As Letras de Villalta nas aulas: "De Luísa gústame que non estea calada, que diga o que pensa"

Alumnado do IES Xosé Neira Vilas de Oleiros que traballa na aula a Luísa Villalta CC-BY-SA Praza.gal

O alumnado do instituto Xosé Neira Vilas de Oleiros, onde traballaba como mestra Luísa Villalta mentres escribía o poemario 'En Concreto', está moi implicado na celebración das Letras deste ano

“Para que serve a poesía?”, preguntou Nuria Vil á rapazada do IES de Canido de Ferrol e do IES Xosé Neira Vilas de Oleiros, dous centros nos que Luísa Villalta impartiu aulas e desenvolveu o seu labor de activista cultural, que se uniron na Cidade da Cultura para homenaxeala pola celebración das Letras Galegas. Un rapaz ergueuse para dicir que “a poesía serve para contar lendas”, unha rapaza apuntou que tamén serve “para expresar os teus sentimentos” e outra dixo que vale “para criticar algo co que non estás de acordo e que así máis xente o saiba, para poder facer algo”. “Se queredes ir en contra do camiño do capitalismo, de xenocidio e normalización do horror, pois non leades poesía. Pero se non, a poesía está aí para vós”, respondeu a poeta viguesa.

O alumnado do instituto Xosé Neira Vilas de Oleiros, onde traballaba como mestra Luísa Villalta mentres escribía o poemario En Concreto, está moi implicado na celebración das Letras deste ano porque lle está a permitir relacionarse coa autora a través da súa obra, na que recoñecen lugares, nomes e sensacións. Como traballan co legado de Villalta depende do profesorado, neste caso, a mestra desta rapazada é a poeta Eli Ríos. Con ela teñen a oportunidade de achegarse ás reivindicacións sociais e políticas da artista coruñesa e mais de reinterpretar a súa obra, collendo as partes que lles interpelan e aprendendo da súa ollada.

María, Sara, Ivo e Yarek na actuación no encontro de alumnado polas Letras Galegas na Cidade da Cultura CC-BY-SA Praza.gal

A partir do poema Leste, que forma parte de En Concreto, Nuno, de 14 anos, está a facer unha versión musical. Este alumno de 3º da ESO leu o poemario de Villalta –que agora reedita Galaxia nunha edición especial– de maneira voluntaria no primeiro trimestre do curso, chegoulle tanto o que conta a autora que quixo completalo con música, que é unha das súas paixóns. Coa axuda dun compañeiro de clase que toca o baixo e a gaita, e mais os seus coñecementos como baterista, quere mesturar os versos de Villalta con ritmos propios do metal progresivo, “con gaitas polo medio”.

"Coa música apórtaslle máis información ao poema, indicas como queres que se recite e as emocións que queres expresar"

“Escollín ese poema porque ten unha estrutura moi espiritual, son como moi filosóficos os poemas de Luísa. Está moi ben para facer unha canción porque, ademais, creo que a poesía sen a música pouco representa. Coa música apórtaslle máis información ao poema, indicas como queres que se recite e as emocións que queres expresar. Non é o mesmo unha melodía alegre que unha tristeira e, neste caso, como fala dunha cidade na que chove, pois empregamos unha melodía máis escura. Os poemas de Luísa falan moito dos sentidos e da choiva e do vento da cidade da Coruña”, debulla Nuno.

“Por amor á arte”, así di Nuno que fai este proxecto que vai máis alá das tarefas de clase e que lle permite afondar na obra de Luísa Villalta, coa que coincide ao afirmar que “a música e a poesía son artes que se complementan”, como debulla a coruñesa no seu ensaio O outro lado da música, a poesía. Quizá, o feito de compartir cidade coa autora homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas axude a este entendemento pasados vinte anos do seu falecemento: “Luísa describe moi ben esa sensación que tes os días grises cando estás na Coruña e chove. Creo que En Concreto é o mellor poemario dela”.

Alumnado do IES Xosé Neira Vilas de Oleiros cos libros de Luísa Villalta CC-BY-SA Praza.gal

Alba tamén cursa 3º da ESO no instituto Xosé Neira Vilas, é unha das organizadoras dun concurso de talentos a partir da obra de Villalta. “No noso Got Talent participan diferentes clases, dividímonos por grupos e cada un ten que facer algo orixinal. Haberá obras de teatro a partir de pezas como As certezas de Ofelia, un rapaza da miña clase quere facer un videoxogo baseado nun poema e haberá unha audición musical. Tamén hai un grupo que fará un xornal contando a vida de Luísa e as obras que máis a representan”, explica Alba. “Trátase de xogar, de experimentar –apunta a mestra Eli Ríos–. Gañará quen o faga con máis humor”. O alumnado de 1º de Bacharelato será quen decida as persoas vencedoras.

