Cando no ano 2020 Moura publicou o seu primeiro disco, titulado como a propia banda, a súa música rompeu esquemas. A inclusión de instrumentos e melodías tradicionais na súa combinación de rock progresivo e psicodelia cantada en galego activou as orellas de moitos e moitas afeccionadas á música cunha proposta na que todo encaixaba de maneira natural e que repetiron e acentuaron no seu segundo traballo Axexan, Espreitan (2022), no que a aposta pola tradición se fai aínda máis evidente.
"A música tradicional é algo vivo, sempre o foi. É moi importante coñecer a tradición, respectala, poñela en valor para que máis xente a coñeza. Pero hai que ser consciente de que sempre está en movemento, evolucionando"
Moura son Diego Veiga, Hugo Santeiro, Fernando Vilaboy, Luis Casanova, Pedro Alberte e Belém Tajes. E nos últimos tres anos convertéronse nunha das bandas emerxentes máis destacadas en todo o Estado, cunha proposta que é a un tempo nova e que tamén mira cara atrás, aos anos 70 e máis alá -un camiño que nos últimos anos están explorando, noutros territorios bandas como Derby Motoreta's Burrito Kachimba-. Un camiño que para Moura supuxo eloxiosas críticas na prensa especializada e unha gran cantidade de concertos non só en Galicia e España, senón mesmo en Francia, onde actúan este sábado e domingo.
O vindeiro venres 25 de agosto a cita é na Cidade da Cultura, no marco do ciclo Atardecer no Gaiás. O concerto, de balde, será ás 21 horas. Falamos con Diego Veiga, voz e unha das guitarras da formación.
Publicastes Moura (2020) en plena pandemia e foi moi ben recibido. Pero agora, con Axexan, Espreitan (2022), puidesestes tocalo moito máis en directo. Como está a a ser a acollida?
Si, o primeiro disco marchou moi ben e esgotáronse todas as copias a pesar das circunstancias difíciles nas que saíu. Nese álbum tentamos xa reflectir o que viñamos facendo en directo e incluímos por primeira vez música tradicional, pero foi só unha primeira achega. Pero con este segundo disco traballamos de forma máis intensa nesa mestura das nosas influencias -psicodelia, rock progresivo e demais- coa tradición galega. E, de novo tivo moi boa acollida e imos ter que reeditalo, porque vai camiño de se esgotar.
"O pop, o rock e a cultura popular en calquera das súas variantes sempre recolle algo que se fixo antes. Aquí en Galicia xa houbo nos anos 70 unha mestura de música tradicional con influencias anglosaxoas. Por iso sempre reivindicamos a Emilio Cao, a conexión de Milladoiro con Alan Stivell ou a NHU"
Nos últimos tres anos unha das cousas que máis se destacou de Moura foi precisamente esa mestura de rock progresivo e psicodelia coa música tradicional galega. Sinalouse a súa orixinalidade, pero en realidade vós sempre reivindicades que isto xa se facía nos anos 70 en Galicia, con N.H.U. ou Emilio Cao, por exemplo. Dá a impresión de que cando algo non está moi establecido ou recoñecido, fóra da norma, sempre parece que se empeza de cero, seguramente porque o que se fixo antes se coñece e valora pouco...
Exacto, o pop, o rock e a cultura popular en calquera das súas variantes sempre recolle algo que se fixo antes. Mira por exemplo os Beatles, que non creaban de cero, senón que o que facían era reciclar as súas influencias, que eran moi diversas. No noso caso, a min gústame poñer en valor os pioneiros neste campo. Aquí en Galicia xa houbo nos anos 70 unha mestura de música tradicional con influencias anglosaxoas, como tamén as había en Catalunya ou Andalucía, con proxectos como Triana.
Por iso sempre reivindicamos a Emilio Cao, a conexión de Milladoiro con Alan Stivell ou a N.H.U. Tamén Bibiano Morón en Estamos chegando ao mar (1976) mestura rock progresivo e percusión tradicional. E isto foi tres anos antes de La leyenda del tiempo. Neses anos, a finais dos 60 e comezos dos 70, tamén nas Illas Británicas comezaran a buscar a súa identidade a través do cancioneiro escocés e irlandés e a mesturalo con rock: aí están Pentangle, Fairport Convention, Trees, Steeleye Span... E todo iso chegou a Galicia.
"Trátase de meter todo nunha cocteleira e de mirar cara ao noso interior, tamén, ollando quen somos e a nosa identidade persoal e cultural. No meu caso, por exemplo, iso levoume a facer o romance coa historia do asasinato do meu bisavó"
Esta mestura de estilos é algo natural en vós á hora de compoñer un tema ou é algo buscado?
En Moura converxe a visión de seis persoas que teñen claro a dirección que queren para a banda. A maior parte de nós non vimos da tradición, senón do rock clásico, agás Belem Tajes, que si vén da tradición e chega ao rock. Vimos que había un camiño que nos interesaba seguir e que non estaba a ser demasiado explorado. É, ademais, un proceso motivador, porque é un camiño de aprendizaxe. Ese camiño vese no tránsito do primeiro disco cara ao segundo, onde hai unha maior presenza da tradición galega á hora de compoñer un romance, de facer unha alborada con sintetizadores, de facer un cantar do liño e de mesturalo con certos aires de Pentangle.
