Cen anos do monumento a Rosalía, "o primeiro crowdfunding" da cultura galega

Seixas e Sanmartín, na presentación dos actos © Deputación da Coruña

En 1917 conmemorábase o octoxésimo aniversario do nacemento de Rosalía de Castro. Dende varios anos atrás un bo número de colectivos e entidades, lideradas pola Liga de Amigos de Santiago, traballaba nunha relevante homenaxe á poeta: lembrala cun monumento que sería instalado en plena Alameda compostelá, a cidade natal da autora. O longo proceso de recadación de fondos acabou sendo exitoso e o 30 de xullo daquel ano a actual capital galega vestiuse de gala para a inauguración da escultura que aínda actualmente destaca no principal parque de Compostela. Ás portas do centenario daqueles actos a área de Cultura da Deputación da Coruña prepara un programa de actos de lembranza do que, en verbas do investigador Miguel Anxo Seixas, pode ser considerado como o primeiro 'crowdfunding' da cultura galega.

A Cámara de Comercio, o Monte de Piedade, o Casino, a Asociación da Prensa, o Centro Obreiro ou, moi especialmente, os centros galegos da emigración foron os responsables de impulsar uns traballos a través das súas achegas. "Os cartos foron chegando de Bos Aires, da Habana, de Madrid ou de México, mais tamén das poxas celebradas nas festas de Santiago con obxectos doados pola xente ou mesmo das achegas de nenas e nenos, que contribuíron tamén a sumar forzas para a construción do monumento" ata sumar 30.000 pesetas, explicou Seixas en rolda de prensa coa vicepresidenta do ente provincial coruñés, Goretti Sanmartín.

O libro 'Quen fora pedra', asinado polo propio Seixas, será un dos fitos dunha conmemoración que, di o investigador, é especialmente relevante. "Trátase da primeira vez que a cultura galega homenaxea unha persoa que escribiu na súa lingua". "Que se lle faga un monumento con esforzo colectivo é para nós un orgullo", salienta, nun contexto no que sitúa como único antecedente o busto dedicado a Curros Enríquez en Vigo no ano 1911.

O programa de actos comeza este mes e culminará en xullo cunha recreación do cortexo cívico que inaugurou o monumento en 1917

A publicación deste libro é só unha parte das conmemoracións do programa de actos de lembranza, que culminará o propio 30 de xullo "cunha recreación do histórico cortexo cívico" que inaugurou o monumento, "un día de festa participativo para o que convidaremos a participar a todas as institucións e colectivos, ademais do conxunto da poboación, ao xeito do pulo que promoveu a instalación" dunha estatua "que é un espazo de especial relevancia na nosa historia", resalta Sanmartín. Antes, o día 23 deste mes de febreiro, na véspera do 180º aniversario do nacemento de Rosalía, celebrarse "un acto arredor da estatua" de "homenaxe á escritora, figura fundamental da nosa historia".

Dado que ao longo da historai foron "milleiros" as persoas que pasaron polo monumento e "multitude" os "actos literarios, sociais e políticos" celebrados en torno a el, a Deputación da Coruña anima ademais a "difundir a través das reds sociais fotografías da estatua para conmemorar colectivamente o centenario". Nesta liña, convidan a compartilas cos cancelos #QuenForaPedra e mais #Rosalia1917-2017.

 

 

 

 

Inauguración do monumento en 1917 Dominio Público Vida Gallega. Tirada de memoriasdecompostela.blogspot.com.es

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.