Este sábado 24 de febreiro celébrase un ano máis o Día de Rosalía, conmemorando o aniversario do nacemento da poeta. Un día antes o Teatro Colón da Coruña acolleu a Gala Rosalía de Castro 2018, que combinou actuacións musicais e intervencións poética que buscaron amosar "a versión máis reivindicativa e moderna da escritora". A Gala está organizada pola Deputación da Coruña, que esta semana exhibe na fachada da súa sede unha gran faixa que representa a Rosalía de Castro como unha superheroína de banda deseñada.
Os actos ao redor do Día de Rosalía foron presentados o martes nunha rolda de prensa na que a vicepresidenta da Deputación da Coruña e responsable da área Cultura, Goretti Sanmartín, subliñou que a poeta foi unha “muller moderna cun pensamento revolucionario que continúa vixente” e incidiu en que “é preciso superar os tópicos e a visión de tristura sobre Rosalía”, pois “ela foi unha muller combativa”. “Rosalía foi unha muller vangardista e revolucionaria e, hoxe en día, estaría en contra da violencia de xénero, da diferencia salarial, dos abusos ou de calquera forma de acoso”, concluíu a vicepresidenta, nun acto cheo de cor (e de globos) ao que asistiron alumnas e alumnos do IES Rafael Puga Ramón da Coruña.
A Gala estivo presentada pola actriz e poeta Lorena Conde e contará coa participación de Najla Shami, Nastasia Zürcher e Abe Rábade, Tempo Catro e Xiana Lastra (A banda da Loba) na parte musical e Cesáreo Sánchez Iglesias, Marta da Costa e Rosalía Fernández Rial e Anxo Angueira na poética.
Na presentación, Xiana Lastra destacou que o espectáculo do venres será "interxeracional”, xuntará a “persoas de todas as idade e xéneros” e exhibirá os “elemento máis trangresores da súa obra”, amosando “a mensaxe de actualidade que teñen os temas de Rosalía”. “Ten seguramente unha maneira de escribir menos directa que autores como Celso Emilio; a súa escrita contén moitas mensaxes sobre feminismo, dereitos da muller, que poden non ser tan rechamantes, pero que están aí e que seguen estando moi vixentes”, sinala.
“Ata hai pouco había aínda esa imaxe de Rosalía chorona, triste, como unha poesía de laio simplemente. Pero iso vai cambiando a medida que pasa o tempo. Tamén se está facendo un bo traballo nese sentido, sobre todo dando a coñecer a súa figura á xente nova, que é algo moi importante”, destaca. “Neste senso, esta imaxe de Rosalía como unha superwoman, como unha superheroína, é moi necesaria, amosa esa Rosalía contemporánea, esa Rosalía moderna, e achega a súa mensaxe ás novas xeracións. Consegue que os rapaces e rapazas a vexan como unha escritora actual, animándoos a achegarse á súa literatura e á súa figura e a que queiran saber máis dela”, engade.
No concerto todos os grupos e artistas interpretaron dúas cancións compostas a partir de poemas musicados de Rosalía. Non faltou o "Tecín Soia" que adoita soar nos concertos de A Banda da Loba. "Sabiamos perfectamente que queriamos musicar Tecín Soia, porque é un exemplo de autonomía da muller, para desenvolverse na súa vida aínda que non tivese un compañeiro ao lado”, destaca Xiana Lastra, que en 2013 xa participara no libro-cd A miña primeira Rosalía (Xerais), no que xunto a María Manuela ou Mini e Mero musicaba unha ducia de poemas.
A Banda da Loba, que se prensenta como "Música con M de Muller", publicou a finais do pasado ano o seu primeiro disco, Bailando as rúas, que contén once temas a partir de textos de Rosalía Fernandez Rial ("Bailando as rúas" e "Nunca ninguén") e Celia Parra ("Tres segundos de memoria" e "Coma un blues") ou de Celso Emilio Ferreiro ("Ti e eu" e "Abrente"). "Temos moita sorte, porque a verdade é que no eido da poesía contemporánea temos un nivel enorme en Galicia", subliña Lastra, que explica que "as miñas poetas de referencia poden ser Rosalía Fernández Rial ou Celia Prada, que son amigas e musicámolas con A banda da loba". "Despois hai outras poetas moi interesantes, como Antía Otero ou Helena Salgueiro. Ou Andrea Porto e Marcela Porto, dúas das músicas da banda", engade.