A RAG presenta a programación ao redor de Luísa Villalta para as Letras: "a súa voz insubornábel merece ser coñecida"

Un momento da gravación da serie documental sobre Luísa Villalta © RAG

Os actos centrais do 17 de maio celebraranse na Coruña, onde a poeta naceu e viviu e á que dedicou moitos dos seus textos. Será un pleno extraordinario e público no que intervirán Ana Romaní, Margarita Ledo e Manuel Rivas

Luísa Villalta é a protagonista das Letras Galegas neste ano 2024 e A Coruña compartirá parte dese protagonismo. Os actos centrais do 17 de maio celebraranse na cidade herculina, onde a poeta naceu e viviu e á que dedicou moitos dos seus textos. Será un pleno extraordinario e público no que intervirán Ana Romaní, Margarita Ledo e Manuel Rivas.

A Real Academia Galega presentou as principais iniciativas que desenvolverá arredor do Día das Letras Galegas, que inclúen unha serie documental que se poderá ver a partir do mes de marzo e varios contidos para dar a coñecer a poeta á rapazada.

Presentación da programación da Academia no ano das Letras de Luísa Villalta © RAG

Un documental de 6 episodios, dirixido por Damián Varela e guionizado por Alba López, percorrerá a infancia de  Villalta, a súa produción literaria, o seu compromiso cívico, a súa relación coa música ou a importancia da Coruña na súa obra

O documental de seis episodios da produtora Miramemira, dirixido por Damián Varela e guionizado por Alba López, será unha das apostas destacadas da institución para celebrar e divulgar a figura de Luísa Villalta. A serie tece un relato sobre a vida e a obra da poeta a través dos testemuños de familia, amizades, creadores e creadoras e voces estudosas do seu legado como Pilar Pallarés, Miguel Anxo Fernán Vello, Pilar García Negro, Alexandrina Fernández Otero, Armando Requeixo, Xosé Luís Martínez Pereiro ou Inma Otero Varela.

A serie, que poderá verse na web da Academia, en Youtube e na TVG, arrinca coa infancia e os anos de formación da autora e prosegue poñendo o foco no seu mundo poético e o resto da súa produción literaria, a importancia da música na súa vida, o seu fondo compromiso cívico e o seu labor como docente. Conclúe cun derradeiro episodio sobre A Coruña no seu legado literario, cidade que deixou pegada especialmente no poemario premiado pouco antes do seu pasamento e editado postumamente, En concreto (2004), e mais Papagaio (2006). 

A Academia abriu o pasado 5 de xaneiro a sección das Letras Galegas 2024 na súa web cunha completa biografía asinada pola poeta, xornalista e académica Ana Romaní. Nas vindeiras semanas está dispoñible nese espazo a nova edición da web para o público infantil Primavera das Letras, que acubillará unha fermosa historia sobre Luísa Villalta, Violino, Inglesas e o libro xigante, que ten como narradores o violín da homenaxeada e a guitarra de Rosalía de Castro. 

O proxecto para os máis pequenos da casa -que inclúe tamén actividades interactivas e outras propostas lúdicas- será presentado a finais de febreiro en Sada

Os autores son o académico correspondente Xoán Babarro e Ana María Fernández, gañadores de premios como o Barco de Vapor e o Lazarillo. Lévaa á linguaxe plástica Óscar Villán, distinguido co Premio Nacional de Ilustración. 

O proxecto para os máis pequenos da casa -que inclúe tamén actividades interactivas e outras propostas lúdicas- será presentado a finais de febreiro en Sada da man da comunidade educativa do CEIP Sada y sus Contornos e unha representación do IES Isaac Díaz Pardo, onde Luísa Villalta exerceu como docente de Lingua e literatura galegas dende o ano 1991 ata a súa morte.

