A Fundación Rosalía e o Museo do Pobo reclaman o desbloqueo da proposta de lei do Panteón de Galicia no 130 aniversario do traslado dos restos da poeta
O presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira, e o presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego, Justo Beramendi, realizaron este martes unha ofrenda floral no Panteón de Galegos Ilustres para conmemorar o 130 aniversario do traslado dos restos da poeta Rosalía de Castro a desde Iria Flavia (Padrón) ata a igrexa de San Domingos de Bonaval en Santiago de Compostela.
″Un panteón un pouco raro porque nestes 130 anos viviu nun baleiro normativo absoluto. Non existe ningunha norma nin municipal, nin autonómica, nin estatal que regule o seu funcionamento, nin o seu financiamento. Polo tanto, é unha situación un tanto precaria, e atreveríame a dicir que indigna, para o panteón dunha nación e dun país″, argumentou Justo Beramendi.
"As circunstancias deste panteón non son dignas dun espazo simbólico capital na Galicia contemporánea", di Anxo Angueira
Os representantes de ambas institucións reclamaron a "regularización" e "dignificación" da situación inédita na que se atopa o Panteón de Galegos Ilustres, dependente do arcebispado de Santiago, ao que se accede a través do Museo do Pobo Galego. Unha situación "agravada" coa pandemia da COVID, pois o seu acceso permanece pechado pola falta dos recursos humanos necesarios para cumprir coas normas de seguridade manifestada polo Museo do Pobo. "As circunstancias actuais deste panteón non son dignas dun espazo simbólico capital na Galicia contemporánea", salientou Anxo Angueira.
Angueira e Beramendi fixeron un chamado a "desbloquear" no Parlamento de Galicia a proposta de lei do Panteón de Galicia que, por iniciativa do Museo do Pobo Galego, presentou o Consello da Cultura Galega en 2011. Unha iniciativa consensuada con outras institucións culturais como a Real Academia Galega, a Fundación Alfredo Brañas e a Fundación Castelao, ademais do propio Museo e a Fundación Rosalía.
"No arcebispado de Santiago había unha intención de ceder o templo durante cen anos", defende Justo Beramendi
"Teño entendido que no arcebispado de Santiago había unha intención de ceder o templo durante cen anos", engadiu Justo Beramendi sobre un dos impedimentos abordados na Cámara galega hai dez anos. No seu chamado a "intentar solucionar o baleiro legal e o acceso público a este espazo", Anxo Angueira apuntou que a propiedade eclesiástica da igrexa de San Domingos de Bonaval "non é un óbice para que se lle dea dignidade, pódese falar e chegar a acordos". "Hai espazos eclesiásticos que teñen unha actividade civil", incidiu.
A Fundación Rosalía lembra que a consolidación do Panteón de Galegos Ilustres como un símbolo foi posible ″grazas aos esforzos conxuntos de diversas institucións, tanto públicas coma privadas, que coidaron e patrocinaron aquel recinto e os sartegos das persoas alí soterradas″.
Todo comezou precisamente en 1891, cando por iniciativa da Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago, o Concello de Santiago de Compostela, a Asociación Rexionalista Galega e un grupo de estudantes da Facultade de Dereito da Universidade, tomouse o acordo, co consentimento de Manuel Murguía e da familia de Rosalía de Castro, de trasladar os restos mortais da escritora desde o cemiterio de Adina, en Iria, ata a igrexa conventual de San Domingos de Bonaval.
Ese 25 de maio de hai agora 130 anos foi o primeiro paso para a constitución do actual Panteón de Galegos Ilustres, no que descansan figuras chave para a historia do país como Daniel Rodríguez Castelao, Domingos Fontán, Alfredo Brañas, Ramón Cabanillas e Francisco Asorei.
"Non só é un acto conmemorativo do traslado do cemiterio de Adina, de Iria, aquí a Compostela. Foi un acto que cómpre conmemorar porque tivo un impacto social e político. Un acto de masas vinculado a un incipiente rexionalismo galego, e un acto que canonizou a figura de Rosalía de Castro", defendeu Anxo Angueira.