A poeta e violinista coruñesa convértese así na sexta muller protagonista das Letras nas 61 edicións desta celebración, despois de Xela Arias (2021), María Victoria Moreno (2018), María Mariño (2007), Francisca Herrera Garrido (1987) e Rosalía de Castro (1963)
Luísa Villalta será a autora homenaxeada no Día das Letras Galegas do ano 2024, no vixésimo aniversario do seu pasamento. A Real Academia Galega aprobou este xoves a decisión, destacando que Villalta foi "creadora dunha obra singular e sólida que a converteu nunha das grandes figuras da literatura galega que emerxeron na segunda metade dos anos 80 e primeiros 90". A súa candidatura foi impulsada polo Concello de Sada e por nove académicas e académicos: Chus Pato, Marilar Aleixandre, Fina Casalderrey, Manuel González, Margarita Ledo Andión, Manuel Rivas, María López Sández, Euloxio Rodríguez Ruibal e María Dolores Sánchez Palomino. A proposta foi encabezada e defendida pola poeta e xornalista Ana Romaní.
A poeta e violinista coruñesa convértese así na sexta muller protagonista das Letras nas 61 edicións desta celebración, despois de Xela Arias (2021), María Victoria Moreno (2018), María Mariño (2007), Francisca Herrera Garrido (1987) e Rosalía de Castro (1963).
A Academia salienta que "o 17 de maio de Luísa Villata será unha ocasión excepcional para reivindicala en toda a súa amplitude como a intelectual que foi" e sinala que a autora coruñesa "foi unha escritora para facermos pensar o mundo contemporáneo"
A proposta sometida a votación este xoves destaca que “Luísa Villalta é unha intelectual. A lóxica, a razón, o pensamento configuran o humus no que enraíza un dos trazos máis significativos da súa voz. Unha poeta do pensamento, en palabras de Pilar Pallarés [poeta da mesma xeración], que empregaba a poesía para pensar o mundo contemporáneo, como ten subliñado Arturo Casas”,
Neste senso, a Academia salienta que "o 17 de maio de Luísa Villata será unha ocasión excepcional para reivindicala en toda a súa amplitude como a intelectual que foi" e sinala que a autora coruñesa "foi unha escritora para facermos pensar o mundo contemporáneo, a través dunha obra marcada polo pensamento apaixonado, a procura do rigor e tamén a exploración estilística".
Foi unha autora multifacética, que escribiu poesía, teatro, narrativa e ensaio, ademais de ser mestra de lingua galega no ensino secundario e violinista
Luísa Villalta foi unha muller multifacética que morreu moi nova, con só 46 anos a consecuencia dunha meninxite. Conta con seis poemarios editados, varias pezas de teatro e tres libros de relatos, ademais de varias obras de ensaio e múltiples colaboracións en obras colectivas e revistas (Man Común, Festa da Palabra Silenciada, Tempos Novos, Grial, Luzes de Galiza, Agália, Boletín Galego de Literatura, A Trabe de Ouro...).
"Non hai que esquecer ademais que Luísa Villalta foi unha escritora que opina", destaca neste senso a Academia. Entre os anos 2002 e 2004 publicou de forma regular en A Nosa Terra, uns artigos que un ano despois da súa morte foron compilados no Libro das colunas.
A súa experiencia musical influíu na súa creación literaria e sobre a interacción entre as dúas artes reflexionou en varios artigos e no ensaio O outro lado da música, a poesía, no que analiza a poesía galega a través do prisma da súa relación coa música
Despois do poemario Música reservada, publicou Ruído e Rota ao interior do ollo; e, xa de forma póstuma, En concreto, O Papagaio e As palabras ingrávidas, ademais da antoloxía Pensar é escuro. Poesía reunida (1991-2004), editado por Galaxia este ano. Escribiu tamén cinco obras de teatro: Concerto para un home só, O representante, O paseo das esfinxes, Os doces anos da guerra, As certezas de Ofelia, reunidas nunha antoloxía dramática no ano 2018. Na súa obra narrativa destacan Silencio, ensaiamos e as novelas Teoría de xogos e As chaves do tempo.
“Os acentos da súa voz, os focos da súa obra, o alento da súa escrita fan dela unha autora que sorprende na singularidade e pon de relevo, unha vez máis e fóra de estereotipos, a amplitude do campo literario que se estende en trazos de autoras únicas”, destaca a Academia.
Foi tamén mestra de lingua galega no ensino secundario nos institutos Xosé Neira Vilas (Oleiros) e no de Canido (Ferrol) antes de se incorporar definitivamente ao Isaac Díaz Pardo (Sada), onde promoveu unha intensa actividade cultural
Ademais, foi tamén mestra de lingua galega no ensino secundario nos institutos Xosé Neira Vilas (Oleiros) e no de Canido (Ferrol) antes de se incorporar definitivamente ao Isaac Díaz Pardo (Sada), onde promoveu unha intensa actividade cultural.
