A obra inédita de Luísa Villalta que peta na nosa conciencia

Capas dos libros de narrativa, poesía e teatro con inéditos de Luísa Villalta publicados pola Editorial Galaxia © Galaxia Montaxe: Praza.gal

"A súa obra prodúcenos a sensación de que está falando do noso mundo, desta mesma sociedade e non doutra", asegura Henrique Rabuñal, editor do Teatro completo de Luísa Villalta

Susana Villalta adiantou na entrevista con Praza do pasado xuño que no último treito deste ano das Letras dedicado á súa irmá Luísa aparecerían textos inéditos da creadora multifacética da Coruña. Así, nestas derradeiras semanas de 2024 a editorial Galaxia publicou o Teatro completo de Luísa Villalta, coa edición de Henrique Rabuñal; a Poesía inédita e dispersa ao coidado de Pilar Pallarés e Miguel Mato; e a Narrativa inédita e dispersa, baixo a edición de Daniel Chapela.

Tres volumes que van incentivar o estudo da obra de Villalta máis alá dos marcos da homenaxe da Real Academia Galega, coa que as súas poesías, novelas, pezas teatrais, músicas ou ensaios están a chegar a novos públicos tan frescas como o primeiro día. A vixencia do enfoque da autora e os temas que sitúa no centro do seu discurso resultan totalmente contemporáneos para a xente nova de hoxe, vinte anos despois do seu prematuro falecemento.

A celebración das Letras Galegas para Luísa Villalta resultou para o escritor e profesor Henrique Rabuñal unha “ocasión espléndida porque todos os escritores, cando xa non están, quedan un pouco nunha periferia borrallenta; e este ano creo que nos permitiu ver en toda a súa extensión a figura de Luísa como persoa que deixou moi claro en que bando da humanidade estaba, así como apreciar o seu legado literario”.

Luísa Villalta © RAG

Rabuñal destaca que volver a mirada sobre a obra de Villalta este ano permitiu confirmar “que se revela como unha das máis paradigmáticas e valiosas da súa xeración”. Unha creadora á que lle concede o don de ter sido “moi coherente consigo mesma e moi consecuente”. “Habendo tanto tempo que non está, a súa obra prodúcenos a sensación de que está falando do noso mundo, desta mesma sociedade e non doutra. Hai moitos aspectos que agora suscitan a conversa pública como a introdución de bulos no debate social ou toda a cultura da guerra á que estamos asistindo... Xa non falemos da violencia contra as mulleres ou mesmo do propio tema do idioma galego, que para ela foi obxecto de constante análise. Todo o conxunto temático de Luísa Villalta está petando en nós, na nosa conciencia, por iso é unha escritora tan actual que nos interesa e nos interroga tanto a tantas e a tantos”, debulla o catedrático de Lingua e Literatura galegas.

"En certa maneira foi como ter a Luísa aí, guiándonos", conta Pilar Pallarés sobre o proceso de edición da Poesía inédita e dispersa xunto a Miguel Mato

A poeta Pilar Pallarés, Premio Nacional de Poesía do Ministerio de Cultura en 2019, conta que traballar co arquivo persoal de Luísa Villalta para a elaboración do libro Poesía inédita e dispersa foi emocionalmente moi intenso para Miguel Mato e para ela. “Hai poemas escritos, a máquina ou xa en ordenador, no reverso de follas de exame, de materiais que Luísa empregaba nas clases de Literatura no instituto; hai moitas notas a man, ben interesantes, xa que dan a clave sobre fontes de inspiración, sobre poetas e textos de referencia cos que ela dialogaba na súa obra e sobre a intencionalidade desta. En certa maneira foi como ter a Luísa aí, guiándonos”, confesa.

A idea de que Pallarés e Mato colaborasen nesta edición dos poemas inéditos da protagonista das Letras foi de Susana Villalta, que leva todo o ano traballando para que toda a obra da súa irmá sexa reeditada ou ben editada por primeira vez. “A nosa edición recompila poemas inéditos e dispersos e dous poemarios, Entre a cor e a transparéncia e Impromptus eróticos. Do primeiro, que como libro ficou inédito, proceden bastantes poemas que Luísa incluíu, con moitas alteracións, en Música reservada (1991), o seu primeiro libro de poemas. Hai noticia dun segundo poemario inédito titulado O oco da palabra, do que formaban parte poemas logo integrados na sección homónima de Música reservada e sete publicados na revista Agália en 1987. No arquivo persoal de Luísa consérvase un fermoso cartafol de Entre a cor e a transparéncia, mais falta o de O oco da palabra. Damos por suposto que existiu ou existe”, engade a poeta de Culleredo.

Impromptus eróticos é o título dun monllo de poemas amorosos de carácter fundamentalmente privado, un galano de amor. Seis dos poemas foron publicados, mais outros seis só figuran en dous cartafois, un deles conservado no arquivo de Luísa e o outro polo dedicatario. Hai outras copias no arquivo de Luísa nas que aparecen dúas datas despois do poema XII que nos permiten situar a escrita dos Impromtus entre 1994 e 2002, os tempos dunha historia de amor que continuaba plena en 2004, no momento da morte dela. A compilación de poemas inéditos e dispersos non é, nin moito menos exhaustiva. Temos en conta unha boa parte dos inéditos do arquivo persoal, mais desbotamos algúns que nos parecen rascuños iniciais.

