Diversas entidades adiantan a celebración tras a recente investigación que precisa a efeméride e a Fundación Rosalía insta novamente á sociedade a celebrar masivamente a xornada
A Fundación Rosalía de Castro acolleu este martes unha reunión de diversas entidades culturais e educativas do país que tomaron a decisión de adiantar un día, do 24 ao 23 de febreiro, a celebración do Día de Rosalía. A mudanza da data prodúcese despois de que unha recente investigación veña de precisar a data da efeméride.
O Día de Rosalía vense celebrando desde hai anos cada 24 de febreiro por considerar que ese de 1837 fóra o día de nacemento da poeta, coincidente coa data do seu bautizo. Pero hai uns meses a filóloga Sagrario Abelleira localizou o expediente matrimonial de Rosalía e Murguía (voda que tivo lugar en Madrid en 1858), un documento que non se coñecía e que indica unha data distinta para o nacemento da autora nunha declaración notarial feita en xuño de 1843 pola súa nai, Teresa de Castro, e que se achegou nese momento como documento necesario para a formalización do matrimonio.
Nesa escritura notarial pódese ler: "Siendo presente doña Teresa de Castro [...], dijo: que en el día veinte y tres de febrero de mil ochocientos treinta y siete dio a luz a una niña que encargó a María Francisca Martínez, de la parroquia de San Juan del Campo, tragese a dicho Gran Hospital para que por uno de sus capellanes fuese bautizada solemnemente [...] poniéndole el nombre de María Rosalía Rita...".
Na reunión deste martes convocada na súa Casa-Museo participaron, segundo informa a Fundación Rosalía, representantes de entidades relacionadas co Día de Rosalía, como o presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), Cesáreo Sánchez; Xosé Lastra, presidente de Nova Escola Galega; Dores Silveira, da Asociación Socio-Pedagóxica Galega [de forma virtual] ou Olimpio Xiráldez e Erea Estévez Campos, da Asociación de Gaiteir@s Galeg@s. Tamén participaron representantes institucionais, como Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística; Lorena Couso, concelleira de Cultura de Padrón; ou Mercedes Rosón, concelleira de Cultura de Santiago [de forma virtual]. A Deputación da Coruña, cuxo deputado de Cultura, Xurxo Couto, non puido asistir por cuestións de axenda, manifestou o seu apoio á decisión tomada. Tamén, asistiu á xuntanza Sagrario Abelleira, a investigadora que realizou o achado documental.
"O Día de Rosalía converteuse nos últimos anos nunha das datas máis importantes do calendario cultural galego", di a súa fundación
A Fundación Rosalía salienta que “o Día de Rosalía converteuse nos últimos anos nunha das datas máis importantes do calendario cultural galego. Comezou sendo unha data celebrada e reivindicada pola AELG para logo conseguir unha presenza destacada no mundo escolar. Posteriormente chegaría a súa extensión a outros sectores máis amplos da sociedade e, ao mesmo tempo, a confirmación institucional”. A fundación insta, como nos últimos anos, a que escolas e restaurantes de todo o país fagan ese día un Caldo de Gloria, iniciativa inspirada no poema “Miña casiña, meu lar” na que “a poeta explica como facer un caldo humilde e no que se relata a épica diaria da supervivencia”.