Este luns 24 de febreiro celébrase o Día de Rosalía, no que se conmemora en toda Galicia o aniversario do nacemento da autora. Este domingo a AELG homenaxeou a poeta no Panteón de Galegos Ilustres e este luns pola mañá realizouse en Compostela a tradicional ofrenda floral nos monumentos que a poeta ten na Praza de Vigo (preto do lugar no que se sitúa a súa casa natal) e na Alameda. Uns actos de homenaxe impulsados pola Fundación Rosalía que continuarán esta tarde na Casa da Matanza de Padrón.
Ramón Otero Pedrayo, Luz Pozo Garza, Ricardo Carvalho Calero, Basilio Losada, Victoriano Taibo, Francisca Herrero Garrido ou Fina Casalderrey centraron en Rosalía os seus discursos de ingreso na RAG
Neste 24 de febreiro a Real Academia Galega tamén quixo lembrar a fonda pegada que a autora deixou na institución e moitos dos seus e das súas integrantes. Rosalía e a súa obra foron o tema central en varios discursos de ingreso na institución, comezando polo de Ramón Otero Pedrayo en 1929 e continuando polo de Ricardo Carvalho Calero en 1958 (respondido polo propio Otero Pedrayo). Tamén no de Luz Pozo Garza en 1996, no de Bernardino Graña en 2010 e no de Marina Mayoral en 2017.
As referencias á autora estiveron tamén presentes nos textos de Basilio Losada, Victoriano Taibo, Francisca Herrero Garrido, Manuel Rivas, Fina Casalderrey ou Marilar Aleixandre. Como destacou Helena Villar Janeiro, académica correspondente, "non é de estrañar que os membros da Real Academia Galega se preocupasen da Rosalía de Castro creadora no xénero máis sublime no que pode expresarse o ser humano, no uso da palabra máis libre e reveladora".
Hai máis de 90 anos, en 1929, Ramón Otero Pedrayo ingresaba na Real Academia Galega cun discurso titulado 'Romantismo, saudade, sentimento da raza e da terra en Pastor Díaz, Rosalía de Castro e Pondal', no que afirma: "Entrar na obra de Rosalía é como entrar ao atardecer no xardín deixado dun pazo". Naquel texto, que foi respondido por Vicente Risco, Otero Pedrayo engade: "Mais enganaríase quen pensara que este xardín pecha, coa súa artística tristeza, o paraíso garimoso para os poetas decadentes. Non o creou o narcisismo da melancolía. Non representa o xogo funeral dunha alma que se goza na propia morte. Polo contrario representa a maior realización dun poderoso e enérxico espírito que pola dor triunfa na morte".
Carvalho Calero: "Nunca é infructuosa a labor sobre os testos rosaliáns. E menos pra os galegos. Estudar a Rosalía é nos estudar a nós mesmos. E fainos moita falla nos coñecer, porque ¿cómo poderemos actuar no mundo sen saber quénes somos?"
Tres décadas despois, en 1958, o autor homenaxeado no Día das Letras Galegas deste 2020, Ricardo Carvalho Calero, ingresaba na Academia cun discurso titulado 'Contribución ao estudo das fontes literarias de Rosalía'. Nel, Carvalho Calero di que "nunca é infructuosa a labor sobre os testos rosaliáns. E menos pra os galegos. Estudar a Rosalía é nos estudar a nós mesmos. E fainos moita falla nos coñecer, porque ¿cómo poderemos actuar no mundo sen saber quénes somos? (...) Galegos somos, e nada rosalían enos alleo".
Nese discurso remata afirmando: "Hoxe, cando Rosalía ten adquirido un posto na literatura universal, cando a obra de Rosalía comenza a ser desmontada e analizada por críticos i eruditos dos máis diversos países, compre que os galegos ocupemos o primeiro lugar nista xeral preocupación".
Rosalía estivo tamén presente dos discursos de ingreso de Francisca Herrera Garrido, que faleceu antes de podelo ler, e de Victoriano Taibo (1948). Nel, Taibo escribe: "Rosalía é o eixo obrizo arredor do que converxe, xúntase e xira toda a nosa vida e rexurdimento literario. É o providencial efecto da renacencia das nosas letras, e é a causa venturosa do esprendor poético da segunda metade do século XIX e do craror dos nosos días. Fai época: pecha un ciclo de fe, ofertas e ardencias, e abre outro ateigado de brizas realidades".
