0 Gardados para despois

A Casa de Rosalía, "reinaugurada" 45 anos despois para encarar o futuro

Redacción | @prazapublica

O 15 de xullo de 1972, xornada do octoxésimo sétimo aniversario do falecemento de Rosalía de Castro en Padrón, a vila inauguraba a Casa-Museo da autora. Este 15 de xullo, 132 anos despois do pasamento e tras 45 anos de traxectoria do espazo museístico, a Casa da Matanza iniciou unha nova andaina. "Reinaugurouse". Tras media década de traballos a Fundación Rosalía vestiuse de festa para, en verbas do seu presidente, Anxo Angueira, vivir "un día moi especial e importante, un día histórico" a partir do cal o histórico edificio abre as portas de novos espazos, amplía a súa colección museística e ofrece novas perspectivas da poeta.

"A renovada Casa-Museo anova case por completo a súa museoloxía, adaptándoa aos novos tempos e ás novas lecturas da escritora", explica a Fundación. Trátase, detallan, de que as persoas que a visiten "comprendan a importancia de Rosalía como figura central da cultura galega, achegando información esencial para entender a súa obra", a de Murguía e a dos seus fillos. O proxecto realizado por Pepe Barro, desenvolvido co apoio económico da Deputación da Coruña, baséase nunha mestura de "pezas senlleiras", caso do retrato de Rosalía obra de Modesto Brocos ou mobles da familia, coa "reprodución de documentos de arquivos e bibliotecas, como manuscritos ou edicións especiais".

Unha das principais novidades da Casa-Museo é que achega un espazo completamente novo que ata agora non era posible visitar: o sobrado. "Talvez -di a Fundación- o máis importante sexan as pezas que agora se incorporan ao novo discurso: os cadros de Ovidio, o guecho de pelo de Rosalía, o piano e o tresillo familiares, a réplica do vestido ou os documentos do Arquivo Ramón Baltar Feijóo, entre outros".

O resto da casa tamén experimentou notables intervencións. As que antes se presentaban como "comedor e cuarto das nenas" son agora "un único espazo dedicado á familia Murguía-Castro como unha factoría cultural". O espazo central do cuarto no que faleceu a poeta aprovéitase coa nova proposta para "explicar o proceso de mitificación da autora a través de pezas expositivas" como coroas, un relicario, poemas ou traducións". A peza fundamental segue a ser, non obstante, a propia cama, co cadro de Ovidio que representa a Rosalía xacente. O salón, pola súa banda, pon agora o foco no "discurso feminista de Rosalía, con proxeccións de vídeo e audio" tirados de cartas, artigos e outros documentos.

Quen descubra agora a casa ou volva visitala atopará tamén un novo espazo temático, Os pais do país, co que a fundación pretende amosar a Rosalía e a Murguía como "artífices intelectuais da Galicia contemporánea, do país que somos". Nel amósanse e explícanse documentos dos protagonistas da exposición, pero tamén doutras figuras como Castelao, e obxectos de especial valor simbólico, como a bandeira que foi empregada na inauguración do monumento rosaliano de Padrón en 1957, "utilizada en toda a comarca en actos galeguistas e recentemente doada á fundación". O fondo desta sala está ocupado por pantallas con imaxes múltiplas, combinando estampas de Rosalía con imaxes de nenas e nenos do CEIP Rosalía de Castro da vila a debuxar a bandeira galega.

Ao acto de "reinauguración" acudiron representantes institucionais de todo o país, caso da RAG, a Deputación coruñesa, ou a Xunta. A música de Amancio Prada foi a banda sonora dun serán no que, como cada 15 de xullo, a Fundación entregou a súa Rosa de Galicia "a unha persoa ou institución que destacase na promoción do legado rosaliano". Desta volta a distinción foi para a familia de Camilo Agrasar, "alguén do pobo, republicano e galeguista, que velou toda súa vida por esta casa, que se entregou a ela con paixón nos tempos máis difíciles e lle testou, como despois seguiu facendo a familia, documentos e pezas de valor incalculable", di Angueira.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.