Luísa Villalta para o público infantil e xuvenil desde o compromiso, a estética, o estímulo e a coherencia

Capas de tres libros arredor da vida e a obra de Luísa Villalta editados por Xerais e Cumio pensando no lectorado máis novo CC-BY-SA Xerais/Cumio Montaxe: Praza.gal

"Se somos o que escribimos, no caso de Luísa é moi contundente. Luísa é o que escribe, é unha muller comprometida co seu tempo, unha activista e unha persoa coherente, e todo isto reflíctese na súa obra e nas súas palabras", destaca Beatriz Maceda

“A Luísa Villalta non lle gustaba nada que as nenas e as mozas non tivesen un espello en que mirarse, un referente de mulleres decididas. Así que cansou dos contos que as animaban a esperar por un príncipe azul e decidiu... cambialos!”, escriben Beatriz Maceda e Eli Ríos no álbum ilustrado por Laura Suárez titulado Luísa Villalta. Alma de violino, que publica Xerais.

Este ano das Letras, como xa sucedeu co de Lois Pereiro e o de Xela Arias, a conexión das autoras coa poboación máis nova permite achegar a súa obra con outros enfoques, buscando o interese desde as experiencias compartidas e as referencias máis recoñecibles. As múltiples faces de Luísa Villalta como artista, da música á poesía, do ensaio ao teatro, da ensinanza ao activismo social e político deron ao prelo tres obras deliciosas para o público infantil e xuvenil, pero non só. Estes libros serven de ponte para chegar a outras publicacións e para seguir afondando na obra da que foi 'Señora das Letras' en 2022 e agora volvemos celebrar no Día das Letras Galegas promovido pola Real Academia Galega. 

Ademais deste álbum ilustrado, a editorial Xerais publica unha biografía de Villalta na súa Colección Merlín, escrita por María Canosa, Luísa Villalta, melodía de palabras, que emprega as imaxes musicais para contar a súa historia de vida. Edicións do Cumio presenta Sempre infinita, escrito por Eva Mejuto e ilustrado por Bea Gregores, un álbum poético no que as palabras da propia Villalta van fiando un petisco da súa vida e obra.

Luísa Villalta pintando versos © Arquivo de Blanca Silva/RAG

“O maior reto é buscar a conexión da autora co público infantil, que tanto a súa vida como a súa obra resulten atractivas, provocarlles a curiosidade de querer saber máis, ler máis… Lembro de pequena ter que traballar, por obriga e como tarefa escolar, a figura homenaxeada nas Letras Galegas. E adoito resultaba pouco estimulante. Tentei buscar a relación emocional do lectorado novo coa autora, implicándoo na propia historia”, explica Eva Mejuto sobre o álbum poético da colección Miudiñas de Cumio, no que as ilustracións de Bea Gregores teñen unha carga poética e simbólica da obra de Villalta. “Buscamos que ‘ler’ a ilustración fose como mergullarse na obra da autora”, apunta Mejuto.

Como atopar a maneira de trasladar a pegada de Luísa Villalta sen deixar atrás as caras máis reivindicativas? “En todo o que escribo para o público infantil e xuvenil pretendo ser honesta. A rapazada é un público moi esixente. Non sería xusto para eles velar unha parte de Luísa, aínda que é certo que os autores podemos poñer o foco nun aspecto ou noutro. Luísa era unha convencida da educación nun sentido integral, e ela tamén me parece unha figura moi interesante, coa mesma visión de totalidade. Viviu de maneira intensa a súa docencia, a súa faceta cultural e o seu compromiso social. Como non telo en conta? Nin son docente nin busco só un relato educativo, pero entendo que a cuestión é adaptar a información para que sexa comprensible para o público potencial do texto. Como me gustaría a min que me falasen desa muller tan fascinante? Pois así intento contalo. Luísa encántame, é unha muller moi interesante”, conta María Canosa, que asumiu o reto de escribir a biografía para lectores miúdos de Xerais. Outra biografía, pensada para o lectorado adulto, é a que escribiu a xornalista Montse Dopico tamén para Xerais.

'Sempre infinita' de Eva Mejuto con ilustracións de Bea Gregores sobre Luísa Villalta © Cumio

Beatriz Maceda considera que “hai unha franxa de lectorado que quedaba un tanto descolgada e o álbum ilustrado ten esa maxia para o alumnado máis novo, mais tamén para o público adulto”. “Eu son unha fan total –confesa–, leo moito álbum ilustrado e, de feito, o primeiro que publiquei foi un álbum ilustrado sobre Man, o alemán de Camelle”, lembra. A encarga deste Luísa Villalta. Alma de violino fíxolles moita ilusión pois, ademais, é o primeiro álbum ilustrado que se fai sobre unha autora homenaxeada no Día das Letras.

