Isidro Parga Pondal foi o principal activo científico do Seminario de Estudos Galegos

Isidro Parga, á esquerda, no laboratorio cun colaborador (Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal. UDC) © UDC

A desatención a Galicia como obxecto de estudo na única universidade galega daquel tempo, a de Santiago, fixo que en outubro de 1923 –hai case un século– un grupo de estudantes da mesma, coa colaboración dalgúns profesores, constituíran o Seminario de Estudos Galegos (SEG)

A desatención a Galicia como obxecto de estudo na única universidade galega daquel tempo, a de Santiago, fixo que en outubro de 1923 –hai case un século– un grupo de estudantes da mesma, coa colaboración dalgúns profesores, constituíran o Seminario de Estudos Galegos (SEG). Un centro de investigación e divulgación co país como referencia. Compostela e a súa universidade sempre tiveron un peso substancial no SEG pero a institución se espallou por Galicia e integrou a persoas de todas as zonas de Galicia, desde unha perspectiva plural, canto especialidades, sensibilidades e proxectos. 

O SEG prestou atención, desde a súa posta en marcha, ao mundo da ciencia. A institución fíxose eco da súa crecente presenza nas sociedades europeas do momento, onde a cultura científica pasara a ter un protagonismo crecente. Tamén en Galicia a ciencia estaba a medrar na esfera académica e na pública. O irmandiño Xohán Vicente Viqueira, que evitaba limitar o galeguismo ao terreo humanístico e teórico deixara escrito un ano antes, en 1922: “Serve a Galicia o que aproveita un salto de auga, o que fai froitificar dobremente un campo, o que crea unha compañía de navegación, o que escribe un poema, pinta un cadro, abre unha escola, fai ciencia”.

Carné de Parga como socio activo do Seminario de Estudos Galegos (Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento. CSIC) © CSIC

O novo século trouxera importantes novidades, unha transformación que se pode visualizar na recuperación, en 1922, da Facultade de Ciencias, sección de Químicas. Asemade, a universidade, que ata eses tempos limitara en gran medida o seu labor á docencia, comezou a atender a investigación

Nunha cidade universitaria como Compostela, o novo século trouxera importantes novidades, unha transformación que se pode visualizar na recuperación, en 1922, da Facultade de Ciencias, sección de Químicas. Asemade, a universidade, que ata eses tempos limitara en gran medida o seu labor á docencia, comezou a atender a investigación, que desde 1923 pasou a ocupar unha posición prioritaria para os profesores universitarios que optaban a unha cátedra. Porén as iniciativas universitarias non abondaban para acadar a modernización do modelo científico. A iso respondeu a Junta de Ampliación de Estudios (JAE), creada en 1907. Produciuse un cambio cualitativo coa situación precedente, pois case 130 galegos/as (ou que traballaban/rían en Galicia) das áreas científico-técnicas accederon ao sistema formativo, deles máis de cen acudiron a centros estranxeiros. Ademais a JAE promoveu a creación de novos centros de investigación, por exemplo a Misión Biolóxica de Galicia en 1921, localizada inicialmente en Santiago.

Seccións científicas

O Seminario crearía varias seccións relacionadas coas ciencias experimentais e matemáticas: as de Ciencias, Fisioloxía e a Subsección-Sección de Xeoquímica. Nelas integráronse diversos socios activos e, ademais, membros desas seccións contribuíron a tarefas e obxectivos comúns do SEG. Xa que logo, participaron activamente nas xeiras e nas actividades de divulgación emprendidas pola entidade. 

O SEG foi a institución que mellor se fixo eco da aposta das Irmandades da Fala a prol do uso da lingua propia do país no terreo científico

Por outra banda, o SEG foi a institución que mellor se fixo eco da aposta das Irmandades da Fala a prol do uso da lingua propia do país no terreo científico. Foron integrantes das seccións científicas do Seminario os que publicaron os primeiros artigos técnicos de investigación científica en galego, escritos polo propio Parga Pondal. 

A sección inicial foi a de Ciencias, que dirixiu Luis Iglesias Iglesias e outro científico que salientou no labor do SEG foi Ramón María Aller Ulloa. Diferentes socios presentaron traballos sobre diversas cuestións científicas: Juan Rof Carballo, José Gómez Martínez, Cruz Gallástegui Unamuno, Primitivo Hernández Sampelayo, Rafael Areses Vidal, Urbano Losada e Modesto López Teijeiro. Tamén participaron os catedráticos de ensino secundario en Pontevedra, Bibiano Fernández Osorio-Tafall e Ramón Sobrino Buhigas e os médicos Ramón Rodríguez Somoza e Fernando Alsina González. 

