Comeza o Ano Luísa Villalta: poesía e música unidas nunha autora "única" e "inconformista"

Luísa Villalta en Portugal © Arquivo familiar / CIRP

O especial ábrese cunha ampla biografía asinada pola académica, xornalista e poeta Ana Romaní

O vindeiro 17 de maio celebraranse os actos centrais do Día das Letras Galegas dedicado a Luísa Villalta. Porén, ao longo de todo este ano 2024 a autora coruñesa será protagonista de publicacións, conferencias e actividades no mundo do ensino. Un Ano Luísa Villalta que a Real Academia Galega vén de inaugurar na súa web cun especial dedicado á poeta, finada en 2004, con só 46 anos, por mor dunha meninxite.

O especial ábrese cunha ampla galería fotográfica con imaxes inéditas cedidas na súa maioría pola familia da escritora e, sobre todo, unha ampla biografía asinada pola académica, xornalista e poeta Ana Romaní, compañeira que xeración, que traza un retrato de Luísa Villalta e percorre a súa obra, marcada pola exploración, o pensamento apaixonado, a procura do rigor e a coherencia intelectual, e debuxada con matices propios e singulares no contexto de finais do século XX e os comezos do XXI.

O Día das Letras 2024 está dedicado a Luísa Villalta © Xosé Abad / RAG

“Luísa Villalta é unha escritora multixenérica que abraza a poesía, a literatura dramática, a narrativa, o ensaio, o xornalismo de opinión e mesmo cadernos de aforismos e de carácter memorialístico. É a dimensión integral dunha obra de gran coherencia con textos interconectados que emerxen dun mesmo núcleo: a paixón creadora na vontade da razón”, subliña Romaní.

Coa celebración das Letras Galegas 2024, a Real Academia Galega agarda que o súa obra sexa divulgada en toda a súa amplitude e que Luísa Villalta sexa recoñecida tamén polo gran público como a muller comprometida coa cultura e o país que foi

A web inclúe, ademais, unha tribuna asinada polo presidente da RAG, Víctor Freixanes, que serve como presentación do espazo, no que se irán incorporando novos contidos divulgativos ao longo do ano concibidos para públicos de distintas idades. Entre eles, coma en edicións das Letras Galegas anteriores, incluirase unha serie web sobre a homenaxeada e o espazo para o público infantil Primavera das Letras.

Coa celebración das Letras Galegas 2024, a Real Academia Galega agarda que o súa obra sexa divulgada en toda a súa amplitude e que Luísa Villalta sexa recoñecida tamén polo gran público como a muller comprometida coa cultura e o país que foi. O seu legado literario, producido en apenas quince anos, inclúe quince libros e numerosos artigos xunto a moitos outros textos diseminados en publicacións colectivas á procura de novos lectores e lectoras nestas Letras Galegas de Luísa Villalta.

"Unha xeración sen complexos que xorde coa ambición de construír unha nova realidade, un novo tempo"

"Luísa representa ese impulso creativo, unha curiosidade intelectual e artística que a leva a ensaiar diversas formas de expresión, diferentes xéneros, nos que salienta moi especialmente (aínda que non exclusivamente) a poesía"

“Luísa Villalta sitúase sempre na emoción e na ambición expresiva: poética sen concesións, que propón unha lectura esixente, ao tempo que ofrece rexistros renovados e estimulantes”, destaca Freixanes, que pon o foco, igualmente, na extensión da homenaxe á xeración de autoras e autores da que Villalta formaba parte, mulleres e homes que comezaron a expresarse na década dos anos 90 do pasado século. "Unha xeración nova, ilusionada, entusiasta, aberta ao mundo. Unha xeración sen complexos que xorde coa ambición de construír unha nova realidade, un novo tempo", di o presidente da RAG.

"Luísa representa ese impulso creativo, unha curiosidade intelectual e artística que a leva a ensaiar diversas formas de expresión, diferentes xéneros, nos que salienta moi especialmente (aínda que non exclusivamente) a poesía. Neste caso, encarna moi ben a xeración poética da transición entre séculos na que, por certo, tiveron especial protagonismo as mulleres", sinala.

Luísa Villalta © Arquivo familiar / CIRP

Unha autora "única" e "inconformista"

“A inconformidade maniféstase en Luísa Villalta na literatura e na actividade pública. Participa vivamente nos debates culturais da fin do milenio e é unha das impulsoras do Foro da Cultura Galega”, lembra Ana Romaní

Na biografía que se publica na web da RAG,  Ana Romaní subliña a capacidade que Villalta demostrou de trazar no literario itinerarios insólitos: “Os acentos da súa voz, os focos do seu traballo, o alento da súa escrita fan dela unha autora que sorprende pola súa singularidade”, escribe Romaní, que conclúe que a súa obra "pon de relevo, unha vez máis e fóra de estereotipos, a amplitude do campo literario que se estende en trazos de autoras únicas".

