Marcos Pérez Pena

Unha ducia de nomes e fitos do Seminario de Estudos Galegos no seu centenario

Este ano 2023 celébrase o centenario da creación do Seminario de Estudos Galegos, un dos grandes proxectos culturais e científicos do galeguismo nos anos 20 e 30 do pasado século. Institucións coma o Consello da Cultura, o Museo do Pobo ou a RAG, ao igual que as tres universidades, están a celebrar a efeméride con eventos, publicacións e un congreso que terá lugar en outubro en Compostela. Velaquí algúns dos momentos que marcaron a traxectoria do SEG, que buscaba "rescatar a cultura galega", afondar na investigación e na formación e afianzar a difusión.

  1. 01

    A xénese: rescatar a cultura galega

    O Seminario de Estudos Galegos, que naceu co obxectivo de afondar no coñecemento científico en Galicia, rescatar a cultura galega e afianzar a súa difusión, bebeu da mellor tradición ilustrada e naceu cunha vontade de traballo colectivo. Ante a ausencia de estruturas que pulasen nesta dirección, un grupo de mozos universarios deciden poñer en marcha unha institución de seu, contando coa complicidade dalgúns profesores

  2. 02

    A constitución do SEG: outubro de 1923

    A iniciativa parte de nove estudantes (Alberto Vidán Freiría, de 27 anos; Fermín Bouza Brey, de 22; Xosé Pena Pena, de 21; Xosé Magariños Negreira, de 19; Ramón Francisco Romero Lema, de 20; Wenceslao Requejo Buet, de 18; Xosé Filgueira Valverde, de 17; Lois Tobío Fernández, de 17, e Ramón Martínez López, de 16). 

    Como explica Miguel Anxo Seixas Seoane, algúns deles peregrinan  o 12 de outubro de 1923 dende Compostela ata Ortoño, seguindo as pegadas de Rosalía. Ese día naceu o Seminario de Estudos Galegos, que se constitúe oficialmente o 21 de outubro na casa do catedrático Armando Cotarelo Valledor, momento no que se une boa parte da intelectualidade galega que xiraba ao redor do Grupo Nós. 

  3. 03

    Os primeiros pasos

    O 27 de outubro o Seminario celebra na Universidade de Santiago a dótase dunha primeira estrutura, con Cotarelo como primeiro presidente (ese día le o seu discruso de ingreso), Estatutos e mesmo un escudo -deseñado por Castelao-. A partir de novembro van incorporándose novos socios, que len os seus discursos de ingreso en galego ou castelán. 

    Tamén se preocupan por conseguir financiamento, primeiro grazas ás achegas de Manuel Portela Valladares ou Joaquín Arias Sanjurjo, e despois doutros socios protectores

  4. 04

    Estrutura

    Desde 1925 contan cun local propio e incrementan rapidadamente o seu número de socios. O SEG define os seus obxectivos, nos que destaca "o estudo de todas as manifestacións da cultura galega, tendendo á formación dos investigadores e á divulgación do resultado dos traballos".

    Estrutúrase en 14 seccións aínda que busca fomentar a interdisciplinariedade nos seus traballos. Entre estas seccións están a de Filoloxía, Arte e Letras, Etnografía, Historia, Xeografía, Historia da Arte, Pedagoxía, Ciencias Naturais, Ciencias Aplicadas ou Ciencias Sociais. E entre os seus coordinadores figuram entre outros, Castelao, Risco, Otero Pedrayo, López Cuevillas, Filgueira Valverde ou Loís Tobío.

  5. 05

    Os presidentes

    O SEG contou nos seus 13 anos de actividade con catro presidentes: Armando Cotarelo Valledor (ata 1925), Salvador Cabeza de León, Luís Iglesias Iglesias e, xa en 1936, Ramón Otero Pedrayo.

  6. 06

    As xeiras

    Unha das actividades máis interesantes que levaban a cabo os integrantes do Seminario de Estudos Galegos foron as xeiras ou campañas de campo, nas que se desprazaban durante varios días a unha comarca galega para investigar distintas cuestións, cada un no seu ámbito de especialización. En 1926 van á Terra de Lemos e en 1927 ao Carballiño e nos anos seguintes realizaron novas xeiras á Terra de Melide, Monforte, O Saviñao, ao Deza. A oitava e derradeira campaña tivo lugar en Fisterra no ano 1936.

    Os resultados destas campañas ían sendo publicados en artigos e algúns deles mesmo se converteron nun libro, coma o dedicado á Terra de Melide en 1933. Un roteiro do CCG celebrou o mes pasado o 90 aniversario da publicación desta obra. 

  7. 07

    Anteproxecto de Estatuto de Autonomía

    O Seminario de Estudos Galegos elaborou un gran número de documentos, entre os que por exemplo figura un proxecto de decreto de bilingüismo escolar ou unhas normas pra a unificazón do idioma galego, un modesto intento de fixar unha normativa de uso para a lingua galega. 