Manuscrito orixinal da tese de doutoramento de Isidro Parga Pondal CC-BY-SA P. Lameiro

O ingreso de Parga no Seminario

 O que non sabía aquel auditorio era que aquel profesor universitario tan novo, de 25 anos, sería unha “fichaxe estrela” para o SEG, nin máis nin menos que o seu motor científico

O 30 de outubro de 1926 Isidro Parga Pondal leu o seu discurso de ingreso no Seminario de Estudos Galegos (SEG): “Datos para la geoquímica de Galicia. El contenido en yodo de las principales algas marinas de las costas de Galicia”. O público presente no acto observou como o profesor da Facultade de Ciencias da Universidade de Santiago de Compostela facía fincapé na intervención en dous elementos que serían centrais no seu posterior percorrido profesional: a Xeoquímica e a utilidade das súas pescudas. Parga foi pioneiro en España nos estudos xeoquímicos (a aplicación da Química ao estudo dos minerais e rochas) e salientou polo seu interese en aplicar os resultados da ciencia á actividade económica. O que non sabía aquel auditorio era que aquel profesor universitario tan novo, de 25 anos, sería unha “fichaxe estrela” para o SEG, nin máis nin menos que o seu motor científico. 

A sección de Xeoquímica

Parga foi pioneiro en España nos estudos xeoquímicos (a aplicación da Química ao estudo dos minerais e rochas) e salientou polo seu interese en aplicar os resultados da ciencia á actividade económica

A activa sección de Xeoquímica foi unha criatura de Parga Pondal. Anunciada nos comezos do SEG, o 29 de outubro de 1932 constituíuse, por fin, como subsección e o 14 de outubro de 1934 acadou a categoría de sección. O valioso traballo desenvolto supuxo o estudo analítico de rochas e minerais galegos. Unha actividade que esixía dispoñer dun laboratorio axeitado. Algo que se acadou coa constitución do Instituto de Estudios Regionales que foi creado co curso 1931-32 grazas á colaboración entre o SEG e a institución universitaria, co apoio da Junta para Ampliación de Estudios (JAE). O Instituto dispoñía de tres laboratorios, dous na Facultade de Ciencias, un deles o de Xeoquímica, con Parga como director, quen recibiría o importante apoio económico da Fundación Nacional para Investigaciones Científicas y Ensayos de Reforma (FNICER). 

Isidro Parga Pondal © minariasostible.gal

O salientable labor de Parga Pondal no SEG

Isidro Parga, nado en Laxe, realizara os estudos primarios e secundarios en Santiago e, aos dezaoito anos, trasladouse a Madrid para cursar a carreira de Ciencias Químicas, porque a Universidade de Santiago levaba 50 anos sen estudos de Ciencias. En 1922 licenciouse o noso protagonista, quen en 1923 acadou a praza de Auxiliar de Química Inorgánica e Analítica en Santiago.

Varias son as razóns que me levan a afirmar que Parga Pondal foi o principal activo nas áreas científicas do SEG. En primeiro lugar o destacado labor na creación e dirección da sección de Xeoquímica. Unha segunda razón é o elevado número de contribucións, de traballos realizados e publicados por Parga. Outro mérito do químico foi a xeración de equipo de investigación

Varias son as razóns que me levan a afirmar que Parga Pondal foi o principal activo nas áreas científicas do SEG. En primeiro lugar o destacado labor na creación e dirección da sección de Xeoquímica. Unha segunda razón é o elevado número de contribucións, de traballos realizados e publicados por Parga. Outro mérito do químico foi a xeración de equipo de investigación, en elemento esencial na actividade científica e que non abondaba entre os seus colegas. Tamén debíamos salientar o seu papel na captación de novos integrantes para o SEG, colaboradores/as da súa sección ou mesmo o impulso á creación da sección de Fisioloxía polo seu cuñado José María García-Blanco Oyarzábal en 1929. 

Diversos alumnos e colaboradores de Parga na Facultade de Ciencias participaron nas actividades do Laboratorio de Xeoquímica, destacando entre eles José Vázquez Garriga. Licenciado en Químicas en 1928, ingresou no SEG o 5 de outubro de 1929 co discurso “Contribución al estudio de los minerales de wolframio en Galicia”. Posteriormente presentaría nas sesións do SEG un traballo co mestre o 25 de xaneiro de 1930 (“Análisis de la echelita de Parga y Villar de Cervos”) e outro en solitario o 9 de novembro de 1931: “Determinación roentgenespetrográfica del níquel y del cobalto”.

A incorporación de mulleres na sección de Xeoquímica

Dolores Lorenzo Salgado e Amparo Arango Fernández, as dúas licenciadas en Químicas e Farmacia, ingresaron no Seminario en 1929 e traballaron con Parga

Outro aspecto a destacar no labor da sección de Xeoquímica, e polo tanto de Parga, foi o da participación nela de varias mulleres en tempos onde non abondaba a súa presenza nas institucións. Dolores Lorenzo Salgado e Amparo Arango Fernández, as dúas licenciadas en Químicas e Farmacia, ingresaron no Seminario en 1929 e traballaron con Parga, con quen asinaron os seus discursos de ingreso na institución (“Sobre la presencia de la magnetita en las arenas de las playas gallegas” e “Contribución al estudio de los minerales de wolframio de Galicia: III: Análisis de las wolframitas de Juno, Monte Neme, Casayo, A Veiga y Vilacoba”). Tamén colaborou con Parga Encarnación Fraga Padín, licenciada en Químicas e Farmacia e coautora, xunto co mestre, do traballo “Quimismo de la pegmatita litinífera de Goyás (Lalín)”. É de salientar esa presenza feminina na sección de Xeoquímica pois esas tres mulleres supoñen un 25% do total das socias activas coñecidas do SEG, doce. Porque no Seminario só un 5% dos socios activos foron mulleres. Unha baixa porcentaxe que contrasta negativamente cos datos da presenza feminina neses tempos no sistema universitario español e nos estudos científicos, que non era nada elevado, arredor dun 10%. Xa que logo, o SEG no seu conxunto foi pouco receptivo á incorporación da muller nas súas actividades. 

