Uns Mestre Mateo case postpandémicos deixaron este sábado na gala celebrada no recinto coruñés de Expocoruña un ronsel de premios encabezados por un sinal dos tempos. O traballo máis galardoado na vixésima edición dos premios do audiovisual galego foi unha serie que, ademais, se emite nunha plataforma dixital. Hierro, de Jorge Coira, levou 6 dos 8 premios aos que optaba, seguida no palmarés por dous filmes: Jacinto, de Javi Camino, e Tres, de Juanjo Jiménez.
A segunda tempada de Hierro, producida por Movistar e Portocabo, foi distinguida como mellor serie e Jorge Coira, como mellor director. Ademais, Ana Míguez obtivo a distinción á mellor dirección de produción por esta serie, que tamén foi votada como mellor guión (Pepe Coira, Fran Araújo, Araceli Gonda, Lidia Fraga e Eligio R. Montero), mellor montaxe (Jorge Coira, Gaspar Broullón e Juan Galiñanes) e mellor música orixinal (Elba Fernández e Xavi Font).
A lembranza do falecido Pedro Brandariz, premio ao mellor actor, foi un dos momentos máis emotivos da gala
Jacinto, de Javi Camino, foi o segundo traballo con máis galardóns nunha gala na que estivo moi presente o recordo do seu protagonista, Pedro Brandariz, falecido prematuramente o pasado febreiro e recoñecido co Mestre Mateo ao mellor actor protagonista, galardón recollido polos seus compañeiros visiblemente emocionados entre unha prolongada ovación. O filme, finalista en 11 categorías, obtivo tamén os premios á mellor dirección de arte (Samuel Lema), mellor maquillaxe e perruquería (Lorena Calvo) e mellor vestiario (Lorena Calvo).
'Cuñados', que optaba a 16 premios, non levou ningún
Tres, pola súa banda, logrou un trío de premios. É o Mestre Mateo á mellor película deste 2022 e ademais, Marta Nieto levou o premio á mellor actriz protagonista. Tamén conseguiu o Mestre Mateo ao mellor son polo traballo de Daniel Fontrodona, Oriol Tarragó, Marc Bech e Marc Orts. Todas as series e filmes máis galardoadas da noite encaraban a carreira final dos Mestre Mateo con menos candidaturas que Cuñados, de Toño López, que paradoxalmente non levou ningún dos 16 premios aos que aspiraba.
Por tras dos tres traballos máis galardoados sitúanse outros dous con cadanseus dous recoñecementos. Malencolía, de Alfonso Zarauza, encara a súa andaina cara ás salas (chega o 25 deste mes) co aval do Mestre Mateo á mellor actriz de reparto para Iolanda Muíños e o mesmo premio en categoría masculina para Diego Anido. Tamén levou outros dous galardóns un dos espazos televisivos máis populares dos últimos tempos, o #DígochoEu da TVG, cun pé na televisión convencional e outro en internet é recoñecido como mellor programa e Esther Estévez, como mellor comunicadora, recoñecemento que agradeceu cun emotivo discurso especialmente dirixido á mocidade.
A virxe roxa de Marcos Nine, mellor documental, Augas Abisais de Xacio Baño, mellor curtametraxe ou Figa, de Trece Amarillo para as Tanxugueiras como mellor videoclip, completan un palmarés nas categorías de produción duns vixésimos Mestre Mateo que tamén premiaron Redes vivas como mellor anuncio publicitario e Mataría Microserie como mellor serie web, creada polo finado Pedro Brandariz.
Nas categorías profesionais tamén levaron premios Lucía C. Pan pola súa dirección de fotografía en ¿Qué hicimos mal?, e Jairo Iglesias como mellor realizador por Origen. Todo, nunha gala que, no canto de celebrarse co formato habitual na súa presentación, foi conducida por treitos por Javier Veiga, Iolanda Muíños, Lucía Veiga, Alba Mancebo, Chechu Salgado, Isabel Blanco, Moncho Lemos, Alfonso Agra, Mela Casal, Santi Prego e Blanca Cendán, que tamén entregaron os premios. Tampouco respondeu ao modelo convencional a colocación do auditorio, xa que o público estivo disposto en mesas redondas polo recinto.
Margarita Ledo, premio de honra
"Este país xa non se explica sen o seu audiovisual"
Nesta noite de celebración, o audiovisual galego tamén rendeu homenaxe a Margarita Ledo, no seu caso como merecedora do premio Fernando Rey á toda a súa traxectoria profesional. A Academia Galega do Audiovisual recoñeceu a cineasta, xornalista, investigadora e escritora por unha carreira "comprometida coa reflexión, a creación, o feminismo e a nosa lingua".
Acompañada no escenario por dez mulleres profesionais de diversos eidos do audiovisual, Ledo reivindicou no seu discurso o "desexo indestrutible" dunha "primavera para o cinema en lingua galega", así como os valores que veñen guiando a súa carreira profesional. A "ollada en feminino" contra os "estereotipos que deturpan e banalizan" ou as traballadoras frecuentemente reflectidas nos seus traballos estiveron tamén no centro da súa intervención.
Previamente, o presidente da Academia Galega do Audiovisual, Álvaro Pérez Becerra, chamou no seu discurso a "presumir" do "éxito colectivo" tras "vinte anos recoñecéndonos" nos premios Mestre Mateo. Transcorreron dúas décadas que, di, se conmemoran no "mellor momento para a produción audiovisual en Galicia", un sector que debe desenvolverse "lonxe da precariedade". Porque "este país -concluíu- xa non se explica sen o seu audiovisual".
Na gala estiveron representadas as principais institucións, co conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, no nome do Goberno galego, e a vicepresidenta segunda do Goberno de España, Yolanda Díaz, polo Executivo central. Tamén acudiron, entre outras, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, entre outros integrantes dos tres grupos con representación parlamentaria.