O 6 de marzo de 2004 finaba na Coruña Luísa Villalta, filóloga, escritora e tamén violinista. A vindeira semana será polo tanto o 15º cabodano da súa morte e coincidindo con esa data a Secretaría Xeral de Igualdade, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e o Centro Ramón Piñeiro preparan unha xornada de homenaxe e análise da súa obra, que ademais precederá á folga xeral de mulleres do 8M.
"Se hai un trazo característico que transversaliza de xeito integral toda a múltiple e vizosa escrita da autora este é o da súa inequívoca pegada feminista"
"Se hai un trazo característico que transversaliza de xeito integral toda a múltiple e vizosa escrita da autora este é, a non dubidalo, o da súa inequívoca pegada feminista, pois só dende a asunción da loita a prol da igualdade de xénero e o apoderamento da muller é posible entender moitas das xeniais páxinas desta extraordinaria creadora", destácase na convocatoria do evento.
Así, o mércores 6 de marzo o auditorio do pazo de San Roque (sede do Centro Ramón Piñeiro, en Compostela) acollerá a partir das 16.30 horas os actos, que terán como contido central unha mesa redonda titulada “Luísa Villalta, creadora integral”. Nela participarán Estíbaliz Espinosa (“Luísa Villalta, poeta”), Inma Otero Varela (“Luísa Villalta, narradora e ensaísta”); Inma López Silva (“Luísa Villalta, dramaturga”) e Miriam Ferradáns (“A pegada de Luísa Villalta nas novas xeracións literarias”), moderadas por Armando Requeixo, que coordina a xornada.
Estíbaliz Espinosa, Inma Otero, Inma López Silva e Miriam Ferradáns participarán nunha mesa redonda que analizará a obra de Luísa Villalta
Ademais, haberá unha recitación e lectura de textos de Luísa Villalta a cargo das mesmas integrantes da mesa redonda e das bolseiras do Centro Ramón Piñeiro: Belén Bouzas, Ana Bravo, Raúl Costas, Marina Garzón, Laura Gil, Ánxela Lema, Belén Poutón, Sonia Rico, Lara Rozados e Sara Villar.
A xornada abrirase e pecharase cunha peza musical a cargo do Grupo Vocal EntrElas e a violinista Paloma
Diago Busto baixo a coordinación de Xosé Saavedra. E coas intervencións do secretario xeral de Política
Lingüística, Valentín García Gómez; a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella; a nai e a irmá da escritora homenaxeada, María Gómez Castro e Susana Villalta Gómez; e mais o coordinador científico do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, Manuel González González.