O 7 de xuño de 1933 o Seminario de Estudos Galegos (SEG) publicou Terra de Melide, resultado dos amplos traballos de campo e investigación pioneiros que os membros do SEG fixeron sobre esta comarca
O 7 de xuño de 1933 o Seminario de Estudos Galegos (SEG) publicou Terra de Melide, resultado dos amplos traballos de campo e investigación pioneiros que os membros do SEG fixeron sobre esta comarca. Na obra colaboraron persoeiros como Ramón Otero Pedrayo, Florentino López Cuevillas, Fermín Bouza Brey, Vicente Risco, Antonio Fraguas ou Ánxel Casal.
Todos eles abordaron a realidade desta comarca dende diferentes disciplinas do saber (xeografía, historia, etnografía, xenealoxía, folclore, arqueoloxía, literatura oral, música...). En 1978 Isaac Díaz Pardo promoveu a reedición do número e, en 2017, por iniciativa popular, volveuse reimprimir.
En 1929 comezou a primeira xeira da campaña de campo na Terra de Melide, e posteriormente os integrantes do SEG fixeron outras en Monforte de Lemos, no Saviñao, na comarca do Deza e en Fisterra.
O Consello da Cultura Galega, en colaboración co Museo da Terra de Melide, conmemora estes traballos cun roteiro este sábado 10 no que se visitarán os espazos investigados polos membros do SEG
O Consello da Cultura Galega, en colaboración co Museo da Terra de Melide, conmemora estes traballos cun roteiro este sábado 10 no que se visitarán os espazos investigados polos membros do SEG. O roteiro comeza e remata na praza do Convento de Melide e percorre os espazos coma San Antolín de Toques, igrexa prerrománica sita na parroquia de Santa María da Capela. Tamén haberá paradas polo forno dos Mouros e Pena Moure, dolmen mítico da comarca. En Melide unha das paradas é a Casa Aceiteira, pensión na que se hospedaron os membros do SEG durante o seu traballo de estudo.
O percorrido contará coa interpretación de pezas musicais de principios do século XX a cargo de Herba Grileira, escola de música e baile tradicional de Melide. O desprazamento entre puntos distantes realizarase nun autobús
fretado pola organización. En calquera caso, recoméndase levar calzado cómodo, auga e protección solar.
En 1923 nove estudantes mozos de distintos cursos da Universidade de Santiago, coa complicidade do catedrático Armando Cotarelo Valledor, decidiron xuntar esforzos nun proxecto que buscaba estudar e divulgar o patrimonio cultural galego, ademais de formar investigadores
Ademais do roteiro físico, o Consello da Cultura Galega incluirá este itinerario no seu proxecto web Roteiros, unha iniciativa xurdida en 2009 que pretendía conciliar cultura letrada e novas tecnoloxías para difundir itinerarios culturais polo país.
O Consello da Cultura galega está a conmemorar neste ano 2023 o centenario da creación do Seminario de Estudos Galegos. Nese ano 1923 nove estudantes mozos (Alberto Vidán Freiría, Fermín Bouza-Brey, Xosé Pena Pena, Xulián Magariños Negreira, Ramón Francisco Romero Lema, Wenceslao Requejo Buet, Xosé Filgueira Valverde, Lois Tobío Fernández e Ramón Martínez López) de distintos cursos da Universidade de Santiago, coa complicidade do catedrático Armando Cotarelo Valledor, decidiron xuntar esforzos nun proxecto que buscaba estudar e divulgar o patrimonio cultural galego, ademais de formar investigadores.
O 21 de outubro de 1923 constituíuse o Seminario de Estudos Galegos na casa de Cotarelo o 27 dese mes ten lugar a primeira xuntanza na Universidade, na que aproban os Estatutos e onde Armando Cotarelo le o seu discurso de ingreso, converténdose no seu primeiro presidente. A partir de novembro outros lerán o seu discurso de ingreso en galego ou en castelán para ser socios.
En 1929 comezou a primeira xeira da campaña de campo na Terra de Melide, e posteriormente os integrantes do SEG fixeron outras en Monforte de Lemos, no Saviñao, na comarca do Deza e en Fisterra
O Seminario de Estudos Galegos contou con doce áreas de investigación e deu ao prelo numerosos estudos en galego, un fito destacado naquela época. O labor de pescuda do SEG foi inmenso, xa que con escasos recursos e medios fixeron toda Galicia. Como destaca Miguel Anxo Seixas, "o esforzo destes intelectuais era enorme e os recursos, case inexistentes. Acoden á filantropía de Manuel Portela Valladares e ás doazóns de coleccións etnográficas e artísticas de Joaquín Arias Sanjurjo. Logo virán outras achegas dos socios protectores"
O Consello da Cultura galega está a conmemorar neste ano 2023 o centenario da creación do Seminario de Estudos Galegos
A programación deseñada polo Consello da Cultura Galega, en colaboración con outras institucións e entidades, busca estar en sintonía co tipo de accións que desenvolveu o SEG, ao tempo que reivindica a vixencia do seu legado. Inclúe charlas, homenaxes, exposicións, xeiras, andainas e roteiros coma o que ten lugar este sábado en Melide.