Luísa Villalta, escollida 'Señora das Letras' do ano 2022: "celebrámoste lúcida e comprometida"

Luísa Villalta © A Sega

No ano 2014 a plataforma de crítica literaria A Sega comezou a organizar o Día das galegas nas Letras, unha celebración anual que homenaxea a mulleres que destacaron pola súa obra literaria ou pola súa achega xeral á cultura galega. A celebración, ademais, buscaba contrarrestar a ausencia de homenaxeadas no Día das Letras Galegas, recolecéndoas e chamando a atención sobre a súa importancia e calidade da súa obra. Dorothé Schubarth foi a primeira e dende entón, este Día das galegas nas Letras foi dedicado a María Xosé Queizán, Patricia Janeiro ou Marica Campo ou ás propias María Victoria Moreno e Xela Arias antes de que foran homenaxeadas pola RAG.

Villalta, nacida na Coruña en 1957 e finada na mesma cidade no 2004, escribiu poesía, narrativa, ensaio e teatro e foi tamén mestra e violinista

Nesta ocasión a elixida como "Señora das Letras" do ano 2022 é Luísa Villalta, que tamén vén soando nos últimos como homenaxeada no Día das Letras. Villalta, nacida na Coruña en 1957 e finada na mesma cidade no 2004, escribiu poesía, narrativa, ensaio e teatro e foi tamén mestra e violinista, chegando a formar parte da  Orquestra de Santiago de Compostela e da Xove Orquestra de Galicia. Conta con seis poemarios editados, varias pezas de teatro e tres libros de relatos, ademais de varias obras de ensaio e múltiples colaboracións en obras colectivas e revistas.

A Sega anunciou a escolla cun vídeo no que tres das súas integrantes "len" os pousos do café para descubrir a figura elixida por Rosalía

Nos últimos anos comezou a recibir homenaxes e recoñecementos e, por exemplo, a Universidade da Coruña creou o Premio Luísa Villalta a Iniciativas Normalizadoras e a Deputación da Coruña creou o Premio Luísa Villalta de proxectos culturais pola igualdade. Así mesmo, no ano 2019 o Centro Ramón Piñeiro (ao que cedeu a súa biblioteca) organizou a xornada Palabra de Muller.

A Sega deu a coñecer a escolla a través dun vídeo no que tres das súas integrantes "len" os pousos do café para descubrir a figura elixida por Rosalía de Castro. Así, apareceron as letras "L" e "V", un violín, unha "cidade alta" ou un papagaio en referencia a dous dos seus poemas e poemarios, antes de anunciar definitivamente o nome da autora, que sucede a Inma António Souto e a Uxía Casal, elixidas nos dous últimos anos.

"Celebrámoste desde a complexidade da épica ao publicismo, deste ti, desde o teu pensar, lúcida e comprometida, sempre na construción dun pobo", escribe A Sega

Nun texto publicado pola plataforma de crítica literaria explican a escolla de Villalta: "Celebrámoste desde a complexidade da épica ao publicismo, deste ti, desde o teu pensar, lúcida e comprometida, sempre na construción dun pobo, dese pobo que foxe de si mesmo, dunha literatura, dunha lingua, no foro da cultura". "Ti, que sabes do couto á liberdade, do silencio, da banalización, das estratexias para neutralizar o discurso ético e literario", escriben, engadindo: "Ti, que reclamas a liberdade de ser escritora galega nunha Galiza viva e democrática"

"Ti, que dixeches isto é tamén unha muller que resiste. Igual que un tigre ignora a tigritude: Salta. Penelope tece o tecido do regreso.Celebrámoste, gozamos, saltamos contigo", remata o texto dirixido á autora.

Na rede poden verse dous documentais que percorren a vida e obra da autora, que finou cando só tiña 46 anos de idade. Un deles é o realizado no 2014 por Illa Bufarda para unhas xornadas do Consello da Cultura Galega sobre Luísa Villalta e Xela Arias. O outro foi producido no ano 2013 polo IES Isaac Díaz Pardo, onde ela impartiu clases.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.