O Día de Rosalía, que neste 24 de febreiro celebra o aniversario do nacemento da poeta en Santiago de Compostela en 1837, está cada ano máis consolidada e máis estendida por toda Galicia, tanto a través das actividades que se levan a cabo en centros de ensino, como nas organizadas por institucións públicas ou por entidades culturais.
O Día de Rosalía, que neste 24 de febreiro celebra o aniversario do nacemento da poeta en Santiago en 1837, está cada ano máis consolidada e estendida por Galicia
O fortalecemento e popularización da conmemoración ten o seu reflexo dende hai anos na aprobación en numerosos concellos da moción que dende o 2011 vén impulsando a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) para a declaración desta data como Día de Rosalía. Xa son máis de medio cento de localidades, entre elas as cidades da Coruña, Ourense, Pontevedra, Santiago e Vigo, ademais das deputacións provinciais da Coruña, Pontevedra e Lugo.
"Quen mira a obra de Rosalía entende a muller de vangarda que hai detrás dela"
A AELG, ademais, publica todos os anos un manifesto co gallo do Día de Rosalía, redactado por unha autora ou autor. Nesta ocasión foi Anna R. Figueiredo, que escribe que "quen mira a obra de Rosalía entende a muller de vangarda que hai detrás dela, a insubmisa, a creadora do pensamento, a inconformista, a muller valente que elixe a palabra para loitar contra a inxustiza e para crear un país sublime. Ser Rosalía é ollar cara a unha nova normalidade na que só podemos avanzar".
"Quen mira a obra de Rosalía entende a muller de vangarda que hai detrás dela, a insubmisa, a creadora do pensamento, a inconformista, a muller valente que elixe a palabra para loitar contra a inxustiza e para crear un país sublime", dise no manifesto
"Teño o teo de seguir ergueita, cara adiante, na túa lembranza e no teu camiño. Na forza da túa modernidade, na forza da defensa das que nos precisan. Na construción da identidade. No cantar que nos libera, consolo dos mares, alivio das penas. No baile. Na voz. No xeito de nunca nós calar. Así hoxe no teu aniversario, habémoste cantar, Rosalía", remata o texto, que será lido en todos os actos promovidos pola AELG, así como nos organizados por outras entidades que se sumaron ás propostas que a entidade remitiu a concellos, asociacións e centros de ensino.
Entre estes actos promovidos pola AELG destaca o que o vindeiro sábado 27 ás 12 do mediodía acolle o Panteón de Galegos Ilustres de San Domingos de Bonaval, en Santiago de Compostela. Porén, son moitas as actividades que se están a levar a cabo noutras cidades e vilas; por exemplo o que se celebra este mércores ás 17 horas na Coruña diante do Teatro Rosalía de Castro ou á mesma hora en Vigo ante a imprenta de Juan Compañel (Rúa Real, 12); e tamén en Lugo no Museo Provincial.
Figueiras, caldos e alboradas
Este mércores foron plantadas varias figueiras, fillas da árbore que se atopa en Padrón, na casa-museo da poeta
Tamén a Fundación Rosalía de Castro impulsa varias citas, encabezadas polo acto insitucional que este mércores pola mañá se levou a cabo no Parlamento de Galicia, onde foi plantada unha figueiriña procedente da casa-museo da poeta en Padrón. A Praza de Vigo, en Compostela, acolleu igualmente outro dos actos institucionais. Outra das fillas da figueira orixinal de Rosalía foi plantada no Pazo de Faramello (Rois).
A Fundación tamén anima a toda a cidadanía a levar a cabo dúas actividades en lembranza e homenaxe de Rosalía que botaron a andar nos últimos anos e que seguen a consolidarse: o Caldo de Gloria e a Alborada para Rosalía que impulsa a Asociación de Gaiteir@s Galeg@s.
Os centros de ensino
Entre as actividades propostas pola AELG para este ano estaba, por exemplo, a dramatización da canción "Esta clase parece un galiñeiro" do grupo The Lelli Kellies
Unha parte moi importante das actividades ao redor de Rosalía e das publicacións e vídeos realizadas esta semana son obra do alumnado de centros de ensino de todo o país: Bueu, Carballo, Nigrán, Tomiño, Sarria, Ourense..., e moitos outros. Entre as actividades propostas pola AELG para este ano estaba, por exemplo, a dramatización da canción "Esta clase parece un galiñeiro" do grupo The Lelli Kellies. Tamén a elaboración de máscaras coa imaxe de Rosalía e cuns versos da autora polo reverso que se recitarán na aula
Así mesmo, propuxérons actividades a partir das derradeiras palabras de Rosalía "abre a ventá que quero ver o mar", especialmente importante neste ano no que as fiestras foron tan protagonistas. Ou a realización de coreografías coa canción 'Non me asombres, negra sombra' na proposta de Sebastian Black e Its Soul.