Había que escoller unha voz narrativa e optamos por Alma, que é unha peza do violino, unha peza de madeira moi pequeniña, cilíndrica, que non vai encolada e que, dependendo da precisión coa que a faga o luthier, o son do violino será de maior ou de menor calidade. O violino sempre ía con Luísa, a música sempre foi con ela, así que nos pareceu que era a voz máis acaída para contar estar historia”, debulla Maceda, quen incide en que “se somos o que escribimos, no caso de Luísa é moi contundente. Luísa é o que escribe, é unha muller comprometida co seu tempo, unha activista e unha persoa coherente, e todo isto reflíctese na súa obra e nas súas palabras”.

"É fundamental dar a coñecer, canda a obra, tamén o compromiso da autora, porque segue a haber desigualdades, guerras, xenocidio en Palestina, seguen a acabar co mar…e as novas xeracións deben ser conscientes do mundo que habitan, coñecelo para poder mudalo", sinala Eva Mejuto

Neste senso, Eva Mejuto relata que “as loitas sociais nas que Luísa Villalta estaba implicada seguen a estar de (triste) actualidade hoxe. É fundamental dar a coñecer, canda a obra, tamén o compromiso da autora, porque segue a haber desigualdades, guerras, xenocidio en Palestina, seguen a acabar co mar…e as novas xeracións deben ser conscientes do mundo que habitan, coñecelo para poder mudalo”.

No proceso de documentación e entrevistas para elaborar a biografía Luísa Villalta, melodía de palabras, María Canosa –que conta nun vídeo como foi o seu proceso de escrita– asegura que tivo unha sensación permanente: “Todas as persoas coas que falei, en persoa ou por teléfono, falaban dela con moitísimo agarimo, e todas salientando a súa forza. Brillábanlle os ollos ao contarme cousas dela, cunha áurea de morriña e ao mesmo tempo admiración intacta. A os que non vía, notábaselle no ton do voz a emoción, a autenticidade do que contaban. Era moi evidente a busca de transmitir a súa personalidade íntegra e comprometida, a autenticidade”.

“A Luísa gustáballe traballar desde o común para a comunidade, e este traballo reflicte esa idea dela. Esperamos que siga tendo un percorrido longo porque Luísa merece isto e moito máis”, conta Beatriz Maceda sobre Luísa Villalta. Alma de violino, que xa vai pola segunda edición.

'Luísa Villalta. Alma de violino' de Beatriz Maceda e Eli Ríos con ilustracións de Laura Suárez © Xerais

“No libro hai agasallos de persoas como a compañeira poeta Marga do Val, que foi moi xenerosa e contounos cousas de Luísa, da que foi amiga. O poema manuscrito dedicado a Alexandre Bóveda que aparece no libro é un acto de xenerosidade de Pilar García Negro e tamén de María Xosé Bravo, que foi unha das persoas que loitou para que este ano sexan as Letras de Villalta. A poeta Estíbaliz Espinosa contoume tamén cousas da súa relación con Luísa. Ana Pillado foi fundamental porque o seu pai, Francisco Pillado, foi fundamental na vida de Villalta; ela pasounos fotos e compartiu lembranzas con nós. Marta Dacosta fíxonos moitas achegas. E, por suposto, quedamos moi agradecidas con María Gómez e Susana Villalta, nai e irmá de Luísa”, destaca Maceda.

"Canto máis a coñecía, máis claro me quedaba que Luísa era unha muller sensible, con facilidade para captar a beleza e con habelencia para a arte, nun sentido moi amplo", conta María Canosa

A música conduce a historia que escribiron Eli Ríos e Beatriz Maceda, como tamén o fai na biografía de María Canosa. “Canto máis a coñecía, máis claro me quedaba que Luísa era unha muller sensible, con facilidade para captar a beleza e con habelencia para a arte, nun sentido moi amplo. A súa obra, ademais, é moi musical. Así que a música acabou por impoñerse no relato. Logo o traballo centrouse en atopar a estrutura acorde coa voz musical, de aí o de distribuír o texto segundo as notas musicais e outros elementos. Pareceume significativo e que podía gustar á rapazada, por diferente”, detalla a escritora de Cee.

En Sempre Infinita, Eva Mejuto aposta por un elemento que Villalta tiña sempre presente, como boa coruñesa. “Ao profundar na súa obra decateime de que, alén da Cidade, o mar era un elemento continuo e constante no conxunto da súa obra, poesía, teatro… E pensei que o mar podía ser a voz narrativa da obra, quen contase a historia, pero sen facelo nin evidente nin explícito, que fosen as lectoras quen o percibisen. Eu como lectora gusto de contribuír ao relato que leo, e como escritora procuro tamén deixar que quen le constrúa, en maior ou menos medida, unha parte do relato”, sinala. Mejuto remata a obra con estas palabras de Luísa Villalta: “Pero ser, ser algo na realidade, desempeñar un papel importante e non ficar en mera personaxe secundaria dunha comedia”

'Luísa Villalta, melodía de palabras' de María Canosa, cunha ilustración na cuberta de Laura Romero © Xerais

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.