Un momento da gravación da serie documental sobre Luísa Villalta, coa súa nai e a súa irmá © RAG

Luísa Villalta "empregaba a poesía para pensar o mundo contemporáneo", destacou Marilar Aleixandre, que fixo un chamamento a "levar a poesía e a escrita de Luísa á rúa, aos institutos, ás prazas como unha ferramenta para pensar o noso mundo". "A súa voz insubornábel merece ser coñecida", dixo

Na presentación da programación da Academia para os vindeiros meses, o seu presidente, Víctor Freixanes destacou que Villalta era unha escritora "esixente e intelixente que soubo situarse na emoción e na ambición expresiva a través de diversos xéneros". Nun acto no que tamén interviron María Gómez e Susana Villalta, nai e irmá da homenaxeada, a directora da Sección de Literatura da RAG, Marilar Aleixandre, salientou que a obra de Luísa Villalta constitúe "unha ferramenta para pensar o noso mundo".

Na presentacón, Aleixandre sinalou que "Luísa Villalta é unha intelectual completa, unha pensadora. Poeta, música, mais tamén ensaísta, narradora, autora dramática e de artigos nos xornais, intervén nos debates do seu tempo coa palabra e a acción: feminista, nacionalista, rebelde", engadindo que "empregaba a poesía para pensar o mundo contemporáneo". Por este motivo, fixo un chamamento a "levar a poesía e a escrita de Luísa á rúa, aos institutos, ás prazas como unha ferramenta para pensar o noso mundo". "A súa voz insubornábel merece ser coñecida", dixo

Á volta das vacacións de verán, a RAG celebrá un simposio académico sobre Villalta

Xa na segunda metade do ano, á volta das vacacións de verán, a RAG celebrá un simposio académico no que diversas voces especialistas presentarán distintas lecturas da obra de Luísa Villalta e do seu activismo cívico e cultural. Unha ocasión especial para pensar o mundo actual a través, en palabras de Ana Romaní, dunha "obra marcada pola exploración, o pensamento apaixonado, a procura do rigor".

Cuberta de 'Violino, Inglesas e o libro xigante' © RAG

Publicacións 

Este mércores Xerais deu a coñecer catro publicacións que buscan difundir a figura de Luísa Villalta e a súa obra neste ano de celebración, a cargo de Xurxo Souto, Montse Dopico, María Canosa, Beatriz Maceda, Eli Ríos e Laura Suárez

Ademais, este mércores a editorial Xerais deu a coñecer catro publicacións que buscan difundir a figura de Luísa Villalta e a súa obra neste ano de celebración. Dende o pasado mes de decembro están xa nas librarías os títulos Luísa Vilalta. Melodía de palabras, de María Canosa, e Luísa Villalta. Alma de violino, de Beatriz Maceda e Eli Ríos e ilustrado por Laura Suárez, pensados para que os máis pequenos e pequenas coñezan a obra e o legado de Luísa Villalta. 

Así mesmo, vén de publicarse Somos un pobo de artistas. O método Luísa Villalta, un libro de Xurxo Souto en que explica o vínculo entre a poesía e a música a partir da formulación da propia homenaxeada o próximo 17 de maio. Por último, este xoves estará á venda Abonda con vivir, unha biografía feita con retallos da memoria que gardaron de Luísa Villalta persoas que formaron parte da súa rede afectiva e que asina Montse Dopico.

Hai uns días anunciouse a publicación de Asi vou eu, formando parte, a escolma de Luísa Villalta que realizaron Pilar Pallarés e Eva Veiga e edita Chan da Pólvora

De igual xeito, hai uns días anunciouse a publicación de Asi vou eu, formando parte, a escolma de Luísa Villalta que realizaron Pilar Pallarés e Eva Veiga e edita Chan da Pólvora. As dúas autoras estaban traballando no proxecto xa antes de que lle dedicasen a Villalta o Día das Letras.

Finalmente, este mércores 31 preséntase no Museo do Pobo Galego As escumas da letra. Biobibliografía de Luísa Villalta, editado por Baía Edicións, ensaio de Esperanza Mariño Davila, filóloga, escritora, tradutora, ensaísta e activista cultural compostelá.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.