A biografía arrinca cos versos que Villalta anotara no lateral dun almanaque da editora portuguesa Assírio&Alvim en xaneiro de 2004, semanas antes do seu pasamento: “Escoito a voz / que me silencia: / comezo a expresar / o necesario”. Os catro versos concentran algúns dos signos do orixinal alfabeto que codifica a indagación literaria da escritora. A voz e o silencio resoan na súa procura das interseccións e cruzamentos entre a poesía e a música; a expresión do necesario abre o espazo da paixón reflexiva na que se sustenta a súa obra”, di a académica.

Luísa Villalta cultivou a escrita teatral e o ensaio nun momento en que ambos os espazos eran maioritariamente masculinos, resalta Ana Romaní

“A inconformidade maniféstase en Luísa Villalta na literatura e na actividade pública. Participa vivamente nos debates culturais da fin do milenio e é unha das impulsoras do Foro da Cultura Galega”, lembra Ana Romaní. Da súa ollada crítica á sociedade na que lle tocou vivir dan boa conta os artigos de opinión que escribiu entre xaneiro de 2002 e marzo de 2004 no semanario A Nosa Terra, recollidos postumamente n’O libro das colunas; ou o póstumo O Papagaio (2006), no que lles puxo versos ás fotografías de Maribel Longueira que testemuñan o derrubamento en mans da especulación urbanística do barrio coruñés que lle dá nome ao volume, epicentro ata o momento do comercio sexual na cidade.

Luísa Villalta no XIII Galeusca (Andorra, 1996), canda a Manuel María, Cesáreo Sánchez Iglesias, Saleta Goy, Manuel Forcadela, Manuel Miragaia, Manuel Vidal Villaverde, Rafa Villar e Bernardino Graña © Arquivo de Cesáreo Sánchez Iglesias

Música e todos os xéneros da literatura

Titulada superior en violino, chegou a forma parte da Orquestra de Santiago e da Xove Orquestra de Galicia, e tamén foi membro do grupo folk Escaino, pero consciente das dificultades de abrirse camiño profesionalmente como intérprete, converteuse en profesora de Lingua e literatura galegas de secundaria no ensino público

En Luísa Villalta, música e literatura sempre foron da man. Titulada superior en violino, chegou a forma parte da Orquestra de Santiago e da Xove Orquestra de Galicia, e tamén foi membro do grupo folk Escaino, pero consciente das dificultades de abrirse camiño profesionalmente como intérprete, converteuse en profesora de Lingua e literatura galegas de secundaria no ensino público, profesión que exerceu con destino definitivo a partir de 1991 no IES Isaac Díaz Castro de Sada. Así e todo, a música nunca a abandonou e deixou unha fonda pegada na súa produción literaria dende os seus inicios, con títulos como a obra teatral Concerto para un home só (1989) -a súa primeira publicación- e o seu debut como poeta, Música reservada (1991), ou o ensaio O outro lado da música, a poesía: relación entre ambas as artes na historia da literatura galega (1999).

Luísa Villalta cultivou a escrita teatral e o ensaio nun momento en que ambos os espazos eran maioritariamente masculinos, resalta Ana Romaní. Estes dous xéneros conflúen noutro ensaio que demostra unha vez máis a fondura intelectual da creadora, O don Hamlet de Cunqueiro: unha ecuación teatral (1992). Pero malia os títulos que deixou en ambos os campos e das súas incursións na narrativa con títulos como o seu único volume de relatos, Silencio, ensaiamos (1991) e as novelas Teoría de xogos (1997) e As chaves do tempo (2001), a protagonista do vindeiro 17 de maio foi recoñecida ata o momento sobre todo como poeta.

Algunhas das obras publicadas por Luísa Villalta ©

"Case ninguén a destacou como merece"

O sitio dedicado a Luísa Villalta recolle tamén na súa estrea lembranzas sobre a autora da súa nai e a súa irmá, María Gómez e Susana Villalta. “Coido que non a destacou aínda case ninguén como merece, di a súa irmá

O sitio dedicado a Luísa Villalta recolle tamén na súa estrea lembranzas sobre a autora da súa nai e a súa irmá, María Gómez e Susana Villalta. “Aconteceu a traxedia dunha vida roubada pero tivemos a sorte de contar cos seus pensamentos e o seu traballo. Luísa aportou e seguirá aportando moito en todos os ámbitos da cultura. O coñecemento da súa obra é enriquecedor para nós e para as xeracións vindeiras”, expresa Susana Villalta, que pon o acento na parte filosófica da súa escrita. 

“Coido que non a destacou aínda case ninguén como merece. Ela era unha persoa profunda e moi culta, gustáballe moito transmitir o seu pensamento, un pensamento elaborado, avanzado para a súa época e perenne, preocupado pola dimensión social. A súa obra ten un trasfondo que fai pensar sobre o sentido da vida e reflicte a maneira que ela tiña de vela”, valora.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.