A actriz Maruxa Villanueva (1906-1998) coidou durante tres décadas a Casa de Rosalía en Padrón. A definida pola Fundación Rosalía de Castro como "excepcional especialista no mundo rosaliano" foi coidadora da casa da Matanza e tamén receptora e guía de quen acudía a visitala.
Un cuarto de século despois da súa morte, Maruxa Villanueva revive como avatar para guiar as visitas virtuais á casa. En vésperas da celebración do Día de Rosalía, a Fundación destaca que a súa Casa Museo é "dende hoxe, o primeiro museo do mundo que emprega un avatar en tres dimensións guiando a súa visita virtual", esa Maruxa Villanueva en 3D.
A empresa compostelá Orestes Comunica, da man do debuxante e animador pontevedrés Jorge Costas e "un equipo israelita de programadores especializados no metaverso", explican, lograron construír "o avatar dunha muller galega e falando en galego" para guiar este percorrido virtual, xa dispoñible no sitio web da Fundación. A Maruxa Villanueva virtual guía a visita dende o exterior da casa ata os tres espazos expositivos do interior.
O avatar en 3D da actriz que durante tres décadas coidou da Casa da Matanza e recibiu a quen a visitaba guía agora os percorridos virtuais pola Casa-Museo nun proxecto encadrado na celebración do Día de Rosalía, que se celebra o 23 de febreiro
O presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira, os responsables de Cultura da Deputación da Coruña e do Concello de Padrón, Xurxo Couto e Lorena Couso, e mais o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentaron este 17 de febreiro o proxecto canda o resto da programación do Día de Rosalía, que se celebra o día 23. O convite volve dirixirse "a todo o país" para "ler textos da autora, facer un Caldo de Gloria e unirse á Alborada para Rosalía".
O acto central da fundación celebrarase o propio 23 de febreiro (12h) no compostelán Hostal dos Reis Católicos, con lecturas de poemas e as actuacións musicais dos Carapaus, Estela Pereira ao piano e Lía Ferrer ao violonchelo, ambas alumnas da Escola Municipal de Música de Santiago. Antes, ás 11, os Carapaus serán os encargados da Alborada e de poñer música á ofrenda á poeta na compostelá Praza de Vigo, preto de onde naceu en 1837, no daquela concello de Conxo.
Un ano máis, o Caldo de Gloria volve ser protagonista do Día de Soralía. "Xa se sumaron máis 200 locais hostaleiros e máis de 70 comedores escolares, ademais de concellos e empresas de toda a xeografía galega" a divulgar a receita. Quen o preparará na Casa Museo -o día 23 ás 19h- será desta volta Óscar Vidal, chef do restaurante padronés O Pazo Asador, a primeira Estrela Michelín da vila.