Canto aos dispersos, hai aí labor para unha tese doutoral. Luísa está presente en moitas publicacións periódicas, bastantes portuguesas. Coido que é unha das escritoras do nosos tempo con maior relación coa literatura portuguesa. En Lisboa publicáronse Modulación de Orfeu e Soliloquio da serpe, por exemplo, mais ten que haber moitos máis poemas dispersos. Eu mesma regalei, en 2004, aos pais de Luísa o meu exemplar dunha revista portuguesa na que había unha colaboración de Luísa e miña, mais nin sequera lembro o nome. Supoño que Luísa xa non chegou a ver esa publicación”, argumenta Pilar Pallarés.

"A ollada de Luísa salienta pola súa lucidez e tamén pola súa actualidade. Boa mostra é o poema Debilidade, denuncia da pasividade coa que asistimos á destrución de Palestina por Israel, agora xa claramente un xenocidio", asegura Pallarés

Para Pilar Pallarés confrontar os poemarios Entre a cor e a transparéncia e Música reservada pode dar idea do nivel de esixencia consigo mesma de Luísa. “Os poemas do primeiro que pasan ao segundo son sometidos a un proceso de reelaboración e depuración mui intenso, tamén ben evidente desde o punto de vista lingüístico. Os Impromptus eróticos son manifestacións dunha temática amorosa pouco tocada por Luísa. Cando o fai, como en Rota ao interior do ollo, é dunha maneira moito máis intelectualizada. Comeza a escribilos en 1994, nunha época de grandes mudanzas na súa escrita. É a de Ruído (1995), co paso da abstracción a unha ‘poética da concreción’, a concepción da poesía como ‘ruído provocado’ e a saída do eu que reflexiona nas cámaras da ‘música reservada’, que en certa maneira protexe das imperfeccións do mundo, a ese mundo caótico, disperso, doloroso, do que a poeta quere ‘formar parte’. É o proceso que leva a En concreto e a Papagaio, obras xa póstumas”.

Os poemas dispersos e inéditos que vén de publicar Galaxia tamén están nesta liña. “Aí está a poeta comprometida co seu tempo, a que fala da catástrofe do Prestige, o exterminio dos Tutsis en Ruanda, a opresión extrema das mulleres en Afganistán, o feminismo... A ollada de Luísa salienta pola súa lucidez e tamén pola súa actualidade. Boa mostra é o poema Debilidade, denuncia da pasividade coa que asistimos á destrución de Palestina por Israel, agora xa claramente un xenocidio”, asegura Pallarés.

Peche do pleno extraordinario das Letras Galegas dedicado a Luísa Villalta no Teatro Rosalía de Castro © RAG

Rabuñal ve na protagonista da obra As certezas de Ofelia "a enciclopedia do que é un personaxe feminino en Luísa"

O legado literario de Luísa Villalta permanece no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, dependente da Secretaría Xeral da Lingua da Xunta. Alí hai, como lembra Daniel Chapela no limiar do libro Narrativa inédita e dispersa que edita Galaxia, “un volume substancial de textos inéditos, quer conclusos, quer inconclusos”. Nesta publicación Chapela agrupa estes variados textos –que se ven máis ben rematados– co obxectivo de dalos a coñecer ao público, “non pretendendo formular unha edición para eruditos”.

Como editor do seu teatro, Henrique Rabuñal, quixo contar coa peza inédita Os pasos contados, un drama expresionista en sete cadros, para incluíla no libro Teatro completo, pois o feito de que Villalta presentase o texto a un premio literario deulle a confianza de que ela mesma o dera por rematado. “É unha obra moi complexa, onde se abordan os grandes temas que lle preocuparon: a solidariedade, o concepto de xerarquía e de autoridade, a inclinación artística dalgún personaxe e, ás veces, ese mundo sen saída e asfixiante que nos ofrece a obra. E tamén certa lectura, penso eu, do que son realmente as guerras e as organizacións militares: ese contrasentido de que as guerras as deciden uns señores que normalmente non están no campo de batalla e padécenas, visceralmente, uns mozos e mozas que ás veces nin saben as razóns polas que teñen que exercer ese oficio na guerra”, describe Rabuñal.

Rabuñal xa tiña unha conciencia da obra teatral de Villalta, posto que coincidiu con ela ao longo dos anos en publicacións especializadas, pero recoñece que volver sobre estas pezas co paso dos anos e velas en conxunto “foi emocionante”. “Intentei debuxar os elementos comúns que están en todo ese teatro, sendo un dos máis importantes a necesidade que ten o ser humano de amar, de encontrar o seu camiño –sen estar disociado do anterior– e de loitar por ter unha vida de seu, independente, moitas veces desobedecendo o que a familia, a propia sociedade, ou incluso o sistema educativo parece que ten disposto para un ou para unha”, salienta.

Se tivera que quedar cunha personaxe do seu teatro, Rabuñal queda coa protagonista d’As certezas de Ofelia, que considera “a enciclopedia do que é un personaxe feminino en Luísa”. “Un personaxe que interactúa cos mundos de Shakespeare e de Cunqueiro, pero que tamén fala moito do papel dos medios de comunicación na sociedade, da corrupción política, inmobiliaria ou xudicial”, agrega sobre esta obra na que “mestura o mítico e o pragmático”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.