A implicación desta rapazada con Luísa Villalta demóstrase en que levan dedicados moitos recreos deste curso a preparar e ensaiar os seus proxectos grupais. Sara, María, Ivo e Yarek están en 1º da ESO, teñen entre once e doce anos, e prepararon unha breve representación teatral na que repasan a biografía da autora homenaxeada pola Academia. María e Sara son as narradoras nunha peza con moita retranca, como a que recoñecen nalgúns textos de Luísa.

"De Luísa gústame que non estea calada, que diga o que pensa aínda que lle digan que non. Esa persistencia que ten. Se non logra parar unha inxustiza volve escribir outro poema, segue a intentalo"

De Luísa gústame que non estea calada, que diga o que pensa aínda que lle digan que non. Esa persistencia que ten. Se non logra parar unha inxustiza volve escribir outro poema, segue a intentalo”. Luis, de 12 anos, preparouse un resumo do relato O xoven do cálamo, do libro Silencio, ensaiamos porque lle chamou a atención cando a súa profesora mencionou na aula que facía referencia ás luras. “Gústanme moito os polbos, as luras e todo o que teña que ver co espazo-tempo. Ben, máis co tempo e co misterioso que hai nel. En xeral, todo o relacionado coa ciencia”, detalla este rapaz, ao que lle gusta “o Latín e a literatura medieval”, mais tamén “Marvel e cousas así”.

Sofía e Pablo son alumnos de 1º de Bacharelato e desde a súa experiencia valoran moito como están aprendendo este ano das Letras para Villalta. “Levamos cinco anos lendo libros para facer un exame e así non desfrutas da lectura. Tes que fixarte tanto nos detalles, anotalos... porque chegas ao exame e pregúntanche cousas demasiado específicas ou que teñen que ver coa literatura da época e non coa historia do libro. Ao final, isto non nos inspira a ler; quítalle todo o atractivo. Como mellor aprende alguén é de boa gana, e se nos poñen cousas que non nos fan gracia, non imos atender tanto como poderiamos”, asegura Sofía.

Obradoiro de ilustración con Laura Suárez para recrear portadas de Luísa Villalta CC-BY-SA Eli Ríos

Tiñan que traballar sobre o poemario En Concreto, e conseguiron cambiar o exame por un traballo que, en realidade, lles está dando moito máis traballo; aínda que non son conscientes porque o fan, nas súas palabras, “de boa gana”. “Examinamos a fondo cada poema, descifrando os sitios dos que ela falaba –porque moitos xa non se chaman así– e que ela quería reivindicar da Coruña. Con iso fixemos un roteiro. Por equipos, escollemos poemas e fomos marcando puntos da cidade que ela trataba, explicando en cada lugar por que Luísa fala diso”, describe Sofía.

“Unímolo todo e quedounos un percorrido que vai da Torre de Hércules ata Monelos. Por exemplo, falamos do poema Abrente desde a rosa dos ventos da Torre de Hércules. Nese poema Luísa fala do vento e da fin do mundo, escollemos ese punto para comezar porque é o máis afastado da Coruña e nel pódese ver a dirección do vento”, conta Pablo. Este alumnado de 1º de Bacharelato de Oleiros guiará o roteiro a pé, dunha duración estimada de tres horas e media, para a rapazada dos cinco grupos de 3º da ESO do instituto Monte das Moas.

"Todos os escritores aos que se lle dedicaron as Letras que eu recordo, menos a Xela Arias, eran un home de fai non sei cantos anos que escribía sobre cousas das que nós non tiñamos nin idea e que non nos quedaban para nada preto"

Como son dos veteranos do instituto, Sofía e Pablo xa coñecen ben como se celebran as Letras Galegas nas aulas. Este ano tiña que ser distinto, só pola proximidade da homenaxeada ao seu centro, mais tamén porque se senten interpelados polo que di nos seus textos. “Normalmente o Día das Letras é un día de vacacións e non temos que facer nada. Pero este ano nótase máis o traballo, non te vas esquecer do que pasa o 17 de maio”, di Pablo.

“Ademais, sempre era o mesmo, daba igual o nome. Todos os escritores aos que se lle dedicaron as Letras que eu recordo, menos a Xela Arias, eran un home de fai non sei cantos anos que escribía sobre cousas das que nós non tiñamos nin idea e que non nos quedaban para nada preto. Loxicamente, sentímonos máis achegados a Luísa. Outros anos poñíannos un vídeo da biografía do autor, que todos acababan sendo iguais e practicamente non lembramos ningún”, salienta Sofía.

Cartaz no IES Xosé Neira Vilas de Oleiros CC-BY-SA Eli Ríos

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.