reúne en escena baixo a dirección de Quique Peón máis de 80 artistas entre corpo de baile, voces e instrumentistas. Endaterra constrúese ao redor da historia e o acervo cultural dos concellos que atravesan os Camiños de Santiago do Norte e mais o de Fisterra-Muxía e conta co apoio da Deputación da Coruña, da Xunta de Galicia, das asociacións dos concellos polos que pasan estes dous Camiños de Santiago e tamén do Concello da Coruña.
Será unha función única, cuxas entradas xa están á venda en Ataquilla.com a través desta ligazón ou no despacho de billetes da Praza de Ourense. “Levar ao maior recinto de exhibición de espectáculos da Coruña unha montaxe destas características é unha auténtica aposta de cidade polo noso folclore”, destaca Quique Peón, que tamén subliña a importancia que a histórica asociación cultural Xacarandaina, radicada na Coruña e fundada hai 44 anos, ten na urbe herculina.
“Levar ao maior recinto de exhibición de espectáculos da Coruña unha montaxe destas características é unha auténtica aposta de cidade polo noso folclore”, destaca Quique Peón
“É máis ca unha asociación histórica, é unha verdadeira institución fundada fai xa 44 anos, que conta con máis de 1.500 persoas asociadas e que mobiliza cada ano nas súas actividades de formación a preto de 700 persoas”, di o director de Endaterra. O vindeiro 15 de marzo Xacarandaina recibirá pola súa traxectoria e a súa relevancia o Premio da Cultura Galega na categoría de Patrimonio Cultural, que concede a Xunta de Galicia.
Endaterra é un novidoso espectáculo que fusiona distintas artes escénicas como son o teatro, o baile e a música tradicional galega (melódica e vocal). A montaxe, ademais, conta cunha banda sonora única que foi composta en exclusiva e dispón dunha singular produción audiovisual para crear unha paisaxe sonora e visual con imaxes e sons naturais dos itinerarios xacobeos do Norte e mais de Fisterra-Muxía.
Xacarandaina “é máis ca unha asociación histórica, é unha verdadeira institución fundada fai xa 44 anos, que conta con máis de 1.500 persoas asociadas e que mobiliza cada ano nas súas actividades de formación a preto de 700 persoas”
Este gran produción representa unha completa mostra da ampla cultura tradicional destas dúas rutas compostelás. Desenvolveuse un traballo de investigación dos bailes, divertimentos, danzas, cancións, traxes e tradicións dos 18 concellos polos que transcorren estas dúas vías a Santiago: A Coruña, Culleredo, Cambre, Carral, Abegondo, Ordes, Mesía, Oroso, Dumbría, Ames, Negreira, Mazaricos, Cee Corcubión, Fisterra Muxía e da propia Compostela. O material etnográfico que se emprega forma parte do arquivo do Grupo de Música e Baile Tradicional Xacarandaina, e é froito do seu traballo de recollida durante máis de corenta anos de traxectoria.
Para a representación da historia, Xacarandaina mobilizará 80 artistas en escena
O argumento baséase na peregrinación feita en 1900 por unha aristócrata inglesa e a súa doncela de orixe galega a Santiago con epílogo a Fisterra e Muxía. A viaxe desta intrépida muller divídese en tres etapas: a primeira realízase en barco desde o porto do Londres até o de A Coruña, despois a pé desde a cidade herculina ata a capital de Galicia e logo ata os confíns da Costa da Morte.
Desenvolveuse un traballo de investigación dos bailes, divertimentos, danzas, cancións, traxes e tradicións dos 18 concellos polos que transcorren estas dúas vías a Santiago
Para a representación desta historia, Xacarandaina mobilizará 80 artistas en escena. O corpo de baile constitúese con trinta persoas de entre 17 e 35 anos, mentres que o grupo de pandeiretas está formado por doce mulleres que se encargan da percusión de man. A peza tamén inclúe un grupo de gaitas que abrangue tres destes instrumentos, tamboril, bombo e pandeireta que, xunto co saxo, clarín, trompeta e tubo da charanga tocan pezas tradicionais de distintas épocas. O coro conta con 35 voces e o amplo despregue artístico complétase con Os do fondo da barra, grupo doce homes e un acordeonista que representan coa compaña de percusión os antigos cantos de taberna.