‘Ons’, a longametraxe dirixida por Alfonso Zarauza, pode verse dende este venres en salas comerciais das sete cidades galegas, ademais de vilas como O Barco de Valdeorras ou Caldas de Reis. Na súa cuarta semana de exhibición, o filme chega aos Cines Pontevella de Ourense e aos Cinexpo de Pontevedra, cidades nas que aínda non se estreara. Tamén se incorpora ao Cine Teatro Salesianos de Vigo, que a proxectará o 8, 9 e 10 de xaneiro, e ao Teatro Municipal Lauro Olmo do Barco de Valdeorras, que a proxecta os días 6, 7 e 8 de xaneiro. Ademais, grazas á súa boa acollida por parte do público, mantense nas carteleiras dos lugares nos que xa se estreara.
O filme pódese ver nas salas comerciais da Coruña, Vigo, Santiago, Lugo, Ferrol, Ourense, Pontevedra, Caldas de Reis e O Barco de Valdeorras
Ademais, o equipo do filme continúa a facer presentacións por toda a xeografía galega. Alfonso Zarauza acompañará a proxección de Ons en Ourense o sábado 9 ás 20h cunha presentación e coloquio nos Cines Ponte Vella, na compaña do produtor Xavi Font, e o domingo farao no Cine Salesianos de Vigo, na última sesión das 20h, acompañado dun dos actores protagonistas, Antonio Durán ‘Morris’. Ademais, a sala NUMAX de Compostela acollerá dúas presentacións co director nas sesións do 8 de xaneiro ás 17h e o 14 de xaneiro ás 18:30h.
‘Ons’ estreouse o pasado 18 de decembro e colocouse como segunda película máis vista nas salas de cine galegas, só superada por Wonder Woman 1984
‘Ons’ estreouse o pasado 18 de decembro e colocouse como segunda película máis vista nas salas de cine galegas, só superada por Wonder Woman 1984 nos cinemas dos centros comerciais. O público respondeu así de forma moi positiva á estrea deste filme en lingua galega, que se manterá na maioría das salas despois das festas. A longametraxe repite o éxito acadado nos últimos anos por outros filmes en lingua galega, como 'O que arde' ou 'A Esmorga'.
Nesta entrevista, publicada en Praza.gal días antes da estrea do filme, Alfonso Zarauza destacaba que “na película é moi importante a idea do que se ve e o subterráneo, o que se conta e o que se oculta”
A longametraxe repite o éxito acadado nos últimos anos por outros filmes en lingua galega, como 'O que arde' ou 'A Esmorga'
O filme, coproducido con Portugal e ambientado na Illa de Ons, é un drama emocional con toques de misterio protagonizado por Melania Cruz e Antonio Durán ‘Morris’. Interpretan un matrimonio en crise, que trata de salvar a súa relación vivindo unha temporada na illa de Ons e que cruza o seu destino co dunha muller amnésica que aparece naufragada na praia. Completan o reparto Xúlio Abonjo, Marta Lado, Anaël Snoek, Miguel de Lira, Diego Anido, Montse Martínez e Cris Iglesias. Na banda sonora do filme destaca a canción ‘Na cela’ do grupo de Carballo Chicharrón, que adapta un poema de Antía Otero.
Trátase da quinta longametraxe de Alfonso Zarauza, tras A noite que deixou de chover (2008), Encallados (2013), Os fenómenos (2014) e A viaxe dos Chévere (2014)
Trátase da quinta longametraxe de Alfonso Zarauza, un dos cineastas galegos máis sólidos e experimentados, tras A noite que deixou de chover (2008), Encallados (2013), Os fenómenos (2014) e A viaxe dos Chévere (2014). Ons está coproducida por Maruxiña Film Company (Galicia) e Bando à Parte (Portugal) e conta coa participación da Televisión de Galicia (TVG) e da Rádio e Televisão de Portugal (RTP), con subvención de Agadic e coa colaboración da Deputación de Pontevedra.