Marcos Pérez Pena

Unha ducia de palabras para Luísa Villalta no comezo do seu Ano das Letras

Comeza o Ano Luísa Villlalta. Un 2024 no que a escritora e música coruñesa, falecida en 2004 con só 47 anos, será protagonista. A Real Academia Galega presentou esta semana o espazo que na súa web acollerá nos vindeiros meses un gran número de contidos sobre a autora e que se inaugura coa biografía que realizou a poeta e xornalista Ana Romaní.

  1. 01

    Cidade Alta

    Luísa Villalta naceu na Coruña o 15 de xullo de 1957 e pasou os seus primeiros anos na rúa Vila de Laxe, na Falperra. A cidade herculina, a Cidade Alta, estará moi presente nas súa obra ao longo dos anos e na súa vida.

  2. 02

    Violín

    Con oito anos iniciou a súa formación no Conservatorio de Música da Coruña e aos 26 anos acadou o título superior de violin, o instrumento que tocou en Escaino, o grupo de música celta con tons jazzísticos que compartiu con Juan Fernán Vello, Paulino e Xosé Luís Pereiro. En 1985 entrou, ademais, a formar parte da Orquestra de Santiago e posteriormente ingresou na Xove Orquestra de Galicia. 

    Iso si, consciente das dificultades de abrirse camiño profesionalmente como intérprete, converteuse en profesora de Lingua e literatura galegas de secundaria no ensino público,.

  3. 03

    Palabra melódica

    Luísa Villalta escribiu no prólogo de Música reservada que "a poesía é palabra melódica". En toda a súa traxectoria a relación entre son e texto, entre música e posía está sempre presente, unha relación na que afonda no ensaio O outro lado da música, a poesía. Relación entre ambas artes na historia da literatura galega (1999), unha obra que busca “restituír a primitiva unidade da música e a poesía desenvolvendo un punto de vista inédito na interpretación dos textos literarios”.

    Con este mesmo obxectivo está a piques de saír do prelo o libro de Xurxo Souto Somos un pobo de artistas! O método Luísa Villalta (Xerais), que afonda na "unidade primixenia" entre as dúas artes: "A literatura galega está mal explicada porque obvia a música. A música está presente en todo"

  4. 04

    Poesía do coñecemento e poesía "do chan"

    Luísa Villalta debutou na poesía con Música reservada (1991). Nesta obra a palabra é “un camiño ao coñecemento”, unha poesía de pensamento que nos anos seguintes, en Ruído (1995) e especialmente en En concreto (2004) e Papagaio (2006) os seus textos viran nunha poesía a ras-de-chan. 

    "Quixen traer a poesía ao chan e edificar a memoria de promisión de que falan os soñadores corazóns que me rodean na Historia. Procurei a concreción", escribiu

  5. 05

    Teatro

    Luísa Villalta cultivou a escrita teatral e o ensaio nun momento en que ambos os espazos eran maioritariamente masculinos, destaca Ana Romaní. E fíxoo dende o comezo; de feito, a súa primeira obra publicada foi dramática, o Concerto para un home só (1989). Despois chegarían O paseo das esfinxes, As certezas de Ofelia ou Os doces anos da guerra. E, igualmente, o ensaio O Don Hamlet de Cunqueiro: Unha ecuación teatral (1992)

  6. 06

    Multixenérica

    Luísa Villalta non só foi poeta (e música), senón que abrazou a literatura dramática, a narrativa, o ensaio, o xornalismo de opinión... "É a dimensión integral dunha obra de gran coherencia con textos interconectados que emerxen dun mesmo núcleo: a paixón creadora na vontade da razón", destaca Ana Romaní. 

    Na narrativa, cómpre destacar Siléncio, ensaiamos (1991), As chaves do tempo (2001) e, sobre todo, Teoría de xogos (1997) 

  7. 07

    Papagaio

    De maneira póstuma publicouse Papagaio, unha obra que reúne os textos de Luísa Villalta e as fotografías de Maribel Longueira e explora a historia deste lugar da Coruña, antigamente espazo de prostitución, transformado no ano 2001 en edificios de vivendas e un grande aparcamento. Segundo Álvarez Cáccamo, os poemas “evidencian un claro parentesco de analoxía coa agresividade dos turbios negocios que sustentaron o proceso de reconversión do barrio. A inmoralidade do comercio sexual e a propia da especulación urbanística comparten a mesma raíz ideolóxica”.

  8. 08

    Xeración

    Luísa Villalta é unha autora "única", destaca Ana Romaní no seu texto, unha autora "rara no contexto da poesía de oitenta", apunta igualmente Pilar Pallarés. Porén, forma parte dunha xeración e autores e autoras coas que compartiu tempo e actividade, como salienta Víctor Freixanes na tribuna que abre o especial das Letras da RAG, "unha xeración sen complexos que xorde coa ambición de construír unha nova realidade, un novo tempo".

  9. 09

    Inconformista

    Luísa Villalta foi inconformista e implicouse nun gran número de causas. Participou activamente na Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, no BNG, no movemento Nunca Máis... Testemuño dese compromiso foron as súas colaboracións en medios de comunicación, especialmente as columnas que entre xaneiro de 2002 e marzo de 2004 escribiu en A Nosa Terra, que posteriormente foron compiladas en O libro das colunas (2005)

  10. 10

    Muller

    “Faga o que faga algo me lembra sempre que son unha muller”. Luísa Villalta condensou o seu pensamento feminista en dous textos moi significativos: 'Mulleres si, pero', publicado en A Festa da Palabra Silenciada en 1994, e 'Por que os homes non nos len?' do volume colectivo escrita e mulleres. doce ensaios arredor de Virginia Woolf (2003). “Sen racionalismo non habería feminismo”, advertía, ao tempo que alertaba de que "parte da mensaxe" do feminismo "está a ser reutilizada como un novo meio de aclimatar unha nova feminidade, isto é, mudar o necesario para que nada mude”.

  11. 11

    Baleiro

    O que deixou cando morreu moi prematuramente o 6 de marzo de 2004, por mor dunha meninxite. Deixou un gran número de proxectos en marcha e moitos outros por realizar. Neste 2024 faría 67 anos.

  12. 12

    Recoñecemento

    A súa morte prematura fixo que unha parte da súa obra -en proceso- se publicase de forma póstuma. E tamén de forma póstuma comezaron os recoñecementos. A Universidade da Coruña creou o Premio Luísa Villalta a Iniciativas Normalizadoras e a Deputación da Coruña creou o Premio Luísa Villalta de proxectos culturais pola igualdade. Así mesmo, no ano 2019 o Centro Ramón Piñeiro (ao que cedeu a súa biblioteca) organizou a xornada Palabra de Muller.

    O máis importante chegara hai dous anos, cando foi escollida 'Señora das Letras' do ano 2022 por A Sega. Finalmente, en xuño do pasado ano a Real Academia Galega acordou dedicarlle o Día das Letras de 2024 por ser "creadora dunha obra singular e sólida que a converteu nunha das grandes figuras da literatura galega que emerxeron na segunda metade dos anos 80 e primeiros 90".