Basilio Losada: "O folclore mostra o pobo como espectáculo, pero Rosalía é a voz do pobo, dun pobo que non ten voz, e Rosalía descóbrella"
Tamén no de Basilio Losada, que en 2015 escribe "non hai unha Rosalía que algúns adxectivaron de “folclórica”, no seu primeiro libro maior, Cantares gallegos. O adxectivo non se sostén. Non hai nese libro folclore. O folclore mostra o pobo como espectáculo, pero, nese libro, Rosalía é a voz do pobo, dun pobo que non ten voz, e Rosalía descóbrella".
E, igualmente, no que Marina Mayoral, que ingresou na Academia en 2017 cunha intervención titulada: 'Por que Murguía destruíu as cartas de Rosalía?'. Nela, Mayoral afirma que "Destruíunas crendo que destruía unha imaxe de Rosalía que só el debía coñecer. Pero niso equivocouse: toda Rosalía está nos seus versos publicados: está o odio, pero tamén a piedade e a compaixón". A autora conclúe: "Algúns escritores conseguen coa súa obra converterse en símbolos dun país. Rosalía encarna a voz do pobo galego, é a súa alma mater, a gran Nai que reflectiu mellor que ninguén a psicoloxía, os problemas e as penas do seu pobo, a voz que denunciou as inxustizas e reivindicou os seus dereitos".
Fina Casalderrey: "Moito lles debemos a esas mulleres que, ao tomaren elas a palabra, nos deron a coñecer outras maneiras de ler o mundo. E, moi preto de nós, a Rosalía, quen tivo que escribir coas irtas rabuñaduras de toxos e de espiñas"
Aínda que de forma máis secundaria, pero importante, Rosalía está tamén nos discursos de ingreso de Manuel Rivas en 2009: 'A boca da literatura. Memoria, ecoloxía, lingua'; de Fina Casalderrey en 2013: 'Viaxe á semente: dende os refachos do corazón ata onde habita o imaxinario'; e de Marilar Aleixandre en 2017: 'Voces termando da paisaxe galega'.
Apunta Manuel Rivas que "Xa Rosalía de Castro se adiantou, como en tantas outras cousas, a relatar a desfeita. Esa si que é poesía comprometida. Esa si que é transmisión de información esencial. Hai poucos textos comparábeis (...) O que escribe Rosalía sobre a destrución das carballeiras son poemas que “rabuñan e morden”, dunha contemporaneidade espantosa".
Manuel Rivas: "O que escribe Rosalía sobre a destrución das carballeiras son poemas que “rabuñan e morden”, dunha contemporaneidade espantosa"
E, de igual xeito, Fina Casalderrey destaca que "moito lles debemos a esas mulleres que, ao tomaren elas a palabra, nos deron a coñecer outras maneiras de ler o mundo. E, moi preto de nós, a Rosalía —quen tivo que escribir coas irtas rabuñaduras de toxos e de espiñas".
Así mesmo, Marilar Aleixandre, que no seu texto uniu "as voces que terman da paisaxe galega", incorporou nelas voces científicas e tamén literarias, e dentro destas a de Rosalía. Aleixandre lembrou que "como pescudou Antón Santamarina, a primeira en utilizar a palabra “paisaxe” é Rosalía de Castro no prólogo de Cantares gallegos". "As voces todas concordan nunha advertencia: Termade da paisaxe", engadía a autora.
Luz Pozo Garza: "Ás poetas galegas sempre nos foi propicia Rosalía nunha ollada crespuscular"
Finalmente, Luz Pozo Garza ingresou na Real Academia no ano 1996 cun ensaio poético no que di: "Eu vexo a Rosalía como unha dorna trasnoitada, sen vela, desvelada, contra un vento rachado polas costas da morte. Pero ela resiste o temporal. Ela resiste o embate porque é lucida e porfía".
E no que conclúe: "Ás poetas galegas sempre nos foi propicia Rosalía nunha ollada crespuscular. A ela miramos sen distinguir o día da noite, o outono da primavera, a estación das chuvias do abrollar da primeira rosa. Para entrever as aves da alegría no revoar interiorizado dos paxaros medoñentos. Rosalía é a nosa precondición, que diría Jung. Dela herdamos o misterio da vida e acudimos a ela para facela partícipe das nosas confidencias".