0 Gardados para despois

Praza Pública

Unha ducia de lugares para percorrer a vida e as letras de Rosalía de Castro

Este 24 de febreiro Galicia celebra unha data que non é oficial, pero que dende hai xa varios anos enche o país de memoria e homenaxes en torno á obra e á figura de Rosalía de Castro. O Día de Rosalía é unha excelente escusa para achegármonos algúns dos lugares, físicos e sentimentais, que nos permiten percorrer a vida e as letras da poeta. Algúns destes lugares forman parte da Ruta Rosaliana e outros non, pero poderían.

  • O antigo Camiño Novo de Santiago

    No antigo Camiño Novo compostelán naceu a poeta o 24 de febreiro de 1837. A súa casa natal, xa desaparecida, atopábase na contorna da actual Praza de Vigo, onde un monumento a lembra dende os anos 80 do século pasado.

  • Ortoño

    En San Xoán de Ortoño (Ames) Rosalía de Castro pasou a súa infancia. En 1923 o Seminario de Estudos Galegos fundouse neste lugar como conmemoración da presenza da poeta.

  • Bastavales

    No Concello de Brión, ás beiras do Sar, atópase a igrexa de Bastavales. As súas campás, instaladas a comezos do século XIX, eran escoitadas por Rosalía de Castro dende Ortoño e a elas dedicaríalles un dos poemas incluídos en Cantares gallegos.

  • Pazo de Hermida, en Lestrobe

    O Pazo de Hermida, tamén coñecido como Torres de Lestrobe, era propiedade de familiares da autora e nel pasou varios períodos da súa vida. En Lestrobe escribiu e tamén foi o lugar de nacemento dos seus fillos, Ovidio e Gala. Esta contorna é evocada no poema 'Como chove mihudiño', en Cantares gallegos.

  • Padrón

    Na vila padronesa son moitos os lugares que lembran a Rosalía, dende casas nas que viviu ata o monumento que a lembra no paseo do Espolón.

  • Pazo de Arretén

    O Pazo de Arretén foi propiedade da familia materna de Rosalía de Castro e tamén figura na súa obra, nomeadamente en Follas novas. Esta 'casa grande' data do século XVI e sufriu abondosas modificacións.

  • Cemiterio de Adina

    Tras o seu falecemento en 1885 Rosalía foi soterrada no cemiterio de Adina, en Iria Flavia. Alí permanecerían os seus restos ata 1891.

  • San Domingos de Bonaval

    En maio de 1891 os restos de Rosalía de Castro foron exhumados e, nun acto solemne, trasladados á capela da visitación do convento de San Domingos de Bonaval, a un conxunto escultórico elaborado por Jesús Landeira. Alí permanecen, no actual Panteón de Galegos Ilustres.

  • As librarías e bibliotecas

    Múltiplas librarías e bibliotecas celebran esta fin de semana actos especiais en lembranza de Rosalía. En moitas delas estará moi presente a iniciativa 'Abride a fiestra', impulsada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.

  • O sabor do Caldo de Gloria

    Non é un lugar, pero son moitos. Tantos como restaurantes, tabernas e fogares nos que ao abeiro do Día de Rosalía se prepará o caldo que a autora describiu no poema 'Miña casiña, meu lar'