Así mesmo, foi violinista, chegando a formar parte da Orquestra de Santiago de Compostela e da Xove Orquestra de Galicia. A súa experiencia musical influíu na súa creación literaria e sobre a interacción entre as dúas artes reflexionou en varios artigos e no ensaio O outro lado da música, a poesía, no que analiza a poesía galega a través do prisma da súa relación coa música.
Implicouse social e politicamente e no activismo cultural; formou parte da diretiva da Asociación de Escritores en Lingua Galega e participou activamente na Mesa pola Normalización Lingüística
Implicouse social e politicamente e no activismo cultural e formou parte da diretiva da Asociación de Escritores en Lingua Galega, participou activamente na Mesa pola Normalización Lingüística e interveu no Foro Negro celebradon no ano 2003 en resposta ao desastre do Prestige.
Naceu na Coruña en 1957 (na rúa Vila de Laxe do barrio da Falperra) e finou na mesma cidade no ano 2004, sendo soterrada no cemiterio de San Amaro. Na madrugada do 5 ao 6 de marzo falecía por mor dunha meninxite fulminante na mesma casa onde nacera, na "Cidade Alta" dos seus versos.
Naceu na Coruña en 1957 (na rúa Vila de Laxe do barrio da Falperra) e finou na mesma cidade no ano 2004. Estivo sempre moi vencellada á cidade herculina e dedicou á urbe os poemarios 'En concreto' e 'O Papagaio'
Estivo sempre moi vencellada á cidade herculina e dedicou á urbe os poemarios En concreto e O Papagaio, este último -con fotografías de Maribel Longueira- centrado no desaparecido espazo de prostitución existente na cidade e ás prostitutas que alí había.
"Nestas páxinas as imaxes de Longueira que dan conta do proceso de demolición das antigas edificacións dialogan cos versos de Villalta, tecidos para lles devolver a dignidade ás mulleres que as habitaron e denunciar a especulación urbanística á que foi sometido este espazo urbano", destaca a Academia.
A súa escrita foi premiada en varias ocasións, destacando o XIII Premio Espiral Maior (2004). Nos últimos anos comezou a recibir homenaxes e recoñecementos: a Universidade da Coruña creou o Premio Luísa Villalta a Iniciativas Normalizadoras e a Deputación da Coruña creou o Premio Luísa Villalta de proxectos culturais pola igualdade
A súa escrita foi premiada en varias ocasións: por exemplo, no certame de relatos curtos Modesto R. Figueirido (1990) por A taberna do holandés. Tamén recibiu o XIII Premio Espiral Maior (2004) polo seu poemario En concreto. E, postumamente, foi merecedora do Premio da Crítica Galega á Creación Literaria (2005) por En concreto.
Nos últimos anos comezou a recibir homenaxes e recoñecementos e, por exemplo, a Universidade da Coruña creou o Premio Luísa Villalta a Iniciativas Normalizadoras e a Deputación da Coruña creou o Premio Luísa Villalta de proxectos culturais pola igualdade. Así mesmo, no ano 2019 o Centro Ramón Piñeiro (ao que cedeu a súa biblioteca) organizou a xornada Palabra de Muller e tamén o Consello da Cultura Galega dedicou unha xornada conxunta a Xela Arias e a Luísa Villlata, finadas cun ano de diferenza e finalmente tamén homenaxeadas no Día das Letras en ambos os dous casos.
Na xornada Palabra de Muller celebrada hai catro anos subliñouse que "se hai un trazo característico que transversaliza de xeito integral toda a múltiple e vizosa escrita da autora este é, a non dubidalo, o da súa inequívoca pegada feminista"
Moi especial foi a homenaxe que Villalta recibiu o pasado ano no Día das galegas nas Letras a cargo da plataforma de crítica literaria A Sega, que nese momento escribiu "celebrámoste desde a complexidade da épica ao publicismo, deste ti, desde o teu pensar, lúcida e comprometida, sempre na construción dun pobo".
Na xornada Palabra de Muller celebrada hai catro anos subliñouse que "se hai un trazo característico que transversaliza de xeito integral toda a múltiple e vizosa escrita da autora este é, a non dubidalo, o da súa inequívoca pegada feminista, pois só dende a asunción da loita a prol da igualdade de xénero e o apoderamento da muller é posible entender moitas das xeniais páxinas desta extraordinaria creadora".
Nos vindeiros meses serán moitas as obras escritas e audiovisuais que afondarán na figura de Luísa Villlata. De momento na rede poden verse dous documentais que percorren a vida e obra da autora, que finou cando só tiña 46 anos de idade. Un deles é o realizado no 2014 por Illa Bufarda para as xornadas do Consello da Cultura Galega e o outro foi producido no ano 2013 polo IES Isaac Díaz Pardo, onde ela impartiu clases.