A Rosalía máis contemporánea
A Deputación da Coruña organiza entre o 18 de febreiro e o 3 de marzo o Festival Rosalía, un encontro dixital arredor da poeta no que participan dezasete creadoras
A Deputación da Coruña organiza entre o 18 de febreiro e o 3 de marzo o Festival Rosalía, un encontro dixital arredor da poeta no que participan dezasete creadoras procedentes dos mundos da literatura (María Reimóndez, Rosalía Fernández Rial e Antía Yáñez), da música (Uxía, Guadi Galego e a rapeira Aid), do teatro (Larraitz Urruzola, Nate Borrajo e Tero Rodríguez), do cinema (Zaza Ceballos), da creación e a artesanía (Amorote, Deica Creacións, Rei Zentolo, OZOCOgz, Punto e Coma), e tamían as librarías (Libraría Pedreira e Libraría Lila de Lilith). "Estes testemuños audiovisuais fornecerannos exemplos concretos do impacto e vixencia que hoxe ten a obra de Rosalía de Castro en diferentes ámbitos da creación artística galega do século XXI", sinala a Área de Cultura da Deputación.
A Deputación de Lugo promove actuacións teatrais e intervencións artísticas pola provincia para reivindicar a actualidade da obra de Rosalía
En Lugo a Vicepresidencia da Deputación promove actuacións teatrais e intervencións artísticas pola provincia para reivindicar a actualidade da obra de Rosalía. Son, en total, quince representacións teatrais das obras “A pluma viva de Rosalía” de Os Quinquilláns, “Rosalía” de Fina Calleja e “A viaxe de Rosalía” de Larraitz Urruzola, montaxes inspiradas na vida e obra da autora.
Pola súa banda, a Deputación de Pontevedra organiza varias actividades, entre elas o concurso creativo de debuxo infantil A Nosa Rosalía e tamén unha proxección de frases ou versos de Rosalía nas fachadas emblemáticas da Deputación e nos concellos da provincia.
Son moitos os vídeos publicados nos últimos días en homenaxe a Rosalía
Igualmente, son moitos os vídeos publicados nos últimos días en homenaxe a Rosalía. Destaca, por exemplo, o elaborado por alumnas de 2º curso do grao de Educación Primaria da Facultade de Educación e Traballo Social de Ourense, realizado coa técnica do time-lapse. Ou, por exemplo, o gravado no Concello da Estrada por unha selección de persoas pertencentes ao ámbito da atención e das emerxencias sanitarias. O lema desta proposta videográfica, Mais ti vas indo, incide na "capacidade de resistencia e resiliencia que escritora e profesionais do sector sanitario amosaron fronte as moitas adversidades que lles tocou afrontar", neste caso durante a pandemia de Covid-19.
Son varias as etiquetas e cancelos propostos para participar na conversa social, entre eles #rdc, #rdc_2021 e #TeusDocesCantares, pero tamén #DiadeRosalía e #CoaForzadeRosalia
Neste ano, ademais, ás moitas versións xa existentes a partir de poemas de Rosalía, sumouse unha nova canción realizada sobre os seus versos. Trátase de "Follas Novas', a cargo de Lía Pamina e Os Peregrinos, publicada no seu single "Lúa Descolorida: Tributo A Rosalía De Castro" e que conta cun vídeo ilustrado por Raquel Calvo. Aínda que Lía Pamina é de Castellón, acompañouse neste proxecto polo ferrolterrán Roger Arias (Roger de Flor) e mais por Charlie Mysterio.
Neste 2021, así mesmo, as actividades e celebracións na rede gañan un protagonismo aínda máis destacado. Son varias as etiquetas e cancelos propostos para participar na conversa social, entre eles #rdc, #rdc_2021 e #TeusDocesCantares, pero tamén #DiadeRosalía e #CoaForzadeRosalia.