Isidro Parga, á esquerda, no laboratorio cun colaborador (Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal. UDC) © UDC

Outras actividades de Parga no SEG

Ademais de dirixir a sección de Xeoquímica, Parga participou na comisión encargada da elaboración dos manuais e de publicacións do Seminario; tamén foi un dos dous representantes da entidade na Asemblea do Estatuto de Galicia

Ademais de dirixir a sección de Xeoquímica, Parga participou na comisión encargada da elaboración dos manuais e de publicacións do Seminario; tamén foi un dos dous representantes da entidade na Asemblea do Estatuto de Galicia. O químico sentiuse identificado co proxecto do SEG, orgulloso de servir a Galicia desde o galeguismo e a ciencia. Explicou, anos despois, que “O máis importante do Seminario era a gran ilusión que había en todos os que formábamos parte del por traballar no progreso do coñecemento científico de Galicia”. 

En 1927 publicou un interesante artigo –“Necesidad del estudio geoquímico de Galicia”– no xornal vigués El Pueblo Gallego (14 de abril). Nel subliñou o grande interese científico e económico que se derivaría do estudo químico das rochas e minerais galegos. Por iso coidaba preciso emprender ese labor, “constituyendo un Indice Geoquímico de Galicia”. Nesa liña, na propia revista do SEG (os Arquivos) publicou “Sobre a presencia da ilmenita nas areas de Galicia. Análisis da ilmenita de Balarés” e “Análisis da evansita de tres localidades galegas”, os dous primeiros artigos científicos de carácter técnico publicados na historia en Galicia na nosa lingua propia.

Ao comezo dos anos trinta as estadías no estranxeiro –en Zürich e Berlín– limitaron a presenza de Parga no SEG pero, pola contra, lle permitiron acadar unha excelente formación que se trasladaría ao seu labor profesional

Na IV asemblea xeral do SEG celebrada en Pontevedra falou, o 8 de abril de 1928, de “La sección de Ciencias Naturales del Seminario de Estudios Gallegos” e presentou un estudo sobre a pirrotina, que sería publicado nos Arquivos. Na sesión do Seminario do 10 de novembro de 1928 interveu sobre a nontronita, cuestión que tamén apareceu nun artigo na revista da institución. O 13 de marzo de 1929 exhibiu e comentou unha colección de rochas reunidas nunha excursión polo norte de Galicia. Con Vázquez Garriga –como vimos– presentou o 25 de xaneiro de 1930: “Análisis de la echelita de Parga y Villar de Cervos”. Ademais, o 9 de novembro de 1931 expuxo o “Estudio petroquímico de la diorita cuarcífera de la Estaca de Bares” e o 9 de maio de 1932 o “Estudio petroquímico de la anfibolita de Ribeira (San Saturnino)”.

Ao comezo dos anos trinta as estadías no estranxeiro –en Zürich e Berlín– limitaron a presenza de Parga no SEG pero, pola contra, lle permitiron acadar unha excelente formación que se trasladaría ao seu labor profesional. Outra ocupación dese período foi o remate da elaboración da súa destacada tese de doutoramento, que leu na Facultade de Ciencias da universidade de Madrid o 19 de maio de 1934: Quimismo de las manifestaciones magmáticas cenozoicas de la Península Ibérica

Isidro Parga Pondal © minariasostible.gal

A desfeita de 1936

O golpe fascista de 1936 supuxo a desaparición do Seminario de Estudos Galegos. A universidade compostelá ocupou os seus locais e decidiu, da man do seu reitor Ruíz del Castillo, incautar os fondos do SEG en 1940. Parga Pondal foi expulsado da institución e tivo que recomezar a actividade en Laxe

O golpe fascista de 1936 supuxo a desaparición do Seminario de Estudos Galegos. A universidade compostelá ocupou os seus locais e decidiu, da man do seu reitor Ruíz del Castillo, incautar os fondos do SEG en 1940. Parga Pondal foi expulsado da institución e tivo que recomezar a actividade en Laxe. Fíxoo combinando, coma sempre, a investigación e a aplicación das súas pescudas ao eido económico pero pola súa conta, coa limitación de carecer dos lóxicos recursos e respaldo institucionais. Perdeu Isidro e perdeu Galicia. Tres anos antes de morrer a Universidade de Santiago nomeouno en 1983 doutor “honoris causa”, un xeito de reparar a represión sufrida. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.