Na historia de Galicia hai un bo número de científicos moi sobranceiros nas súas respectivas áreas, cuxo traballo fixo avanzar os seus campos e cunha grande importancia social. Porén, os seus nomes e a súa actividade poucas veces son coñecidos polo groso da sociedade. Luís Iglesias é, se cadra, un deles. O naturalista e entomólogo é o homenaxeado no Día do Científico Galego, que promove a Real Academia Galega de Ciencias e que terá lugar o 16 de xuño. Unha celebración que dende hai anos busca difundir na sociedade a vida e obra dalgúns destes investigadores, coma o matemático Enrique Vidal Abascal, o xeógrafo Isidro Parga Pondal, o enxeñeiro agrónomo Cruz Gallástegui, o astrónomo Ramón María Aller Ulloa, o químico Antonio Casares ou o humanista Padre Feijoo.
Co recoñecemento a estas persoas a Real Academia Galega de Ciencias busca así mesmo que a opinión pública poida percibir, a través dos exemplos máis destacados do pasado, o prestixio actual da investigación en Galicia e a necesidade de investir recursos nela para que o seu potencial sexa cada vez maior de cara ao futuro. Este ano, ademais, grazas á colaboración de educaBarrié, a iniciativa da Fundación Barrié para achegarse á comunidade educativa, as actividades de difusión estenderanse ao longo de todo o ano, con especial atención aos centros de ensino. O 16 de xuño darase a coñecer o nome do gañador do preguntoiro científico online sobre a figura de Luis Iglesias que a fundación puxo en marcha na súa web.
O Bipartito levou a cabo un proxecto para actualizar e reabrir o Museo de Historia Natural Luís Iglesias nunha nova localización, pero o proxecto quedou paralizado co cambio de goberno na Xunta
Luís Iglesias foi a figura máis destacada das Ciencias Naturais en Galicia, e un reputado entomólogo, que descubriu e clasificou numerosas especies de insectos en Galicia e que chegou a ter unha colección de seis mil insectos documentados, que cedeu ao Museo de Historia Natural que leva o seu nome e que durante anos se podía visitar na Facultade de Químicas da USC. O Bipartito levou a cabo un proxecto para actualizar e reabrir o museo nunha nova localización, na Finca Simeón da cidade compostelá, pero o proxecto quedou paralizado co cambio de goberno na Xunta. Está previsto que o museo abra por fin as súas portas este ano, coincidindo coas homenaxes a Iglesias. O catedrático Manuel Bermejo sinala o paradoxo de que "un museo tan extraordinario, do que non hai outro exemplo en Galicia" estea pechado, "un centro moi valioso, polo que antes pasaban milleiros de escolares todos os anos".
"Para Luís Iglesias, a ciencia debía servir para resolver os problemas da sociedade", explica Bermejo, que engade que "asistía aos adros das igrexas nos días de festa para ensinarlles aos labregos como combater as enfermidades e as pragas"
Iglesias, nacido en Teis (Vigo) en 1895, foi o primeiro investigador en catalogar en España a familia de insectos coñecidos como curculiónidos, formada por gurgullos e picudos, moitos deles causantes de pragas moi prexudiciais para diferentes tipos de cultivos agrícolas. De feito, dedicou boa parte da súa vida a investigar estas pragas, preocupado sempre polo uso social da ciencia e polas súas aplicacións prácticas. "Para Luís Iglesias, a ciencia debía servir para resolver os problemas da sociedade", explica Bermejo, que engade que "asistía aos adros das igrexas nos días de festa para ensinarlles aos labregos como combater as enfermidades e as pragas". Para Bermejo, Luís Iglesias estaba máis preocupado polo para que das investigacións que polos por que: "O por que é moi importante para os científicos, porque nos resolve os problemas nosos as nosas dúbidas asistenciais, pero hai que ir máis alá, hai que saber para que serve o noso coñecemento".
Fundou tamén na Facultade de Ciencias da USC o Laboratorio de Fitopatoloxía e Consultorio de Pragas do Campo. Durante cerca de trinta anos, Iglesias prestoulle a través deste consultorio un servizo divulgativo e práctico ao agro galego na loita contra as enfermidades provocadas nos cultivos por insectos e fungos. Alí calquera labrego ou labrega podía ir realizarlle de balde consultas de tipo parasitolóxico.
Neste ámbito, Iglesias colaborou coa empresa Zeltia, que foi impulsada polos irmáns Fernández López e que deu acubillo a moitos dos científicos e investigadores que foran represaliados (Fernando Calvet, Faustino Cordón...). En Zeltia Iglesias colaborou no desenvolvemento de novos produtos fitosanitarios, que axudaron moito o campo galego a partir dos anos corenta.
"El, a pesar de ser un home conservador, representaba os sectores progresistas na universidade, os profesores preocupados de facer unha universidade dinámica e moderna"
Tivo tamén unha intensa actividade académica. Despois de doutorarse e de realizar estadías de investigación en Italia, Iglesias regresou a Galicia, converteuse en catedrático e comezou a colaborar co Seminario de Estudos Galegos, do que chegou a ser presidentes. Foi elixido reitor da USC en maio 1936, pero a sublevación militar apartouno do cargo ese mesmo ano. "El, a pesar de ser un home conservador, representaba os sectores progresistas na universidade, os profesores preocupados de facer unha universidade dinámica e moderna. Entendía a educación no sentido que a entendera Rodríguez Cadarso, dándolle unha grande importancia ás relacións internacionais da universidade", sinala Bermejo. O feito de ser un home de dereitas e católico fixo que o peso represión sobre el fose menor que con outros investigadores e docentes (como Fernando Calvet ou Isidro Parga Pondal), e puido seguir dando clase na Universidade de Santiago, pero nunca máis accedeu a postos de responsabilidade, sufrindo "un claro exilio interior", engade Bermejo.
Luís Iglesias colaborou tamén na redacción do Estatuto de Autonomía e foi presidente do Seminario de Estudos Galegos
Foi tamén un home galeguista, membro da Real Academia Galega (RAG), desde onde participou na creación da Real Academia de Ciencias de Galicia (RAGC), da que foi académico fundador. Luís Iglesias colaborou tamén na redacción do Estatuto de Autonomía e foi o primeiro presidente do Padroado Rosalía de Castro. "Todo o que afectara a Galicia lle interesaba", destaca Bermejo, que conclúe sinalando a importancia da celebración do Día do Científico Galego para que o labor de persoas como Iglesias sexa coñecida pola sociedade. "Parece que a ciencia non é cultura, e os científicos tamén facemos cultura galega", engade, apostando por que nalgún momento a RAG dedique o Día das Letras a algún científico.