'Malencolía', a sexta longametraxe de Alfonso Zarauza, chegará a 23 salas de cine de 17 localidades galegas o venres 25
Sira e Pepe, tras dez anos vivindo en Berlín, deciden dar un novo rumbo á súa vida regresando a unha aldea que consideran abandonada. Malencolía é a sexta longametraxe de Alfonso Zarauza, na que mestura o cinema de terror, a comedia e o desacougo vital para contar a historia desta parella que aposta polo rural na súa volta a Galicia.
O director da premiada Ons adéntrase por primeira vez no xénero de terror, que busca dun xeito pouco convencional, partindo da rica tradición galega oral e literaria sobre o medo para engadir elementos do estilo americano slasher de asasinos en serie e gore, e tamén boa dose de humor. O filme estréase este venres, 25 de marzo, en 23 cinemas de 17 localidades galegas.
Melania Cruz e Xúlio Abonjo interpretan aos protagonistas do filme, que regresan a Galicia despois dunha década en Berlín
Protagonizada polos actores Melania Cruz e Xúlio Abonjo, Malencolía é un filme rodado integramente en Galicia e en galego, e con equipo 100% galego. No elenco tamén participan Iolanda Muiños, Diego Anido, Marta Lado, X. A. Touriñán, Ricardo de Barreiro, Ledicia Sola, Tito Asorey e Déborah Vukušić.
A película, que contaba con 11 candidaturas finalistas nos premios Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual que se celebraron o pasado sábado, acadou dous galardóns para Iolanda Muíños e Diego Anido, como mellor interpretación de reparto feminina e masculina, respectivamente. O filme obtivo o Premio Xacobeo do Ourense Film Festival e preséntase no Sombra, o Festival de Cine Fantástico Europeo de Murcia, onde compite na sección oficial.
O equipo de Malencolía escolleu diferentes localizacións dos concellos de Boborás, O Irixo e O Carballiño para a rodaxe desta historia producida por Maruxiña Film Company en coprodución coa Televisión de Galicia, distribuída por Baños Films, que conta cunha subvención da AGADIC e co apoio da Deputación de Ourense.
Escrita e dirixida por Alfonso Zarauza, a película conta cunha banda sonora composta por Xavi Bértolo e inclúe dous temas da banda Chicharrón e unha versión do tema Teño Saudade de Andrés Do Barro, a cargo de Roberto Cacabelos e Raquel Vilas.