Compostela acolleu os actos de celebración da cuarta edición do Día das Galegas nas Letras, organizado pola plataforma de crítica literaria A Sega e dedicado nesta ocasión a Patricia Janeiro, que sucedeu a Dorothé Schubart (2014), María Victoria Moreno (2015) e María Xosé Queizán (2016). Os actos comezaron cun roteiro polo centro da cidade, partindo dende a Praciña de San Roque, no que Janeiro debullou o papel que este espazo físico xoga na súa obra e no seu proceso de creación. Andrea Nunes e Ánxela Lema leron o manifesto do IV Día das Galegas nas Letras, titulado "Unha carta de amor aos puntos suspensivos".
"Esta é unha carta de amor aos puntos suspensivos. Dedicada a todas aquelas cuxos textos foron omitidos, cuxas transcricións literais non chegaron ao final da cita. A todas aquelas que tiveron que padecer que mentres uns atopan os recoñecementos, o lugar nos libros de texto ou os máis altos honores cunha ou dúas obras publicadas, outras escapen polos mesmos motivos ata dos andeis das librarías, xa non digamos a atención da crítica, o canon e a fama literaria", comeza o texto.
Tras un xantar popular, leváronse a cabo distintas actividades no Parque de Bonaval: obradoiros para crianzas e para adultas e actuacións de mulleres como Chus Álvarez, MJ e Charo Pita e conxuntos como As Áureas e As Tamborililás.