Este 1 de febreiro celebraraese un acto institucional no pazo municipal de María Pita na súa honra tras descubrir unha placa conmemorativa no cemiterio de Santo Amaro
O 2 de febreiro de 1923 morreu na Coruña Manuel Murguía, que nacera 90 anos antes en Arteixo. Dous días máis tarde foi soterrado no cemiterio de San Amaro, despois de que unha gran multitude despedise polas rúas da cidade herculina o seu cortexo fúnebre. A Real Academia Galega e o Concello da Coruña están a preparar un programa de actividades para conmemorar o centenario do pasamento do historiador, uns actos que comezarán o vindeiro 1 de febreiro, precisamente ao pé da súa tumba.
En San Amaro descubrirase ás 12 do mediodía unha placa conmemorativa encargada pola RAG e o Concello ao deseñador Pepe Barro. Despois, á unha, o salón de plenos do Pazo de María Pita acollerá un acto institucional na súa honra.
Nesta sesión intervirá Ramón Villares, académico e director da Sección de Historia da RAG. “Murguía é figura central da cultura galega contemporánea canda Rosalía, que é a escritora fundadora da literatura galega moderna”, destaca o historiador, que subliña que "conmemorar o centenario da súa morte significa rescatar e poñer en valor tres aspectos esenciais".
Villares destaca a contribución de Murguía "a crear a historia de Galicia, como un relato global interpretativo do ser de Galicia"
“O primeiro deles é a contribución a crear a historia de Galicia, como un relato global interpretativo do ser de Galicia; o segundo, o traballo político, como dirixente do rexionalismo de orientación liberal, colocando Galicia no contexto político peninsular, con Cataluña e o País Vasco como piares do que significaba a revista La España Regional; e, por último, a institucionalización da cultura galega mediante a fundación da Real Academia Galega, coa axuda das colectividades da emigración, nomeadamente da Asociación Protectora de La Habana, dirixida por Fontenla Leal e Manuel Curros Enríquez”, di Villares, que conlúe: “En suma, a Galicia actual sería moi distinta sen o traballo de figuras excepcionais como Murguía”.
A Murguía debémoslle "os alicerces históricos do galeguismo, así como símbolos da identidade galega", di Marilar Aleixandre
Os actos previstos este 1 de febreiro terán continuidade ao longo do mes coas Xornadas Manuel Murguía Centenario 1923-2023, que se celebrarán os días 2, 9 e 16 na Coruña, Santiago e Padrón. As xornadas están coordinadas polo propio Ramón Villares e mais por Marilar Aleixandre, directora da Sección de Literatura da RAG, que destaca que a Murguía debémoslle "os alicerces históricos do galeguismo, así como símbolos da identidade galega". Todas as sesións, de entrada libre ata completar a capacidade dos auditorios, poderán seguirse ademais en directo dende academia.gal e a canle de Youtube da RAG.
A xornada do 2 de febreiro, na Fundación Seoane da Coruña xuntará nunha mesa redonda a Xosé Luís Axeitos, a Ana Romero Masiá, a Pepe Barro e a Emilio Xosé Insua
A xornada do 2 de febreiro, na Fundación Seoane da Coruña xuntará nunha mesa redonda a Xosé Luís Axeitos, a Ana Romero Masiá, a Pepe Barro e a Emilio Xosé Insua. Axeitos, coeditor xunto a Xosé Ramón Barreiro do epistolario de Murguía custodiado na Academia, afondará na súa relación coa cidade da Coruña e a propia RAG; Romero Masiá centrarase nas orixes da RAG e a Sociedad de Folklore Gallego; Ínsua centrarase nos conflitos, logros e limitacións dos primeiros anos da RAG e Barro falará da bandeira galega de Manuel Murguía e Rosalía de Castro.
Compostela e Padrón acollerán senllos acto o 9 e 16 de febreiro
A sesión do 9 de febreiro, que se celebrará na Universidade de Santiago, contará coas achegas dos historiadores Xusto Beramendi e Ramón Villares e do politólogo Ramón Máiz. As xornadas concluirán na Fundación Rosalía de Castro o 16 de febreiro, onde o seu presidente, Anxo Angueira, moderará a mesa sobre literatura e nación que contará coa biógrafa de Rosalía María Xesús Lama e os tamén investigadores Xurxo Martínez e Ana Acuña.