O Festival Rosalía leva a Compostela o "atrevemento" da poeta con dous días de recitais, contacontos e concertos

Presentación do Festival Rosalía © Deputación da Coruña

A programación terá nesta ocasión o seu centro en Compostela, na praza de Mazarelos, e baixo o lema 'Un grande atrevemento' e incluirá unha quincena de actividades de poesía, artes escénicas, música e narración oral

O Festival Rosalía celebra a súa sexta edición os vindeiros días 23 e 24 de febreiro, conmemorando un ano máis o nacemento da poeta, nun evento organizado pola Deputación da Coruña en colaboración co Concello de Santiago. A programación terá nesta ocasión o seu centro en Compostela, na praza de Mazarelos, e baixo o lema 'Un grande atrevemento' e incluirá unha quincena de actividades de poesía, artes escénicas, música e narración oral.

Na presentación, celebrada na mañá deste venres, a deputada provincial de Normalización Lingüística, Soledad Agra, salientou que “encheremos Compostela para celebrar novas creatividades en lingua galega”, e incidiu en que nesta edición hai “un programa intenso, variado e diverso para todo tipo de publicos”. 

Cartel da edición 2024 do Festival Rosalía © Deputación da Coruña

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, destacou que “Rosalía de Castro foi pioneira, vangardista e atrevida, o que dá título a esta edición, Un grande atrevemento”

Pola súa banda, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, destacou que “Rosalía de Castro foi pioneira, vangardista e atrevida, o que dá título a esta edición, Un grande atrevemento”, e engadiu que “un dos maiores atrevementos de Rosalía xa non só foi facer os poemas de Cantares Gallegos e Follas Novas en galego, senón tamén facer o prólogo de Cantares Gallegos en galego naquela altura”.

 

Venres: feira, contacontos e música

A programación, moi intensa, concéntrase en dúas xornadas: o venres pola tarde e o sábado durante todo o día. O venres a actividade comezará ás 17 horas coa apertura da feira de produtos con “marca Rosalía”. Ás 17.30 horas será a quenda de Somos fíos, somos fontes, somos regatos pequenos, unha sesión de contacontos familiar da formación a Trastenda dos Contos. 

O sábado a programación abrirá ás 12 horas con Ópera Break’s,  un espectáculo que mestura canto lírico, break-dance, Beatbox e Dj

Ás 19 horas, Isabel Risco e Fran Rei encarnarán a Rosalía de Castro e máis a Eduardo Pondal no seu espectáculo escénico Dúo vaguedades, unha montaxe que fusiona música, audiovisual, teatro e humor. Finalmente, ás 20.30 horas, o Festival Rosalía recibirá Indóciles, proxecto multidicisplinar que reúne a cantante e compositora Mónica de Nut, a narradora oral Vero Rilo e a resitadora Nuria Vilán Prado (coñecida artisticamente como Nuria Vil) para achegarlle ao público a obra de Luísa Villalta, autora homenaxeada nas Letras Galegas deste ano.

 

Sábado: ópera, pasarrúas, contacontos e mesmo un concurso de preguntas e respostas

O sábado a programación abrirá ás 12 horas con Ópera Break’s, un espectáculo que mestura canto lírico, break-dance, Beatbox e Dj nunha única función que une en escena a soprano Esperanza Mara e os artistas urbanos do colectivo Vella Escola. Ás 13.30 horas, chegará a Sesión Vermú da man de Luís Vallecillo, que actuará para o público familiar co seu espectáculo Cantamos con... Rosalía de Castro!

Soledad Agra, na presentación do Festival Rosalía © Deputación da Coruña

O sábado ás 16.30 horas o grupo Quinquilláns ofrecerá un pasarrúas teatralizado

Ás 16.30 horas, o grupo Quinquilláns ofrecerá un pasarrúas teatralizado que percorrerá a cidade nun circuíto circular. Esta ruta viaxará a 1880; Rosalía está a piques de abandonar Compostela e, na compaña do seu amigo Paz Novoa, pasea polo zona vella. Ás 17 horas terá lugar Contos nunha roda, sesión de narración oral baseado en Rosalía de Castro e nos seus Cantares gallegos.

Media hora despois, ás 17.30 horas, dará comezo o Quiz Rosaliano, un concurso aberto para amosar os coñecementos sobre a autora e gañar algún dos paquetes cos produtos rosalianos que se entregarán como premio. Ás 18.30 horas, a investigadora Pilar García Negro presentará o seu libro Intenso e solidario Feminismo. Estudios Rosalianos, na compañía da editora Mª Carme Pérez-Sanjulián.

O peche: poesía e un concerto

O recital O atrevemento da voz nos versos e un concerto de Loita Amada porán fin aos festexos

Ás 20 horas, Chan da Pólvora Editora reunirá no recital O atrevemento da voz nos versos  catro voces que fixeron da oralidade un instrumento de potencialidade poética: Rosalía Fernández Rial, Sol Mariño, Lúa Mosquetera e Nuria Vil. Nesta sesión, pártese de diferentes poemas de Rosalía para levantar un recital no que a poesía será repensada para ser escoitada, mais tamén para ser vista.

O Festival Rosalía despedirase ás 21.15 horas coa actuación de Loita Amada, que presentará o seu traballo discográfico Rematou o simulacro. A banda está conformado por Jásper, (guitarra e voz), Amós Varela (batería), María Prado (trompeta e voces), Xiana Naval (trombón), Iván Bernárdez (baixo) e Iván Barreiro (Guitarra).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.