Que pensaría Luísa Villalta das Indóciles? É unha das cuestións principais que tiveron en conta a narradora oral Vero Rilo, a resitadora Nuria Vil e a música e cantante Mónica de Nut á hora de montar ese espectáculo único que dialoga coa poeta homenaxeada no Día das Letras Galegas da Real Academia Galega este ano e co que pretenden achegar as partes da súa obra coas que máis conectan as propias artistas.
Vero Rilo conta que estivo a piques de deixar pasar a oportunidade de traballar sobre a obra de Villalta, pero que en canto profundou un pouco no patrimonio que nos deixou tras a súa morte en 2004 decatouse do privilexio que supuña. “Interesábame como muller, militante, artista e mestra”, di.
Todo partiu dun contacto do Concello de Sada –onde naceu Villalta– coa produtora Culturactiva, que lle propuxo á narradora montar o que finalmente é Indóciles, unha experiencia onde a música, a poesía e narración oral danse a man chamada a ser parte destacada da súa traxectoria artística. “Tiñamos que empregar o noso propio código porque o que facemos é revisitar a súa obra e lanzar a nosa propia proposta”, sinala Rilo.
"Creo un espazo sonoro pero pasado por filtros, cun traballo vocal de bases, transmitindo o espírito de Villalta e os nosos códigos á vez", sinala Mónica de Nut
Para esta aventura buscou as mellores compañeiras de viaxe. Coñecera a Nuria Vil durante a pandemia porque eran veciñas (pero non o sabían) e propúxolle participar porque sabía que forma parte do colectivo de críticas A Sega, que xa lle adicou o Día das Galegas nas Letras a Villalta en 2022, polo que xa coñecía a súa obra. “Como na Sega coñecín a amigas dela tamén sinto que a coñezo desde outras perspectivas, eu por iso escollín interpelala directamente co que fago”, conta Nuria Vil.
Pola súa banda, Mónica de Nut non coñecía a música nin a obra escrita de Villalta. “Resultoume indecente non saber nada dela, pero empecei a interesarme por ela cando souben o das Letras. Cando me chamou Vero resultoume moi interesante poder traballar con elas sobre Villalta. Aínda que o violín non é o meu, si que tiña unhas gravacións dun amigo violinista das que pensei que podía botar man para facer o guiño. Creo un espazo sonoro pero pasado por filtros, cun traballo vocal de bases, transmitindo o espírito de Villalta e os nosos códigos á vez, buscando unha musicalidade que empaste o traballo de Vero, de Nuria e meu. E creo que o conseguimos, nós estamos cómodas”, relata.
"Escollín dialogar con Luísa, sacudila un pouco. Aí está un pouco o indócil", conta Nuria Vil
“Escollín dialogar con Luísa, sacudila un pouco. Aí está un pouco o indócil, que é coller a unha persoa que xa está canonizada –porque é a protagonista do Día das Letras– e interpelala –a ela e mais ao público– para que me diga o que lle parece o que lle estou contando. Intentamos as tres, e eu sobre todo, utilizar un rexistro que resulte fácil de escoitar dentro de toda a temática social que empregou Villalta”, debulla Nuria Vil, que volve escoller sobre todo poemas de Papagaio, como xa fixera nunha reportaxe anterior sobre a autora publicada en Praza.
De feito, os principais poemarios que emprega Nuria Vil para este espectáculo non se poden atopar agora mesmo nas librarías. Están descatalogados e, semella, case perdidos. A estas alturas aínda non se ten noticia de que se vaian recuperar ao abeiro da celebración das Letras. A escritora Marga do Val preguntábase, nun artigo de opinión publicado no Nós Diario, Que(n) impide ler a túa obra, Villalta? Pois ben, Indóciles quere ser tamén unha vía de descubrimento doutras caras da figura poliédrica que foi Luísa Villalta como artista multidisciplinar.
"Centreime nas novas posibles vidas, os coidados e a amizade. Temáticas que aínda que parecen moi dóciles, a min resúltanme moi indóciles", di Vero Rilo
Linguaxe da rúa, da terra. Comprometida e militante. “Partín dunha historia de vida previa, onde remodelei, ficcionei e introducín personaxes da obra dramática de Villalta”, conta Vero Rilo sobre a súa parte do espectáculo, construído entre as tres desde o pasado mes de novembro case como quen constrúe un quebracabezas de moitas pezas.
“Centreime nas novas posibles vidas, os coidados e a amizade principalmente. Temáticas que aínda que parecen moi dóciles, a min resúltanme moi indóciles porque ao final falo de flores e dozura, pero cun discurso de fondo distinto. Interésanos resaltar o plano social e militante de Luísa, queiran facer o que queiran facer con ela, a súa obra fala por ela. Que é se indóciles nestes tempos? Quixen collela desde aí”, describe. “É que estamos a vivir un xenocidio en directo a través das redes e nun momento de violencia máxima –engade Nuria Vil–. Que é ser indócil agora?”.
Quen coñeza a obra de Villalta, ou mesmo quen a coñeceu a ela, atopará un espectáculo cheo de referencias que, á vez, busca ser accesible a quen nunca a leu nin a escoitou, pero que pode animarse a facelo ao remate da función. Unha posta en escena sobria e simple que lle dá todo o protagonismo ás tres artistas sobre o escenario, elas son a palabra e a música, e van construíndo un altar simbólico para a cuarta artista en escena: Luísa Villalta.
Indóciles tivo a súa preestrea este xoves no Multiusos de Arcade, estréase este venres no marco do Festival Rosalía de Santiago de Compostela e, de momento, ten confirmadas actuacións no mes de maio en Sada (día 17) e de novo en Santiago, na Cidade da Cultura, o día 25. “Esperamos, desexamos e necesitamos que cheguen novas datas para o espectáculo porque queremos poder vivir dignamente do noso oficio”, destacan.