En xeral, trátase de meter todo nunha cocteleira e de mirar cara ao noso interior, tamén, ollando quen somos e a nosa identidade persoal e cultural. No meu caso, por exemplo, iso levoume a facer o romance coa historia do asasinato do meu bisavó. E tamén a aproveitar toda a miña querenza pola etnografía e pola historia galega, que sempre me gustou dende cativo.
"Creo que é moi positivo o que estamos vendo agora, que a tradición se está a estender por toda unha amalgama estilística: que haxa cousas como Fillas de Cassandra, Boyanka Kostova, Baiuca, Tanxugueiras... Iso está a conseguir que a xente nova se achegue á tradición musical"
A mellor maneira de defender unha tradición é traballala, estirala, mesturala, reinventala, sen que perda a súa esencia? A tradición é inmutable ou está en constante cambio?
A música tradicional é algo vivo, sempre o foi. O outro día estivemos con Xisco Feijóo na TVG e el xa destacaba que á hora de facer música as vellas e vellos, hai moitas décadas, ían evolucionando coas súas influencias: xotas, copla ou a música que chegaba de América. É moi importante coñecer a tradición, respectala, poñela en valor para que máis xente a coñeza. Pero hai que ser consciente de que sempre está en movemento, evolucionando. Neste país creo que aínda non son suficientemente valoradas persoas que levan décadas traballando a partir da tradición, como Mercedes Peón, que para min é a jefa máxima, Xosé Lois Romero ou, máis recentemente, Xisco Feijóo.
Creo que é moi positivo o que estamos vendo agora, que a tradición se está a estender por toda unha amalgama estilística: que haxa cousas como Fillas de Cassandra, Boyanka Kostova, Baiuca, Tanxugueiras... Iso está a conseguir que a xente nova se achegue á tradición musical. A mellor forma de mantela viva é usala e de empregala dende outras perspectivas.
"Ver que a tradición é unha ferramenta máis e que se pode empregar para facer algo 'moderno' cambia completamente a perspectiva. Consegue que a xente se decate de que a tradición galega é tan valiosa e universal como poden selo outras, coma o 'blues' do Mississippi, poñamos por caso"
Estamos nun bo momento nese sentido, non si? A música tradicional está a chegando a máis xente e, sobre todo, está chegando á xente nova...
Si, mira o caso das Tanxugueiras; o que conseguiron foi moi importante. O feito de que nenos e nenas vexan unha pandeireta enriba dun escenario nun concerto de música moderna é clave. Porque segue a haber un concepto pexorativo do folclore e ver que a tradición é unha ferramenta máis e que se pode empregar para facer algo moderno cambia completamente a perspectiva. Consegue que a xente se decate de que a tradición galega é tan valiosa e universal como poden selo outras, coma o blues do Mississippi, poñamos por caso.
"Podemos traballar con calquera fonte sonora, as posibilidades son infinitas: podemos por exemplo pasar unhas cunchas por un fuzz. E creo que é importante reivindicar que co noso tamén se pode realizar toda esta experimentación"
Mestúranse estilos e mestúranse tamén instrumentos. Semella que xa deixou de chamar a atención que se introduza unha guitarra eléctrica ou un sistetizados nun concerto de música folk ou un instrumento tradicional nun concerto rock ou de eléctrónica, dende a gaita, á pandeireta ou a zanfona, que é un elemento que combina moi ben coa psicodelia e a distorsión, non cres?
Si, en concreto a zanfona é un instrumento que me fascina, e encántame procesala, pasala por pedais... Neste caso, tivemos moita sorte de contar na gravación do disco con Mauro Sanín da Central Folk e cunha especie de zanfona electrónica que inventou Xoán Xil. Os instrumentos levan procesándose dende os anos 50 ou 60 do pasado século. Podemos traballar con calquera fonte sonora, as posibilidades son infinitas: podemos por exemplo pasar unhas cunchas por un fuzz. E creo que é importante reivindicar que co noso tamén se pode realizar toda esta experimentación.
"Tocar na Cidade da Cultura no momento do solpor é algo máxico e que encaixa moito coa nosa música. A nosa música esixe deixarse levar, que é o que facemos nós sobre o escenario"
Como vai ser o concerto do día 25 no Atardecer no Gaiás? Como están sendo as actuacións desta xira e como deseñades a posta en escena, tendo en conta que xa os vosos discos están pensados como un todo e non só como unha suma de cancións?
Si, nós coidamos moito ese aspecto, tamén nos discos, e especialmente neste último traballo, que está concibido para escoitar en orde. Estamos comezando os concertos tocando primeiro todo este disco seguido, agás o derradeiro tema, e despois imos con outros temas. O noso obxectivo é lograr unha certa comuñón musical, primeiro nós sobre o escenario e despois co público.
O concerto no Gaiás vai ser moi especial. Creo que se abusa moito da frase “marco incomparable”, pero a verdade é que tocar na Cidade da Cultura no momento do solpor é algo máxico e que encaixa moito coa nosa música. A nosa música esixe deixarse levar, que é o que facemos nós sobre o escenario. A nosa música non é poñer unha canción detrás de outra: é un fluír ao longo do concerto.