    Entre as súas achegas máis importantes está o Anteproyeito de Estatuto da Galiza, un documento no que participaron Valentín Paz Andrade, Lois Tobío, Ricardo Carvalho Calero e Vicente Risco, acompañado dun informe económico de Alexandre Bóveda, e que foi presentado en maio de 1931.

  8. 08

    As mulleres no SEG

    Os homes eran maioría, evidentemente, entre os membro do Seminario de Estudos Galegos, que chegou a contar con máis de 200 socios e socias activas e arredor de 400 socios e socias protectoras. As mulleres eran apenas unha ducia, unha porcentaxe que mesmo era menor que o 10% de mozas estudantes que había nese momento na Universidade de Santiago.

    "Se non era fácil para elas acceder aos estudos universitarios, moito máis difícil resultaba dedicarlle, ademais, tempo e traballo non remunerado a unha asociación científico-cultural", como destaca Alfonso Mato neste traballo publicado polo CCG.

    Por iso a presenza e actividade de Carmen Sierra, Dolores Lorenzo, Amparo Arango, María Corredoyra, Margot Sponer, María Tobío, Encarnación Fraga, Pura Lorenzana, Carmen Rey, Luísa Cuesta, Josefa Iglesias Vilarelle, Sara Leirós ou Celsa Pérez Moreiras, é aínda máis salientable.

  9. 09

    A difusión científica

    A produción científica foi importante, especialmente a través dos Arquivos do Seminario de Estudos Galegos, que editaba Ánxel Casal. O SEG combinaba a investigación académica con constantes actividades de divulgación e difusión, non só a través de publicacións, senón de conferencias nas que se daban conta das investigacións levadas a cabo pola entidade.

  10. 10

    A derradeira xeira, o Golpe e a disolución

    En xullo de 1936 os integrantes do Seminario realizaronn a derradeira xeira, en Fisterra, Cee, Corcubión, Dumbría, Muxía, Vimianzo ou Carnota. Participaron, entre outros, Ramón Otero Pedrayo, Isidro Parga Pondal, Xesús Carro e Xosé Filgueira Valverde, Vicente Risco ou Luís Iglesias. 

    O 18 de xullo, como recolle o CCG na web do Centenario do SEG, o xornal El Compostelano publicou a derradeira crónica desta xeira, que daba conta da visita ao dolmen de Dombate: "No piñeiral de Dombate reúnense todos os expedicionarios para escoitar, en torno ao famoso dolmen, as estrofas reciamente cinceladas do cantor dos piñeiros. Alí, en medio dunha emoción relixiosa, remata esta VIII misión de investigacións. Pouco despois, os membros do Seminario dispérsanse citándose xa para a vindeira campaña". 

    Non houbo máis xeiras. O Golpe de Estado acabou coa actividade do Seminario de Estudos Galegos, aínda que chegou a publicarse unha última obra, Parroquia de Velle, que xa estaba impresa. En 1941 a súa biblioteca foi trasladada á Universidade de Santiago e en 1944 co patrimonio do SEG creouse o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, hoxe dependente do CSIC. 

  11. 11

    O legado: o novo Seminario de Estudos Galegos

    O Seminario de Estudos Galegos foi disolto polo réxime franquista, pero non se borrou a memoria da súa actividade. Isaac Díaz Pardo teimou por recuperar a esencia da entidade e en 1977 salientaba a necesidade de contar con "esa institución que poda centralizar nun mesmo crisol os estudos do futuro de Galicia, da economía de Galicia e que os mesture coa súa historia e os contemple"

    Un ano máis tarde o Laboratorio de Formas creou o novo Seminario de Estudos Galegos no marco dunha exposición homenaxe ao SEG coa que se inaugurou a Galería Sargadelos de Santiago, na que se presentou a reedición da obra Terra de Melide e mais o libro Testemuñas e perspectivas do Seminario de Estudos Galegos. Nos anos seguintes o novo SEG, grazas ao labor editorial de Ediciós do Castro, publicou máis de 180 títulos.

  12. 12

    O Congreso do Centenario

    O 10 e 11 de outubro, coincidindo coa celebración dos cen anos da constitución do Seminario de Estudos Galegos, o Consello da Cultura Galega acollerá o Congreso do Centenario do SEG, que analizará a importancia do SEG no seu momento, as súas vicisitudes históricas, o impacto na cultura de Galicia do século XX e a vixencia do seu legado.

    Este ano, ademais, Iria-Friné Rivera Vázquez publicou a través da Agrupación cultural Alexandre Bóveda a obra Todas as mans á obra. O Seminario de Estudos Galegos, que se pode descargar de balde nesta ligazón.