Este luns 24 de febreiro celébrase o Día de Rosalía, que conmemora o aniversario do nacemento da poeta en 1837 en Compostela. Como vén sendo habitual nos últimos anos, en toda Galicia celebraranse actos ao redor da súa figura e obra, entre os que destacan os organizados pola propia Fundación Rosalía de Castro. Porén, hai moitos máis. Concellos, deputacións, entidades cultuais, centros de ensino..., todos e todas celebran o Día de Rosalía.
Este luns 24 de febreiro celébrase o Día de Rosalía, que conmemora o aniversario do nacemento da poeta en 1837 en Compostela
Unha das iniciativas máis orixinais é a que a Fundación Rosalía leva catro anos propoñendo, o 'Caldo de Gloria', baseado no popular poema 'Miña casiña, meu lar', no que explica como facer un caldo humilde e no que se relata a épica diaria da supervivencia. A autora escribe: "E na miña horta pequena / unhas coles fun catar. / Con un pouco de unto vello / que o ben soupen aforrar, / e ca fariñiña munda, / xa tiña para cear. / Fixen un caldo de groria / que me soupo que la mar; / fixen un bolo do pote / que era cousa de envidiar".
Así, seguindo a receita, anímase a preparar e degustar ese día un bo caldo galego. Pode ser na propia Casa da Matanza, onde o luns 24 ás 19 horas o Chef Rivera elaborará un caldo para todos os presentes, canda tres das mulleres responsables da Festa do Bolo do Pote de Mazaricos: Laura Prado, Esther Muíño e María García Tuñas. Pode facerse tamén nun gran número de restaurantes (case 200) que se uniron ao chamamento da fundación. Ou na propia casa de cada un, seguindo as instruccións que Rosalía dá no poema ou consultamdp a receita de Picadillo de 1905.
"Queremos que Galicia se lembre de Rosalía a través da nosa gastronomía popular e das leccións que nos dá a protagonista do poema: como sobrevivir e mesmo ser feliz a pesar da penuria e das adversidades"
A Casa de Rosalía destaca o incremento da participación este ano, sobre todo en Padrón, en Compostela (con 47 establecementos ofrecendo o caldo) ou Celanova (con 27). "Queremos que en lugares públicos, coma os comedores escolares ou os locais de hostalería, ou tamén no ambiente familiar e íntimo, Galicia se lembre de Rosalía a través da nosa gastronomía popular e das leccións que nos dá a protagonista do poema: como sobrevivir e mesmo ser feliz a pesar da penuria e das adversidades", destaca a Fundación. Entidades como Raigame, a Asociación de Hostelería de Santiago, a Fundación Curros Enríquez de Celanova ou a Asociación Cultural Apelón Educación de Mugardos apoian esta actividade.
O luns 24, ademais, Compostela acollerá un acto institucional que comezará ás 11 horas na Praza de Vigo (preto da súa casa natal), coa 'Primeira Alborada de Rosalía'. Ás 11.30, na estatua que a poeta ten na Alameda realizarase unha ofrenda floral e comezará unha marcha que rematará ás 12 horas no Hostal dos Reis Católicos, cunha ofrenda na pía e diversas intervencións institucionais e lectura de textos rosalianos. Música e unha degustación do Caldo de Gloria porán fin ao acto.
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo organiza unha trintena de actividades culturais ao redor de Rosalía, que se desenvolverán do 15 de febreiro ao 31 de marzo
Detacan tamén a programación organizada na provincia de Lugo a cargo da Vicepresidencia da Deputación, cunha trintena de actividades culturais que do 15 de febreiro ao 31 de marzo. Desenvolveranse recitais poéticos, representacións teatrais, actuacións musicais e intervencións artísticas co fin de ampliar o coñecemento e por en valor a vida e obra da autora, “referente necesario na procura de dignidade para a lingua e a cultura galegas e na defensa do papel das mulleres na sociedade”.
O venres 28 de febreiro, ás 20 horas, o Salón de Actos da Deputación de Lugo, acollerá un acto poético musical coa presenza de 23 poetas que lle porán voz a poemas de Follas Novas e Cantares Galegos e recitarán versos da súa propia autoría sobre temáticas abordadas por Rosalía.
Ademais, ao redor do 24 de febreiro en diversos espazos e localidades organízanse lecturas públicas da obra de Rosalía de Castro. En todos estes actos lerase o tradicional manifesto da AELG, que este ano elaborou o escritor Daniel Asorey.
" Levamos no sangue a valentía de quen camiña e, grazas a Rosalía, sabemos que as errantes tamén somos nós", escribe Daniel Asorey
"É difícil imaxinarnos sen Rosalía, como é difícil alentar sen ar ou vivir sen auga. É difícil entendérmonos sen nos saber errantes. Fagamos vivos os seus versos en cada persoa que foxe, en cada ser humano que chimpa un muro, que se bota ao mar, que decide o seu futuro e a súa identidade libremente. Levamos no sangue a valentía de quen camiña e, grazas a Rosalía, sabemos que as errantes tamén somos nós. Contra o medo e a intolerancia. Errantes polo mundo e sempre libres!", di o texto, que se abre co verso "ambos errantes polo mundo andamos".
A AELG organiza o acto central do Día de Rosalía de Castro, que terá lugar o domingo 23 de febreiro, ás 12 horas, no Panteón de Galegos Ilustres (San Domingos de Bonaval), en Santiago de Compostela, con entrada libre. Ademais, Ferrol, Vigo, A Coruña, Lugo, Cervo, Foz, Betanzos, A Guarda, Ourense ou Vilalba, entre moitas outras localidades, organizan cadansúa homenaxe.
Rosalía será tamén protagonista da VI Semana Cultural Convergências Portugal-Galiza
Rosalía será tamén protagonista da VI Semana Cultural Convergências Portugal-Galiza, que se desenvolverá entre o 23 de febreiro e o 1 de marzo cun amplo programa de actividades culturais que se desenvolverán en Santiago, Padrón, Ponteareas e Braga. A iniciativa, na que colaboran a Xunta, o Centro de Estudos Galegos da Universidade do Minho, a formación bracarense Canto D'Aqui, os concellos de Santiago, Padrón e Ponteareas e a Fundación Rosalía de Castro, enmárcase nas accións de desenvolvemento da Lei Paz Andrade para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía.